16 xaneiro, 2010

LerENvenres (VII): "Cousas de nenos", de Castelao


Gosto de mirar e remirar un libriño que Castrelos publicou en Vigo alá polo 1976 (60 pesetas) co título de Cousas de nenos; nel recóllense algunhas das viñetas periodísticas nas que Castelao utilizou ós rapaces como protagonistas. Sendo en branco e negro, son especialmente cegadoras.

Recorda Claudio González Pérez, no seu Pórtico, unhas coñecidas palabras de Mark Twain que Castelao colocara ao comezo de Un ollo de vidro: "debaixo do humorismo hai sempre unha grande door (...)". Penso eu que a viaxe é de ida e volta: a dor expresada con humor recrúase por obra do contraste e, así, termina por ser moito mellor perfilada. E quen di dor, di tristeza, desacougo, incomprensión: calquera deses sentimentos que Castelao recollía con tanta perspicacia no tenso espazo de fronteira entre as persoas e a sociedade. 

O que sempre me gustou destas viñetas é, precisamente, que, lonxe de reflectir un estrito momento, contan unha historia. Son contos gráficos hiperbreves nos que a imaxe materializa en individuos concretos o sentido do texto que as acompaña. 

É a imaxe, sinxela que non simple, a que, coa precisa atención do autor pola roupa e os xestos das facianas, a que prolonga a frase do pé cara atrás e cara adiante no tempo. Hai, así, unha constante actitude de denuncia da cotiá e real experiencia do abuso de poder e autoridade dunha época que, na ausencia de referencias paisaxísticas e temporais precisas, en moitos casos parece aínda a nosa.

[Nenos de Castelao no museo de Pontevedra]




14 xaneiro, 2010

Miss Festa da Sidra das mazás vermellas de Kunguarara (Australia)

Non sei se hai mazás nese sitio, nin se celebran certames de beleza. Con todo, “Una nieta de gallegos se proclama segunda dama de honor de Miss Fiesta de la Sidra de las manzanas rojas de Kunguarara (Australia)”, podería ser o titular da última páxina dalgún diario galego, consecuente co “galleguismo bien entendido”.

Non é ese espírito o que me leva a render a miña pequena homenaxe ao actor Andrés Pazos, coñecido, entre nós, polo personaxe de Jacobo en Whisky.

Andrés Pazos naceu en 1945 en Galiza e, moi novo, marchou a Uruguai onde desenvolveu a súa carreira tanto no cine, como no teatro.

O seu falecemento, hoxe en Santiago, convídanos a volver ver Whisky e, se cadra, recomendar El baño del papa, a outra gran película do cine uruguaio. (As dúas na Biblio)

Supoño que, se non Andrés, polo menos Jacobo me desculpará o ton do primeiro parágrafo...
             

13 xaneiro, 2010

Encontro con... Carlos Ruíz Miguel

Este venres, visítanos o catedrático de dereito constitucional, Carlos Ruíz Miguel.
Estará no Salón de Actos, ás 12.

Asiduo traballador en favor dos dereitos humanos e da sensibilización da problemática saharauí, desenvolverá o tema: Dereitos Humanos e autodeterminación: Kosovo, o Sahara...
Na Rede, poderedes atopar varias das súas publicacións. Entre eles a imprescindíbel: Una documentación esencial para conocer el Sahara Occidental. Así como as súas actualizacións.

A exposición está especialmente indicada para o alumnado de Ética e Filosofía do dereito, pero a entrada é libre, trátese ou non de alumnado do centro.

Os ensaios en galego do Dr. Ramón Aller Ulloa


Onte debían reiniciarse as clases con toda normalidade. A hostilidade do tempo e dos tempos non o permitiron.

Na adversidade, resultou especialmente reconfortante o agasallo que nos remitiu o profesor Docobo.

Trátase da reprodución facsímile dos Ensaios en galego do Dr. Ramón Aller Ulloa, reunidos e prologados por Filgueira Valverde en 1989 e que  foran publicados entre 1931 e 1934 na revista Logos de Pontevedra.

Dúas liñas mestras guían a pluma de Don Ramón neles. Unha, a solución ao posible conflito entre Ciencia e Fe, que Don Ramón, sacerdote e astrónomo, resolve sen dificultades. Outra, a divulgación científica, na que o autor mostra a súa gran capacidade pedagóxica para expoñer conceptos complicados en palabras simples.

Alén diso, os ensaios representan un dos primeiros (se non o primeiro) intentos de elaboración dunha prosa científica en galego. Se iso resulta admirable en por si, máis o é a precisión, limpeza e elegancia con que se desenvolve.

Sobre a base dun galego popular (a súa lingua familiar e habitual) e o coñecemento da variedade culta que, neses anos, se estaba a construír sobre todo a través da literatura e as ciencias sociais, Don Ramón tece un discurso para as ciencias experimentais que non perdeu vitalidade.

O noso agradecemento ao profesor Docobo, ao Observatorio da USC e ao CSIC-Galicia  polo agasallo: na hostilidade destes tempos, a reedición preséntase dobremente necesaria e oportuna.

12 xaneiro, 2010

A mellor foto do Universo

Aquí deixámosvos a presentación coa que estamos a convocar aos alumnos para que participen nun concurso que sexa o epílogo do Ano da Astronomía. Xa vos contaremos se vai ou non vai. Era unha idea e agora é unha realidade: que outra forma hai de saber se as ocorrencias funcionan ou non...?

A Mellor Foto Do Universo