A melancólica soidade que percorre
este mar de Cunqueiro latexa compasada ao devir das luces e sombras
da natureza. Velaí unha clave destes versos: poucos libros coma este
para recoñecer que a nosa experiencia da vida está moitas veces
profundamente ligada ao medio material no que ela se desenvolve.
Nestes poemas o impacto emocional do
sentimento está prendido nunha minuciosa cartografía que a memoria
conserva, e da que é testemuño a inmediatez que confire a morea de
deícticos que saturan o texto (agora, este, eiquí, hoxe, así,
alá, xa...: o instantiño aquel...),
no medio
dos cales se distribúe
o espesor da realidade: obxectos exactos (tres espellos,
cinco fiestras, seis gueivotas...);
opostos sensoriais (alba rosa / turba; presencia /
fuxida...); e concretas
referencias espaciais (porto, mar outa, illa, terra
adrento...).
Outra clave: hai pasados que sempre
son presentes. A memoria viaxa dende o porto ata a illa, e dende a
illa ata o porto, e actualiza, coa axuda desa precisa exactitude da
linguaxe, un recordo que navega entre sentimentos de dor e gozo.
Cos seus vaivéns mariñeiros, con
este libro sempre teño a sensación de que hai historias que nos
subxacen que un día tiveron o seu principio, pero que non poden ter
final.
(Imaxe tomada de espazowiki.wikispaces.com)
1 comentario:
Confirmado: ten que darse a ver máis por aquí, sr. Miguez.
Publicar un comentario