06 maio, 2016

Ao fío do encontro cos astrónomos Docobo e Campo.

por Jaime Blanco Vilariño



Era martes, a pesares de que a visita estaba prevista para o xoves, as condicións non serían axeitadas, polo que alá estabamos, a iso das oito e media da noite, no museo municipal Ramón María Aller Ulloa, á beira do observatorio astronómico. Previamente, o edificio cumprira unha función bastante diferente da que agora desempeña como museo. Fora o lugar de residencia da familia do propio Don Ramón, matemático e astrónomo lalinense.
 
Xa todos sentados, asistimos a unha interesante charla sobre as populares estrelas dobres, os cálculos aplicables á busca de novos planetas asociados a elas debido á diferenza de masas, e unha chea de cousas nas que non entrarei en detalle, posto que iso é fariña doutro fol.

Tras a charla do profesor Docobo, procedemos a unha breve, aínda que interesante visita á  exposición que o museo dedica ao quincuaxésimo aniversario do falecemento de D. Ramón Aller, mentres esperabamos a que as estrelas fosen aparecendo no escenario, o ceo nocturno.

Da man de Pedro Pablo Campo, comezamos polo coloso brillante  do noso sistema solar, non o Sol, senón Xúpiter, e varios dos seus satélites galileanos. Entre eles atópase Ío, unha masa rochosa chea de lava, que sofre continuas erupcións. Demostrouse que a enerxía que as produce procede das mareas de lava causas das pola influencia gravitacional  de Xúpiter e os outros satélites próximos. Súa irmá Europa, polo contrario, aparece cuberta de xeo, e a súa superficie presenta poucos cráteres, cousa que fai pensar aos científicos que tal vez exista unha xigantesca reserva de auga baixo unha espesa capa de xeo. Tamén e posíbel a presenza de osíxeno. Semellante a Europa, aínda que dun tamaño moi superior atopamos a Ganímedes, que presenta unha reserva aínda maior de auga baixo a súa codia sólida.

Así vimos Xúpiter e as súas lúas

Despois de o contemplarmos todos os do meu grupo (de dous que había), admiramos a estrela dobre que recibe o nome de Iota cancri, pertencente ao sistema cáncer, e formada por unha anana branca de superficie moi quente (+8000ºC) e unha xigante amarela equivalente á suma de dúas masas solares e unas dezaseis veces máis refulxente ca o noso astro rei.
Iota Cancri
Tras dunha pequena charla baixo a cúpula móbil que acubilla o telescopio, e de termos atopado resposta ás nosas insistentes preguntas, demos por rematada a satisfactoria visita.

Ilustracións de Andrea Fernández Ramos.
Fotos de Francisco Otero.

Ningún comentario: