O tabaquismo segundo a OMS é unha enfermidade
adictiva crónica. A capacidade do tabaco para xerar dependencia débese á
nicotina, que activa funcións cerebrais no sistema de pracer/recompensa. Hoxe son coñecidos os
efectos do tabaco sobre o organismo: provoca
importantes patoloxías agudas e crónicas: pulmonares, coronarias,
cerebro-vasculares, úlceras, cancro, etc.. Aínda así, moitas persoas comezan a
fumar adquirindo o hábito. Cada cigarro aumenta a dependencia e prexudica seriamente
a saúde. Por que o fan?
O propósito deste proxecto é aproximar o alumnado ao traballo de
investigación para adquirir hábitos saudables. Dun xeito sinxelo e coa axuda de
materiais moi comúns, os estudantes inician pequenas investigacións baseándose
nos pasos do método científico, emitindo hipóteses de estudo, experimentando e
chegando a conclusións. Deste xeito preténdese espertar a curiosidade pola
investigación e que valoren a importancia e os beneficios para a saúde de non
adquirir o hábito de fumar.
Con este traballo aprenderon como funciona o aparello respiratorio, as substancias
que compoñen o fume do tabaco, os efectos prexudiciais que ten para a saúde e
os beneficios de non fumar.
Obxectivos
- Coñecer e experimentar como funcionan os pulmóns e as vías respiratorias.
- Informar e sensibilizar sobre as consecuencias de fumar.
- Coñecer os beneficios de non fumar e reflexionar sobre as consecuencias e os riscos do tabaco.
- Investigar sobre as substancias que compoñen o tabaco e os seus efectos prexudiciais para a saúde.
- Coñecer a composición do fume do tabaco e relacionalo cos efectos que produce na saúde o hábito de fumar.
- Desenvolver actitudes críticas sobre os efectos do tabaco.
As hipóteses e algunhas preguntas que nos formulamos
neste traballo foron: Que ten o tabaco que o fai tan prexudicial para a persoa
fumadora e para o seu entorno? Cal é a composición do fume do cigarro? Que
sustancias perigosas contén? Que efectos producen sobre o organismo? Como actúa
a nicotina a nivel cerebral para xerar unha adicción tan potente? Axúdanos a
resolver os nosos problemas? Fumar
mellora algo a nosa vida? Pode o tabaco funcionar como insecticida? Tendo en
conta estas cuestións, investigamos sobre elas coa información presente na rede
e fixemos comprobacións mediante sinxelas experiencias con distintos materiais
como a realización da maqueta do aparato respiratorio e a das “botellas
fumadoras” para comprobar a presenza de alcatrán no fume do tabaco".
Boletín das Ciencias, 86, 26. Fernández García-Basterra, Natalia
[Aproveitemos esta entrada para lembrarmos aquela Marela tarabela de 2008, dedicada ás adiccións e prevencións]
Ningún comentario:
Publicar un comentario