02 febreiro, 2022

Taller de márketing dixital

Vén de rematar o taller de márketing dixital ao que asistiron as alumnas e alumnos do 2º curso dos ciclos formativos. As relatoras/guías foron Eva García e Yolanda Villar, dúas especialistas da empresa "Silleda Hydra márketing & comunicación".

Na primeira sesión, Yolanda convidounos a pensar nos obxectivos do márketing, así como nos fundamentos das diversas accións que se poden desenvolver para, despois de visitar as webs das dúas marcas coas que traballan en Hydra, pasar á parte práctica para, traballando en pequenos grupos, deseñar todos os elementos dunha posible campaña para cada unha delas. Finalmente, compartiunos unha serie de consellos de SEO (posicionamento nos motores de busca), que axudarán a darlle visibilidade aos nosos proxectos.

Na segunda sesión traballamos con Eva os "copy", que é como se denominan os contidos en forma de textos que se publican nas redes e webs. Analizamos as claves para que resulten atractivos e conseguir levar tráfico á nosa web dende as redes sociais, tendo en conta a brevidade de tempo que as persoas adicamos a cada contido, a posibilidade de que nos paremos nel, que nos atraia e nos enganche.

Resultou unha sesión práctica e dinámica na que definiron cal é o obxectivo que queremos conseguir con ese contido, elixiron a rede adecuada para dirixirnos ao público obxecto, investigaron canto tempo, de media, está o público en cada unha das redes sociais e determinaron os segundos que temos para impactar a unha persoa na rede escollida.

Por último, e como peche da sesión, redactaron, para un produto dado, eses copys impactantes que enganchen, cos que loitar contra a indiferenza do público, loita que no márketing se chama "batalla de acción".

Luisa Areán Taboada, profesora de FOL











Ningún comentario: