22 abril, 2015

Ao fío do encontro con Suso de Toro




Por Rubén Ferreiro Arias
Este luns visitounos o recoñecido autor galego Suso de Toro para darnos unha charla acerca do seu libro máis lido, A sombra cazadora. Aínda que viña para falar de dito libro, mostrouse moi próximo e agradable respondendo a todo tipo de preguntas feitas polos alumnos e mesmo contando divertidas anécdotas da súa vida.

En canto á “A sombra cazadora”, a obra máis apreciada por Suso de Toro, este fixo especial referencia aos ecos de varios libros presentes na novela: O retrato de Dorian Gray, Hansel e Gretel, Alicia a través do espello e Fausto e o Minotauro, entre outros. Mais, como foi o seu caso, considera que un escritor non é consciente de que está a inserir estas referencias ata que remata o libro.

Ademais, impulsado polas preguntas do alumnado presente, fixo unha reflexión acerca do que é ser un escritor. Suso de Toro pensa que para ser un bo escritor é necesario principalmente ser lector, ter amplos coñecementos de diversos temas, e, por suposto, saber como levar ben a cabo a práctica. Tamén se debe saber aceptar as críticas doutros escritores e aprender delas. Con todo, ante a pregunta de se volvería elixir a mesma profesión se puidese volver ao pasado, mostrou dúbidas entre volver ser escritor ou converterse en pintor, pois, como explicou, o primeiro traballo é moi sedentario e a mente é a única parte do corpo que require un esforzo. Os pintores, pola contra, poden moverse e lixarse de pintura e por iso os considera afortunados.

Tamén deixou valiosos consellos para todos os presentes na súa charla, como o que el cre que é o obxectivo da vida: atopar o don propio de cada un e desenvolvelo durante o resto da vida, entendendo por don aquilo que fagamos ben e gocemos facendo. No seu caso, a escritura é o seu don e tivo a sorte de poder levalo a cabo. En concreto, dous premios que recibiu foron os que lle deron a confianza necesaria para continuar escribindo: a 3ª mellor composición de Galicia no concurso Coca-Cola cando tiña 14 anos e o premio outorgado polo colexio Peleteiro (que recibía o nome de Premio Valle-Inclán).

Ao acabar a charla, Suso de Toro rematou agradecendo o bo comportamento dos estudantes, aínda que máis lle agradecemos nós a súa visita ao IES Ramón Mª Aller Ulloa.

Ningún comentario: