O xurado do II Concurso literario Mª Vitoria Taboada acordou recoñecer, cun primeiro accésit na categoría de relato curto, o texto Lis, presentado por Elvira Nercellas Rodríguez.
LIS
Pola noite, oio morriñentos sons. Aboio no frouxo sosego dunha mente ancorada ás lembranzas. Durmo e soño nun incauto corpo de mozo e esperto nunhas mans de home vello, engurrado. É esta luz a que me recorda que o meu corazón xa latexou moitas primaveras e tamén, moitos invernos.
Mais tamén é esta luz a que me arrepía. Pregúntome se, cos días, igualmente me esquecerei dos meus ollos, dos meus pensamentos, de min mesmo. Os meus temores pingan nun tenro tamborilo tenaz. Agárdame a tempestade, e a min tan só me queda agardar.
Reparo no meu malpocado can de palleiro. Engaiolado, ladra para que lle bote algo de comer, ao igual que ladra se vén xente ou se trona. El, mísero aos ollos de todos. E eu, que vivín xulgando, degustando, calculando, sorrindo e chorando, agora esquecerei todo canto lixeiramente presenciei ou, máis ben , crin presenciar. Un can e un home. Dúas existencias que deben resignarse a retornar ao resío escuro do que escaparon tras a primeira raiola que os alumou no nacemento. Home e can igualados no obxectivo final da vida. Realidades de distinta percepción, pero cun fin común. Entón, quen é o mísero? O can ou eu? Ou os dous?
A miña conciencia tamén se esvaecerá. E con ela, os sentimentos, as ideas e o meu mundo interior....Os momentos contados por segundos, minutos ou horas. Desfeitos e substituídos polo baleiro, polo temor. Polo esquecemento. Pode que Lis tamén desapareza. Desaparecer sen nunca aparecer.
Cando creei a Lis, era un máis deses novos que pensan que un nunca vai ser vello. Creeina para poñer unha diferenza entre realidade e imaxinación. Pero agora que son vello, e diso xa hai bastantes anos, doume conta de que o que nós chamamos real non é máis que un breve período de tempo entre longas “non realidades” eternas. Que era logo, o verdadeiramente real?
Comprendín que debía desconfiar de todo aquilo que fose chamado real. Deste xeito, Lis, aquela muller da miña fantasía á que non lle puxera nin rostro, podía ser tan real coma min. Decidín destruíla. Mais xa non podía. Seguía alí, no meu pensamento. Eu creáraa. E ela agora existía ao igual que o can e ao igual ca min.
Anguria de esquecer. A anguria do angosto camiño que me leva ao esquecemento. O meu ser, a miña derradeira consciencia, non deixa de afundirse na congoxa. Porque eu ben sei que creei a Lis, pero quen me creou a min? Crearíame o can imaxinando que podía imaxinar? Ou crearíame Lis soñando que a imaxinaba?
E co paso dos días, sigo esquecendo.
Parabéns, Elvira.
Ningún comentario:
Publicar un comentario