Nerea Álvarez González
Fitei-te
na procura dos teus Ollos
-miles de ollos-
de escuma vigorosa
Observei-te
para posuírte,
Mar Poderoso
para recordarte,
ausente.
Mirei-te
Cando agreste procurabas as
rochas
facendo túa a paisaxe,
devecendo converter en
Dozura
o vento norteño
o xélido faro impenitente.
Desexei-te
lambendo o teu ollar furioso
a túa forza indómita
nunca dominada polo home
impaciente.
Terei-te
Océano inmóbil,
no meu penar diario,
na miña rutina cansa de
non verte.
Reterei-te
na memoria dos séculos
testemuña de covardías e
feitizos
cómplice de errantes
pensamentos.
Serás por sempre meu
Mar Inexistente
dobregado, por fin, polo meu
espírito xacente
Misteriosa
soidade
de desespero
Aquela
lámpada
escintilante
devora as tebras.
Remorsos
contemporáneos,
extraviados.
Desexos
esgrevios
Amores
pasaxeiros
Xorden
inquedas
estrelas sen brillo
Coruscan
eternamente
farois troleiros,
fanfarruñeiros.
Soños
incontestados
que se perden
Erros
nefandos
de alguén
que
soñou
Xa non hai Amor
Invento
decapitado
de alguén
que
medrou
Amor
Reparos
ditosos
dun salaio
dunha bágoa
dunha area
AMOR
Inexistencia
pacífica
de alguén
que
mirou
Silencio
profundo,
esgazadura e
dor
Voces
confusas
Miradas
erradas
Sentimentos
inconfesables
de alguén
que
amou
Amor?
Voces,
paixóns,
e,
unha faísca,
unha herba,
un recordo
no
horizonte
que
sospeita:
XA
NON HAI AMOR.
Parabéns, Nerea
Ningún comentario:
Publicar un comentario