21 febreiro, 2024

XI Concurso Literario Mª Vitoria Taboada de poesía, relato curto e sketch teatral

O Instituto Ramón Mª Aller Ulloa convoca o XI Concurso Literario MªVitoria Taboada de poesía, relato curto e sketch teatral, dirixido ao alumnado de ensino secundario, ciclos formativos de grao medio e FPB matriculados en centros da Comunidade Autónoma de Galicia. 


O cartel da convocatoria é obra de Pedro Alonso Cascallana, profesor de Deseño no noso IES.

A seguir as bases da convocatoria

 

17 febreiro, 2024

Coa nosa xente : Lucía Martín Cacheda

Ao fío do seu traballo de investigación no marco da tese doutoral na Misión Biolóxica de Galicia (MBG) titulada Especifidade na comunicación química entre plantas en resposta á herbívora e á infección por patóxenos e da realización dun vídeo didáctico para o concurso “Yo investigo. Yo soy CSIC”, que xa vai pola súa quinta edición, traemos hoxe á sección Coa nosa xente a bióloga Lucía Martín Cacheda.

Foto cedida a La Voz de Galicia

Temos que facer ciencia na casa, aportar aquí os coñecementos para que o país medre. Desta maneira tan explícita Lucía declara en entrevista a La Voz de Galicia o seu desexo de facer investigación en Galicia como contribución ao desenvolvemento da mesma.

Canto ao experimento, resume o mesmo no traballo de comprobar se a exposición artificial de plantas de pataca aos compostos volátiles que estas utilizan para comunicarse inflúe na súa resistencia a pragas, engadindo que é importante desenvolver produtos de uso agrícola que sexan sostibles a nivel medioambiental, e que permitan reducir a aplicación de pesticidas químicos.

A seguir podedes ver o vídeo A lingua das patacas que Lucía presentou á V Edición Yo investigo. Yo soy CSIC, que nestes momentos se acha en fase de votación.

 

Moitos parabéns e moito ánimo, Lucía

A seguir a nosa Lucía cando o 2º do Bacharelato: 

Lucía no curso de 2º Bac. 2010-11. Copyright IES Aller Ulloa

15 febreiro, 2024

Matemático Rodríguez: Científico Galego do ano 2024

 A BIBLIOTECA DO MATEMÁTICO RODRÍGUEZ

A Real Academia Galega de Ciencias designou o Matemático Rodríguez como Científico Galego do ano 2024, ano no que se cumpre o 200º aniversario do seu falecemento,
Nós, traendo a auga ao noso rego (é dicir á cousa bibliotecaria) lembramos a publicación máis visitada do noso blog, que xustamente se refire á descrición que o matemático fai da Biblioteca da Universidade de Gotinga. Redactámola no 2008 e xurdiu como consecuencia dos preparativos que estabamos a facer para a celebración en 2009 do Ano Internacional da Astronomía que nós iamos centrar en Don Ramón M. Aller. Eran tempos dos inicios plambeiros e agradeciamos moito calquera noticia sobre organización bibliotecaria. Reunir, pois, ese tema con Rodríguez e Aller fíxonos reloucar de entusiasmo.
En 1929, Don Ramón Aller redacta, a petición do Seminario de Estudos Galegos, a biografía de Joseph Rodríguez y González (Bermés-Lalín, 1770 – Santiago, 1824).
Cento e pico anos antes, en 1817, o matemático de Bermés está en Alemaña coa encomenda “de examinar los Establecimientos científicos de aquella Nación”. Especial atención lle mereceu a Biblioteca da Universidade de Gotinga, se cadra por contraste co que estaba afeito a ver, e así o deixou reflectido na carta que remite ao Claustro da Universidade de Santiago, o 1 de febreiro.
Na biografía, Don Ramón transcribe a descrición seguramente como mostra da súa propia idea do que debería ser a organización e a dotación bibliotecaria. A conclusión do biógrafo, despois de ler a resposta do claustro, indúcenos a pensar que, no século XX, as cousas non deberan cambiar moito:
"Por mucho que a los de Compostela interesaran las noticias anteriores, seguramente no las considerarían de mucha utilidad para perfeccionar sus lecciones
y no se les pasaría por mientes imitar en Santiago la Biblioteca de Gotinga." [que xa se sabe que en país de sabidos...]









08 febreiro, 2024

Formación en Radio na Biblio

 Onte, mércores 7, o alumnado de 1º ESO B participou nun OBRADOIRO DE RADIO impartido por Damián Alonso, membro de Ponte nas ondas

A sesión comezou coa explicación do software de edición de audio e gravación de son dixital, o audacity, eliminar erros, empregar efectos, engadir música nun audio... Na segunda parte da formación, traballaron a voz: vocalización, cambio de velocidade, ton, intensidade, etc. 

E xa na última franxa do obradoiro, traballaron coa radio. Comezaron por montar unha mesa de son e logo elaboraron, por grupos, un pequeno guión que gravamos. Foi curioso que a voz de Damián Alonso resultaba familiar, pois é actor de dobraxe, e así puidemos escoitar algúns fragmentos de personaxes como o Alcalde Hansock, o Xefe Kyle ou Tito en Turbo Fast.

A seguir unhas fotografías da actividade.

María Jesús Barcala












04 febreiro, 2024

Coa nosa xente: Roi Sierra

Despois dos seus triunfos no balonmán, chegou a hora do lanzamento de xavelina. O "noso" ROI SIERRA, que agora milita na Escola de Atletismo Deza, obtivo a medalla de prata no XIII Campionato de Galicia de lanzamentos longos.

O seu lanzamento, de 50.37 metros, quedou a uns escasos 4 m. da primeira posición. De seguro que ese ouro chegará en vindeiras competicións.

Parabéns, Roi.


Fotografías de José Manuel Sierra