Por Carlos Meixide
Foto: Tamara Seijas
É
tan vella coma o humano en si a tendencia de xogar a algo sen saber a que se
está xogando. De aí que un dos "telos" de Occidente foi, en boa parte
da súa Historia, evitar este comportamento ético. Porén, semella que adoramos a
Rembrandt ou aos Beatles; ás figuras que nos causaron ao longo dos séculos un
pracer estético. Mais ninguén se lembra de Marie Curie ou Faraday e os seus
periplos, verdadeiros mestres aos que Ramón Cid aludiu na súa maxistral
conferencia. Abofé que aí fica o paradigma: as persoas son números, pero non
todas son compatibles con eles e, por conseguinte, non comprenderán o xogo se
este leva as matemáticas por detrás. Fálase de enerxía nuclear e pensamos en
algo sobrenatural, un ente divino e excelso que nos permite visualizar o
nocello que escordamos ou ver como a nosa futura descendencia se revolve antes
de vir ao mundo nun monitor; mesmo alumar os nosos fogares nas noites escuras.
Emporiso,
cómpre facer unha escisión sintáctica no concepto. Con números de fondo,
enténdese por enerxía a capacidade física para exercer un traballo, isto é
traducido, causar desprazamento (agás en termodinámica, que non é de natureza
mecánica); mentres que nuclear fai referencia a tal parte do átomo. De
resultas, a enerxía nuclear orixínase dende unha das catro interaccións
fundamentais da natureza, a forza nuclear forte (responsable de manter unidos
protóns e neutróns), ora rompéndoa (fisión), ora causando a súa aparición
(fusión). A primeira forma é a que ata agora traballou da man da ciencia. Foi
inherente para o postulado da existencia do ADN, o achado biolóxico máis
importante do século XX; pero así e todo tamén serviu para pór fin á II Guerra
Mundial, matando a 200.000 persoas instantaneamente. En calquera caso, é a
presente nos reactores das centrais nucleares, que utilizando isótopos
radiativos moi inestables do uranio, acaparan o 6% da produción enerxética a
nivel global, sendo en torno ao 80% de proveniencia non renovable. O fundamento
desta estatística reside no medo a un novo Chernóbil ou Fukushima que
desemboque nun cataclismo (con todo, dise que a URSS posuía a suficiente
cantidade de plutonio para desestabilizar en caso de colapso o eixe de rotación
terrestre) e na problemática moral do legado ás futuras xeracións de residuos
nucleares moi contaminantes (24000 anos pode chegar durar a irradiación de
determinados elementos). Pola outra banda, a fusión nuclear é o proceso
mediante o cal as estrelas obteñen enerxía obtendo núcleos de helio a partir
de hidróxeno, coma se dun gran forno atómico se tratase. A celebérrima e
romántica máxima de Carl Sagan "we are star dust" precisamente vén a
significar que todos os elementos que nos constitúen proveñen da reacción de
fusión que tomou lugar nunha estrela. Está en proceso simular as condicións
precisas para obter enerxía deste xeito. Só cabe sinalar que é necesaria a
obtención dunha temperatura que ronda os 15 millóns de graos Celsius.
1 comentario:
Se a miña charla contribuiu algo a estas lúcidas manifestacións de Carlos Meixide síntome máis que afortunado.
Poesía en prosa!
Publicar un comentario