Unha vez máis alumnado do noso centro recibe un recoñecemento pola creatividade no eido da banda deseñada, neste caso trátase de Álex Souto Sánchez e Sofía Gil Madriñán que veñen de ser premiados na 8ª edición do Certame de Banda Deseñada AX1 convocada polo IES Arcebispo Xelmírez de Santiago e a Secretaría Xeral de Política Lingüística. Moitos parabéns a ambos e ao profesorado de Artes Plásticas que coordinou o traballo.
Sofía e Álex, nun momento sen máscara con cara de satisfacción ante o espaza BD da Biblioteca
Na acta de concesión recóllense, entre outras, as seguintes reflexións:
Conceder o primeiro premio na categoría de 12 a 15 anos, dotado con 500 €, a Cortos de Glazes. Dimensión 4 de Alex Souto Sánchez, alumno do IES Ramón María Aller Ulloa de Lalín, por presentar unha historieta novidosa e fresca, na que o debuxo e o deseño de páxina están ben traballados, amosando un emprego desenfadado dos recursos expresivos e condensando a capacidade do debuxante de condensar mundos propios en micronarrativas e unha arquitectura moi ambiciosa que ofrece un breve aperitivo, pois rematan xeralmente de xeito abrupto, o que suscita en quen as le o desexo dunha continuación. Salientamos tamén a súa habilidade para adaptar no formato da banda deseñada influencias diversas do mundo da televisión, os videoxogos, o cinema e outras artes.
A seguir un detalle da obra:
Conceder o segundo premio, na categoría de 16 anos en diante, dotado con 200 €, a Un colar de picos e uns tacóns de agulla, por favor, de Sofía Gil Madriñán, obra fundamentada tanto nos aspectos formais como na mensaxe que transmite, e na que a autora reflicte o seu dominio sobre a linguaxe da BD e a soltura no manexo dos medios gráficos, que acompañan de forza e cor o contido, xogando coa montaxe das viñetas, combinando imaxes pequenas e detalladas ao comezo para rematar con grandes debuxos cheos de intención comunicativa, e tamén coas grafías, propiciando que a historia orgánica gañe forza acompañada da historia visual. A nivel técnico trátase dun traballo moi artesanal, que zumega intuición creativa e soluciona os problemas da montaxe das viñetas con efectividade. Ao mesmo tempo, a historieta formula unha alegación poderosa a prol da liberdade de xénero.
A seguir un detalle da obra:
Moitos parabéns para Álex e Sofía en nome da comunidade escolar do IES Ramón Mª Aller Ulloa.
Na web do IES Arcebispo Xelmíez I podedes ler integramente a ACTA do VIII Certame AX1 de Banda Deseñada
Ningún comentario:
Publicar un comentario