26 decembro, 2025
17 novembro, 2025
Coa nosa xente : Miguel Gulín Castro
Ao fío do logro de ser o número un na oposición ao
Corpo Executivo do Servizo de Vixilancia Aduaneira (SVA) da Axencia Tributaria
na modalidade de Navegación, traemos hoxe á sección Coa nosa xente ao
graduado en Náutica e Transporte Marítimo Miguel
Gulín Castro.
![]() |
| Miguel Gulín, Foto: Marcos Míguez / La Voz de Galicia |
Durante a travesía de tres meses de prácticas nun
petroleiro, foi cando Miguel tomou a decisión de se presentar ás oposicións. Verbo
disto confesa en declaracións a La
Voz de Galicia: Xa o vin claro,
pensei que estar embarcado era unha aventura, pero con vistas ao futuro a
oposición é un traballo que me daría estabilidade. Aclarando ademais o
porqué da elección: A miña especialidade
ten como obxectivo combater unha lacra como o narcotráfico, é algo que me
enche.
E meu dito, meu feito. Ao tempo que remataba o traballo
de fin de grao, comezou xa a preparar as oposicións, estudando como un tolo (tal e como Miguel lle confesa a Rocío Ramos
para La Voz de Galicia) e compaxinándoo
con prácticas no Centro de Comunicacións Radiomarítimas da Coruña, prácticas a
media xornada. Así que, saía a mediodía e
estudaba ata as once da noite. Foi un atracón.
Á parte, Miguel, desde terceiro de carreira,
traballou como camareiro para dispor de autonomía económica: Estaba na Coruña, vivindo fóra da casa e quería gañar para min (sic La Voz de Galicia). Un exemplo claro de
que o esforzo adoita ter recompensa.
Moitos parabéns e moito ánimo, Miguel.
A seguir o noso Miguel cando o 2º do
Bacharelato:
![]() | ||
|
28 outubro, 2025
XII Concurso Literario Mª Vitoria Taboada : Veredicto e textos premiados
O xurado do XII Concurso Literario Mª Vitoria Taboada acordou por unanimidade outorgar os seguintes premios:
1º premio na categoría de relato curto a XABIER SALGUEIRO LÓPEZ de 4º de ESO B polo relato "Cando o ceo fala", unha historia chea de misterio, emoción e esperanza, na que Xoán, o protagonista, descobre que os segredos tamén poden pesar no ceo… e que dicir a verdade pode cambiar o tempo.
Accésit na categoría de relato curto para ANA MARÍA LÓPEZ FERNÁNDEZ polo relato que comeza “Din que cando alguén marcha de entre nós”, un relato cheo de emoción, lembranza e sentimento, que nos fala do poder do recordo e do amor que permanece máis alá da ausencia e que nos fai entender que a quen queremos nunca marcha de todo, mentres siga a florecer na nosa memoria.
O xurado considerou deixar desertos so premios de poesía e sketch teatral.
A entrega de premios terá lugar na no segundo trimestre.
A edición do libro cos textos premiados estará acompañada de ilustracións que realizará o alumnado do Bacharelato de Artes e que presentaremos no seu momento.
A seguir os textos premiados (o cartel da portada é obra de Elba Couso Patiño).
23 outubro, 2025
Unha recomendación: "Un poema que lembrar", de Raquel Montoto Gómez
Di Raquel no prólogo que espera que os seus poemas acompañen ao lector, recoñecendo este "as súas propias emocións ou descubrindo outras novas". Engade a evidencia da función comunicativa da súa escritura: comunicar é compartir. Non coñezo teoría literaria máis certa ca esta, falando da poesía.
Hai un veo de tristura tenra e amarga en todos estos poemas, poemas que contan a historia dunha mente aterecida de anguria polo paso do tempo, dunha mente sensible que confronta o prodixio da existencia co seu baleiro incomprensible. Pero tamén mostran estes versos algunha das agarradoiras que nos ofrece a vida: a arte e a propia experiencia reflexiva. Veño de usar un nós, e penso de novo no prólogo...
Un poema que lembrar é o conxuro de Raquel, a forma de respostar ao seu primeiro poema: de certo que o tempo voa, pero de certo tamén que moitas evolucións son boas. Este libro é un radical testemuño diso. Agora, Raquel, no día do teu aniversario, saudamos dende a Marela a túa poesía, un exemplo de que sempre se pode facer algo distinto antes de sentir que é demasiado tarde.
Entre notas e silencios
A música escapa do papel e vira tempo vivido.
O silencio deixa espazo para o son que non se escoita.
O corazón escoita o que o oído non alcanza.
Cada nota é un recordo que se repite.
O silencio entre notas é a melodía verdadeira.
13 setembro, 2025
08 setembro, 2025
Profesor Cañoto
![]() |
| Fixo o ingreso en 1954. En 1971, incorporouse como profesor de educación física. |
Comezou no oficio alá nos tempos en que os alcumes dos profes obedecían aos afiados criterios de elaboración e selección que a cultura agraria esixía (o instituto era o centro da comarca de Deza, ampla e rural).
Irreverente, librepensador e nadador contra corrente, Cañoto deixaba asexar -ocasionalmente- a Brandido (Ese canta ben, ten unha voz rouca como a miña -eloxiaba Leonard Cohen) ou a Javier: Mario, se me recordan por algo neste instituto, é por esas árbores que plantei -confioulle a fozabibliotecas, ao pouco de plantar con Benito, o seu compatriota galadhrim, as árbores que hoxe flanquean, orgullo de noso, os campos de deporte do instituto.
Non hai adeallo con solidez abondo como para protexernos todo o tempo e a Javier Brandido Taboada non lle quedou outra que descubrirse como home de firme formación académica e de extraordinaria sensibilidade persoal e social.
Ao abeiro da norma que permitía ao profesorado con titulación adecuada exercer como Orientador, el, durante décadas profesor de educación física e licenciado en psicoloxía, converteuse no primeiro orientador do instituto.
Ás vinchas coas máscaras protectoras! Desde a súa nova función, atendeu os problemas individuais que o requerían, organizou actividades de formación para o profesorado e entendeu, coma ninguén, que os problemas aos que se enfrontaba tiñan unha raíz psicosocial e que só se podían atender desde a creación dunha ampla rede que se estendese moito máis alá das protectoras, pero limitantes paredes do centro. Nacía ASPADEZA.
ASPADEZA, exemplar e emblemática, está a piques de cumprir vinte e cinco anos. ASPADEZA garda, mellor ca nós, a memoria do seu impulsor e primeiro presidente. As árbores que plantei, Mario, as árbores que plantei -escribo e non seco as bágoas.
Grazas, ASPADEZA, vós sabédelo facer mellor.
![]() |
| FOTO: Ramón Leiro. La voz de Galicia. |
Amigo, compañeiro Brandido, noso de nós!
09 xuño, 2025
Mulleres na diáspora. Todas e todos somos migrantes
Estes dous vídeos conforman o Proxecto Interdisciplinar "Mulleres na diáspora" no que traballou este curso 24/25 o alumnado de 3º e 4ª da ESO, e do 2º curso de FP Básica, coordinado polos seus profesores de Debuxo, Lingua Castelá, Lingua Galega, Matemáticas e Música.
O seu obxectivo é amosar o actual fenómeno inmigrante como unha realidade compartida por toda a comunidade educativa lembrando, con orgullo, o noso pasado recente como emigrantes galeg@s.
Entender a migración coma un feito universal. Facelo desde a empatía, o respecto e a solidariedade e valoralo tamén coma unha oportunidade enriquecedora.
Hai nada nós, os galeg@s, eramos tamén migrantes.
Debemos lembrar para non esquecer pero tamén para comprender.
29 maio, 2025
XI Concurso Literario Mª Vitoria Taboada : o libro
![]() |
Un ano máis comprácenos anunciar a edición do libro cos textos premiados e os finalistas no XI Concurso Literario Mª Vitoria Taboada, con ilustracións achegadas por alumnado de 1º do Bacharelato de Artes.
Agardamos que vos preste a lectura así como as
ilustracións complementares.
A seguir o libro dixital:
28 maio, 2025
Avaliación da Biblioteca Mario Pereira
A biblioteca non é un espazo para gardar libros, a biblioteca é o conxunto de lectores e o uso que dela fan. Como usuario da nosa biblioteca escolar, a Biblioteca Mario Pereira, do IES Ramón María Aller Ulloa, pedímosche que nos axudes a mellorala.
Pica na ligazón e responde con sinceridade.
https://docs.google.com/forms/d/1yGCcXyOtHzLCILzS8hUrL00qLjtLXJRDnhD_0K69CPM/edit?pli=1
20 maio, 2025
XII Concurso Literario Mª Vitoria Taboada de poesía, relato curto e sketch teatral
A seguir as bases da convocatoria:
01 maio, 2025
Marela para "Tras do Ceo"
Ao fío de elixiren, no Club de lectura LeACasa, a novela Tras do Ceo de Manuel Rivas, editamos unha nova Guía de lectura, a nº 21, que se corresponde coa Marela nº 34. É un monográfico dedicado á antedita novela, e que integrantes do Club de lectura cualifican de libro recomendábel para unha persoa adulta que sexa quen de entender a idiosincrasia do rural galego e o respecto polos animais, e que partindo dunha trama aparentemente sinxela se vai dirixindo a pasaxes violentas, mesturadas con escuridade, que en ocasións parecen quedar inconclusas e quizais cargadas dun exceso de temática desapiadada e inesperada que non resultan fáciles de ler. Unha crítica da sociedade actual, machista, corrupta, sen ética nin escrúpulos, na que o fío condutor, o gran Dombodán, vai cambiando ao longo da novela, por caso a percepción clásica de xénero que ten das mulleres, sobre todo de súa irmá...
29 abril, 2025
Mapa Sociolingüístico do Centro (MSC-2024)
![]() |
| BERSANI, Andrea: Cela. [Aquí] |
No primeiro trimestre do curso 2024-2025 realizamos entre o alumnado (ESO, bacharelato e da FPB) unha enquisa sobre a situación sociolingüística do centro canto a lingua inicial e habitual e usos lingüísticos, a través de enquisas de método cuantitativo con preguntas pechadas ou estandarizas.
O traballo de campo concretouse no Mapa Sociolingüístico do Centro (MSC-2024), elaborado polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega (EDLG) e o Equipo de Traballo da Biblioteca, coa colaboración da Dirección e do profesorado titor.
Da análise dos resultados salientamos a perda de identidade da lingua galega, se comparamos as porcentaxes de só galego ou máis galego como lingua habitual (55,3%) con só galego ou máis galego como lingua inicial (59,2%), é dicir, un descenso de case 4 puntos canto á lingua inicial; o que reproduce a situación “macrodiglósica” ou de “dobre diglosia superposta” que estamos a vivir.
A seguir o informe do MSC-2024:
12 abril, 2025
Boa vía, profesor Hermida
![]() |
| Foto cedida pola familia |
Hoxe deixounos, aos seus 96 anos, o profesor José Luis Hermida.
Profesor do Instituto Ramón M. Aller Ulloa desde 1954 ata a súa xubilación, foi un excelente compañeiro que dilatou o seu maxisterio moito máis alá das súas clases de electricidade.
Con el aprendemos a entrega colaborativa e a achega a toda actividade para a que o requerían os diversos departamentos. El era o fotógrafo que, en actividades extraescolares, ofrecía os seus coñecementos ao alumnado interesado no encadramento ou no revelado; el era o sempre disposto operador que botaba as películas (case sempre de francés) naquel histórico proxector de 16 mm; el era a xenerosa pericia que nos arranxaba calquera trebello que a nosa torpeza derramaba a cada pouco; el era o paciente profesor que sumou miles de horas de afabilidade na biblioteca; el era o xesto cordial que en momentos tensos nos devolvía á tranquilidade e á reflexión.
Ese sorriso, ese da foto, acompañounos moito tempo e ben describe a súa condición de home bo e profesional íntegro.
Boa vía, profesor Hermida.















