Luísa Areán Taboada, profesora de FOL, exerceu de reporteira da Marela no concurso Integra 2022, achegándonos unha clara descrición do mesmo:
"Comezou a xornada, ás 9:30 horas, cos participantes repletos de emoción, á expectativa e con ganas de coñecer, xa, as misións ás que terían que enfrontarse ao longo das tres horas que duraría a proba. Armados cos coñecementos adquiridos e coa tensión precisa para xerar concentración e bos resultados, alí estaban os oito equipos, formados por alumnado de FP Básica 1, FP Básica 2, SMR 1, SMR2, ASIR1, DAW 1 e DAW 2, cada un na aula asignada e con todo o material necesario para poñerse ao traballo. Tres horas para organizarse da mellor maneira posible, aproveitando as fortalezas de cada integrante e para poder dar conta dos sete retos.
Nas miñas visitas ás distintas aulas puiden ver como o rebulicio dos primeiros intres se ía transformando en quietude e concentración: uns montando os equipos, outros preparando a infraestrutura da rede, algúns embebidos polas pantallas cheas de diminuto código... E sempre contando co apoio e vixilancia das profesoras e dos profesores de Informática que, cada un na súa especialidade, ían asesorando os equipos ata onde o permitía a competición.
O gañador foi o Equipo 7, cunha puntuación de 43.25 puntos, integrado por:
- Borja Valladares Hermida, de 2º de FPB
- Deyber Abraham Silva Alfaro, de 1º de SMR
- Cristian Mella Hermida, de 2º de SMR
- Natasha Núñez Salán, de 1º de DAW
- David Ibáñez Leal, de 1º de DAW
- Nicolás Rocha Rodríguez, de 1º de ASIR
- Francisco Lázara Fernández, de 2º de ASIR "
O alumnado tamén lle fixo chegar a Luísa Areán a súa opinión sobre o que máis lle gustara, manifestando que, ademais de traballar en equipo con compañeiros e compañeiras doutros ciclos, o feito de sentir como se ía creando máis unión nas aulas de traballo, compartindo entre eles e elas as distintas maneiras de resolver algún dos bloques da actividade, contribuíu a facer máis levadío o concurso.
Pero tamén foron críticos, demandando mellor organización e máis información previa ao concurso en si, así como tarefas que implicasen aínda máis cooperación dentro do equipo.
Sen dúbida, unha interesante actividade da que profesorado e alumnado sempre aprende algo máis. Parabéns para todas as profesoras e todos os profesores que deseñaron, organizaron e coordinaron a actividade.
Equipo campión de Integra 2022 |
E no medio de tanto traballo e bo clima de cooperación, ben se merecían tomar as once.
Os segundos clasificados |
Equipo clasificado en 3ª posición |
Ningún comentario:
Publicar un comentario