Un 2 de abril (1805) nacía en Odense, na illa danesa de Fionia, Hans Christian Andersen. Autor de contos tan coñecidos como O parruliño feo, O traxe novo do emperador ou O soldadiño de chumbo, a data do seu nacemento foi a escollida para celebrar o Día do Libro Infantil.
Desde Bibliotecas Escolares de Galicia achégannos o cartel deste Día Internacional do Libro Infantil 2022, e o texto de Richard Van Camp, o escritor canadense seleccionado este ano pola IBBY (Organización internacional para o libro xuvenil) para mandarlle unha mensaxe aos rapaces e ás rapazas:
Ler é liberdade. Ler é respirar.
Ler permite que vexas o noso mundo con ollos diferentes e convídate a habitar mundos que nunca vas querer deixar.
Ler permítelle ao teu espírito soñar.
Seica os libros son amigos para toda a vida, eu acredito niso.
A plenitude do teu universo só medra cando les.
As historias son ás que nos axudan a remontar o voo cada día, xa que logo busca libros que lle falen ao teu espírito, ao teu corazón, á túa mente.
As historias son menciña. Curan. Reconfortan.
Inspiran. Ensinan.
Benditos sexan os narradores, e os lectores, e os oíntes. Benditos sexan
os libros. Eles son a menciña para un mundo mellor, máis luminoso.
Mahsi cho. Moitas grazas.
RICHARD VAN CAMP, AUTOR
TRADUCIÓN: MERCEDES PACHECO
E na Biblioteca Mario Pereira volvemos sacar os libros a unha zona de paso, liberándoos do seu encerro nos andeis, a ver se celebraban o seu día nas mans dalgún lector ou dalgunha lectora que tivese a ben dedicarlle un anaquiño de tempo nesta fin de semana primaveral.
Ningún comentario:
Publicar un comentario