Que razón tiña Gardel cando cantaba aquilo de "que vinte anos non é nada"... Pasaron xa 20 anos desde que o PRESTIGE, un buque monocasco (seica ese foi un dos problemas), afundiu fronte ás nosas costas, á altura de Vigo, a unhas 138 millas mar adentro provocando a maior das mareas negras da nosa historia.
Esa marea de chapapote deu lugar a outra marea humana, a do NUNCA MÁIS, pero 20 anos despois os grandes petroleiros seguen pasándonos por diante dos narices, 36.000 barcos ao ano, e o 35% deles con cargas perigosas coma o petróleo, segundo sinala Greenpeace (El Correo Gallego 18/11/22).
Tamén Gardel cantaba que o esquecemento todo o destrúe, e para que o noso alumnado, que xa non sabe que é iso do Prestige non esqueza o desastre, asistiu á representación de N.E.V.E.R.M.O.R.E, de Chévere Teatro, da que xa demos conta no seu momento (Clicar aquí) e sacamos ao vestíbulo obras que versan sobre esta traxedia, algunhas xa cuns aniños coma Prestige. Crónica negra dun modelo enerxético insostible, do CEIDA; e outras de recente incorporación ao noso fondo como Tal como foi, tal como fomos, de Xosé Manuel Pereiro. Se queredes botarlle unha ollada non dubides en pedilos na Biblioteca.
