24 abril, 2015

A gran guerra [XIII] : Medz Yeghern. 100 anos do xenocidio armenio

Hoxe, 24 de abril, conmémorase o centésimo aniversario do xenocidio armenio.
"Cando as traxedias da historia se confunden, e o rapaz ao que lle preguntan na clase sobre a data dun acontecemento se confunde en tres séculos, significa que xa non doe: que ocorrera ou non, xa non doe"*

Foron tantos os horrores do S. XX, que ás veces podemos sentirnos culpables de insensibilidade ante algún deles. As miñas noticias sobre xenocidio armenio eran escasas e, por iso, as miñas reaccións cando oía/lía sobre el tendían á indiferencia.


Iso cambiou tras ler Medz Yeghern = La gran catástrofe. O fumetto de Paolo Cossi forma parte dese reducido grupo de obras que foi capaz de abalarme as emocións e  aburarme a conciencia. Tras a súa lectura, o xenocidio armenio pasou a existir plena e permanentemente para min.

I

Cossi transpórtanos con crúa eficacia e sen efectismos á primeira gran masacre do século pasado, cando no marco da I Guerra Mundial e dentro do Imperio Otomano, os mozos turcos se propoñen o exterminio do pobo armenio.

Para iso válese dun debuxo que bascula entre o realismo case fotográfico que homenaxea a Armin T. Wegner (o soldado alemán cuxas fotos foron fundamentais para revelar ao mundo o xenocidio e que se erixe nun dos protagonistas do fumetto), a deformación caricaturesca que acompaña a algún dos personaxes máis viles e os trazos expresionistas, que poden chegar a esborrallar e degradar as figuras paralelamente á degradación interna que van presentando os xenocidas.

II

A obra estrúturase en oito capítulos nos que as peripecias dos personaxes de ficción se entretecen coas intervencións de personaxes históricos e nos que as citas que inician cada capítulo amplian a reflexión crítica e acompañan a reprodución de documentos históricos (fotos, textos...), recurso este de uso comedido e vigoroso. Entre eles están as cartas de Wegner; este fragmento pode ser o que mellor resume a esencia da obra:
"Morrían de todas as mortes do mundo, as mortes de todos os séculos" (p.102)
O contraste, no mesmo plano de realidade histórica, establéceno os feitos e os telegramas de Mehemet Talât, ministro do interior:
"Non cómpre instalar un orfanato. Non é tempo de apiadarse e alimentar os orfos, prolongando así as súas vidas. Enviádeos ao deserto e mantédenos informados." (p. 95)
Canda eles, vai a figura de Johannes Lepsius. El denuncia o exterminio e elabora informes ignorados polas autoridades alemás, que valoran máis a alianza cos otomanos que a  ignominia. Lepsius será testemuña ante o tribunal de Berlín (2-6-1921) que xulgue e absolva a Sogomon Tehlirian, asasino de M.Talât.

III

Nas dúas liñas fundamentais de ficción temos a Aram e a Sona Kechiyan.

A Aram coñécemolo ao regreso da fronte do Cáucaso (no que turcos e armenios loitaran xuntos), vémolo como único supervivente entre dous mil fusilados, acompañámolo na súa travesía do deserto e na súa fuxida para unirse á resistencia no Mussa Dagh, grazas ao turco Murat e a Nicolaj, o personaxe -en sentido novelesco- máis potente da obra... As vicisitudes vividas por Aram, organízanse como unha novela de aventuras e acompáñanse da voz dun narrador en segunda persoa, se cadra identificable co autor implícito, que nos achega un cálido e implicado distanciamento, para que a emotividade non abafe a reflexión.

Sona ten quince anos cando asiste á aniquilación da súa familia, unha páxina extraordinariamente cruenta no infame catálogo de asasinatos individuais e colectivos trazado na BD. Ela ponlle rostro á deportación de anciáns, mulleres e nenos ao deserto. Con Sona e con eles camiñamos nunha estremecedora peregrinaxe programada para que o propio deserto os acabase devorando e presenciamos a reconstrución dese episodio que posiblemente sexa un dos maiores abismos nos que se afundiu a dignidade humana.

IV

"Un xenocidio orfo é pai doutros xenocidios" Yossi Sarid
"Quen lembra hoxe os armenios" Adolf Hitler (p. 99)
Non me demoro máis. Temo desfiañar en exceso a obra. Remarco a súa capacidade para, movéndose entre a tensión dramática e  a exposición argumental, activar a sensibilidade do lector cara ao pobo armenio e a necesidade dunha reparación histórica que comece por recoñecer os feitos e identificar os culpábeis. E, se cadra, dun xeito secundario, reflexionar sobre a capacidade da banda deseñada (e a arte en xeral) para denunciar atrocidades e axitar conciencias.

El genocidio armenio 



Armenia, genocidio permanente de Miguel Ángel Nieto


*Ferdinando Camon, citado na p. 82. O resto das citas remiten á páxina da BD na que se localizan e desde a que as traducín.

COSSI, Paolo (2009): Medz Yeghern=La gran catástrofe. Ponent Mon.

Ningún comentario: