06 decembro, 2022

X Concurso Literario Mª Vitoria Taboada de poesía, relato curto e sketch teatral

O IES Ramón Mª Aller Ulloa convoca o X Concurso Literario Mª Vitoria Taboada de poesía, relato curto e sketch teatral, dirixido ao alumnado de ensino secundario, ciclos formativos de grao medio e FPB matriculados en centros da Comunidade Autónoma de Galicia. 

O cartel da convocatoria é obra de Sara López Rodríguez, alumna do 2º do Bacharelato de Artes

A seguir as bases da convocatoria:

 


01 decembro, 2022

Xa somos Radio na Biblio!

 Tal e como publica a páxina de Bibliotecas escolares de Galicia, desde onte mesmo, de maneira oficial, pasamos a formar parte do grupo de centros educativos que contan con Radio na Biblio. Desde principio de curso, a profesora María Jesús Barcala está gravando podcasts co seu alumnado, pero agora poderán dispor de asesoramento, a través de obradoiros, e do material específico para traballar con máis comodidade.

Tamén hoxe a prensa local se fai eco da noticia, tal e como podemos ler nas páxinas de Faro de Vigo, na súa edición local.



26 novembro, 2022

Ao fío de... 25 N

Pasou o día... e esperamos que as actividades levadas a cabo polo alumnado de 4º da ESO A e C e 1º do Bacharelato servisen para concienciar da necesidade de acabar coa lacra do maltrato contra as mulleres.

O primeiro en mostrar o seu traballo foi o grupo de 1ºC, coordinado pola profesora de Lingua e Literatura galegas, Uxía Nogueira. Unhas cartolinas recollían o nome das mulleres asasinadas neste 2023 e un dato sobre a súa morte que, a cada un deles e cada unha delas, lles pareceu estarrecedor. Lían en voz alta o nome da muller e colocaban a cartolina sobre unha cadeira baleira, simbolizando deste xeito esas 40 vidas arrebatadas no que levamos de ano.

A continuación, o grupo de 4º da ESO C, coordinado pola profesora de Xeografía e Historia, Alba Payo, leu unha selección de textos narrativos e poéticos nos que se denuncia a violencia machista exercida contra as mulleres. Podedes ver a escolma neste enlace.

Finalmente, as rapazas de 4º da ESO A, guiadas pola profesora de Inglés, Saleta Fragueiro, leron as cartas que elas mesmas escribiran, dirixidas a persoas, ficticias ou non, do seu contorno: nais, irmás, amigas... posibles vítimas desta lacra social. Algunha das misivas fixo que os ollos do público se embazasen de emoción, dor e rabia.

Aos que nos ledes, aínda que non puiderades estar alí, só vos queremos dicir o mesmo que Saleta lle pediu ao noso alumnado: "Rapazas: querédevos moito, respectádevos e facédevos querer e respectar. Rapaces: confiamos en vós"

Deixámosvos aquí algunhas das fotografías que a profesora do Dpto. de Artes, Mari Ruzo, nos fixo chegar. Os lazos son traballo do voluntariado da Biblioteca e da profesora de Bioloxía Ana Penas, e do son encargouse o profesor de Inglés Manuel Conde.
















25 novembro, 2022

25 N : Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller

Un ano máis, como cada 25 de novembro, celebramos o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, sempre coa esperanza de que sexa o derradeiro. E facémolo lembrando as vítimas da violencia de xénero, mulleres anónimas, que polo feito de seren mulleres sufriron a terríbel lacra da violencia machista. 

A Biblioteca faise eco das diferentes actividades a desenvolver para conmemorar o 25N:

Cadeiras baleiras, por 1º Bach C
Cartas contra a violencia, por 4º C 
Voces poéticas e narrativas contra o maltrato, por 4º A

A maiores, desde A Marela, propoñémosvos contra a violencia de xénero dúas suxestións:  A breve escolma poética e narrativa, Voces contra a violencia de xénero

A curta de animación Teatro de la injusticia realizada polo Instituto Navarro para a Igualdade e o Concello de Ansoáin.

 

19 novembro, 2022

20 anos da desfeita do Prestige

 Que razón tiña Gardel cando cantaba aquilo de "que vinte anos non é nada"...  Pasaron xa 20 anos desde que o PRESTIGE, un buque monocasco (seica ese foi un dos problemas), afundiu fronte ás nosas costas, á altura de Vigo, a unhas 138 millas mar adentro provocando a maior das mareas negras da nosa historia.

  Esa marea de chapapote deu lugar a outra marea humana, a do NUNCA MÁIS, pero 20 anos despois os grandes petroleiros seguen pasándonos por diante dos narices, 36.000 barcos ao ano, e o 35% deles con cargas perigosas coma o petróleo, segundo sinala Greenpeace (El Correo Gallego 18/11/22).

    Tamén Gardel cantaba que o esquecemento todo o destrúe, e para que o noso alumnado, que xa non sabe que é iso do Prestige non esqueza o desastre, asistiu á representación de N.E.V.E.R.M.O.R.E, de Chévere Teatro, da que xa demos conta  no seu momento (Clicar aquí) e sacamos ao vestíbulo obras que versan sobre esta traxedia, algunhas xa cuns aniños coma Prestige. Crónica negra dun modelo enerxético insostible, do CEIDA; e outras de recente incorporación ao noso fondo como Tal como foi, tal como fomos, de Xosé Manuel Pereiro. Se queredes botarlle unha ollada non dubides en pedilos na Biblioteca.