Deses poemas, escolmamos tres, que nos tocan moi cerca.
Este é de Erín Moure, en Teatriños ou aturuxos calados .
En Botos chamámoslle
apagóns e eu tamén in
my latín.
Apagóns recórdannos
que somos cavernas solitarias
A guitarra do noso
tellado cambiou
por un clarinete
talvez
Porque o vento
inventa instrumentos onde desexar
Desexar é aquí un
factor non só humano
A auga corre polas
chaloupas únicas das herbas
Millóns de herbas
En copas de follas
logo atropelando
ailalalá ai ai la lai la
la la ai la
As contras enteiras
molladas
Misterios enteiros
contaxio cristal
ligaduras ausentes
A escuridade en todas
partes auga
Aquí agardo pola
light de Fenosa talvez
Lonxe de min
Este de Carlos Negro en Héleris:
Déixome caer ante o xuízo dos
espellos.
Eu debo ser esa cara macerada en
suor,
reflexo azul baixo a luz dos
focos fluorescentes.
E visto as varices que non gastan
as princesas.
Este de Celso Fernández Sanmartín, naquel libro que non levaba título (ou si?):
facía unha calor de moita chispa
para ser de noite
por iso abriron a ventá da cociña
destaparon unha lata de mexillóns
e coméronos todos sen pan
picándoos cun pauciño
nisto que se foi a luz e na mesma
salsa do escabeche dos mexillóns reflexouse a lúa
Ningún comentario:
Publicar un comentario