A celebración no noso instituto do XXXI Congreso de ENCIGA animounos a presentar esta comunicación, na que se recolle un resumo dalgúns dos traballos realizados no Toc Toc dende que empezamos aló polo 2012.
Podedes ler a continuación o texto que se publicou no libro de actas do congreso e descargar aquí a presentación completa en PDF.
"Toc-toc.
A ciencia chama. Está aí para deixarse ver, para mostrarse máis alá dos
laboratorios ou as aulas específicas. Toca A Ciencia. Tócaa. Pódese
tocar (e ver, e sentir, e cheirar e saborear...). TocA Ciencia. Xa toca,
non? É o momento de asociala ao resto das materias e ás actividades
interdisciplinares, de entender que a súa divulgación forma parte da educación
permanente da comunidade, de que as grandes referencias científicas deben
incluírse na nosa base cultural común.
O informe ¿Cómo
podemos estimular una mente científica? (2015) da Obra
social «La Caixa», tras constatar a
diminución progresiva (en España) de alumnado nos itinerarios STEM e recoller a
alerta da Comisión Europea de que en 2020 haberá un déficit de profesionais con
esta formación, conclúe que as actividades de divulgación:
- Incrementan ata un 6% o interese por estudar STEM.
- Provocan un impacto moi positivo en
estudantes de baixo rendemento académico.
- Aumentan o interese en máis dun 9% en estudantes de contornas máis
desfavorecidas.
Primeiro anuncio do Toc-toc |
Tratábase de facer visible a ciencia, mostrar
a súa presenza na actividade cotiá e incardinala nos proxectos educativos de lectura e
escritura do centro. Entendemos lectura e escritura nun sentido amplo: calquera tipo de documento (oral,
escrito, plástico, videográfico, multimedia...) é utilizado para recibir, interpretar, tratar e/ou producir
información.
Desde
accións moi concretas (P. ex: Efectos
da presión atmosférica) fomos avanzando no deseño doutras máis
amplas que integran múltiples enfoques e perpectivas (P. ex: O ano internacional da Luz reuniu
dezasete actividades, desde conferencias ata a construción dunha cámara
escura.). Neste abano, poderiamos clasificalas en catro tipos:
- Actividades experimentais. Realizadas ou ensaiadas previamente no laboratorio ou na aula de tecnoloxía, levan consigo a elaboración de carteis, presentacións dixitais e gravacións en vídeo. Son de dous tipos:
- Demostracións experimentais. O alumnado desenvolve e explica o traballo.
- Actividades interactivas. O material elaborado ofrécese á experimentación de todo o centro. P. ex: Construción dun instrumento musical con vasos de auga e adaptación de partituras ad hoc.
- Exposicións / conferencias. Sempre as precede unha introdución na aula. Empréganse carteis de uso libre obtidos na web e/ou de elaboración propia, así como material audiovisual e bibliográfico dos fondos da biblioteca. Elabóranse trípticos de seguimento cun cuestionario, propostas de indagación na Internet e recomendacións de sitios web e lecturas en diversos formatos.
- Xogos de estratexia e outras accións con compoñente lúdica (ilusións ópticas, xincanas biográficas e/ou científicas...).
- Grandes contedores temáticos. Baixo un tema común, agrupamos múltiples actividades, desde as xa mencionadas a diversos concursos ou seleccións de poemas e obras de arte relacionadas ".
Boletín das ciencias, 86, 117-118. Reboiro López, Ana; Pereira Fernández, Mario
Velaquí a está:
Ningún comentario:
Publicar un comentario