13 maio, 2016

Astro_poemas (17) : Carlos Negro


Materia estelar

Acontece e a linguaxe descomponse nunha masa amorfa de
morfemas.
 

Acontece máis alá do milimétrico ritmo do verso, máis alá
do límite impreciso que a palabra persegue.

A anos luz do fulgor do poema, nas estremas dunha galaxia
aínda innominada.
 

Un big-bang introspectivo, unha explosión cara a dentro que
rebenta as costuras do corazón.

 

Convértome en pura enerxía en movemento, en irradiación
de átomos que transmiten afecto.
 

Convértome en materia estelar da tenrura.
 

Nun caos incontrolado e harmónico.
 

Nun organismo en plena metamorfose.
 

Experimento unha explosión de supernovas.
 

Fun home.
 

Son pai.
 

Xa non son particula elemental.
Vía

En Masculino singular, Carlos Negro reclama un espazo para o home, un home sen maiores aditamentos, se acaso liberado ou en camiño de liberación de vellos roles sociais e culturais. Os termos metalingüísticos (desde o título) e metaliterarios actúan de soporte para as imaxes que nos transmiten os procesos de construción e conexión dese home. En Materia estelar, a paternidade  exprésase en termos cosmolóxicos: é a implosión e a explosión do (uni)verso.

Imaxe superior:
ORION IN RED AND BLUE = ORION EN VERMELLO E AZUL (2016). Lindemann, David. http://astrogalicia.org/apod/2016/04/13/orion-en-vermello-e-azul/

Ningún comentario: