11 febreiro, 2016

Ao fío do encontro con Josefina Ling

A visita estelar de Josefina Ling

 por Olimpia Rivera Marcos


No noso instituto recibimos o pasado mércores a visita de Josefina Ling, profesora de Astronomía e Astrofísica da Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago e membro da Unión Astronómica Internacional. Docente, científica e divulgadora, esta madrileña de orixe chinesa ten a 3.046 anos luz unha estrela de seu, Ling 1, descuberta por ela mesma en 1992 .Tamén é relevante o estudo que está a realizar no Observatorio Astronómico Ramón María Aller Ulloa da Universidade de Santiago sobre as estrelas dobres e múltiples, en colaboración coa comisión de estrelas múltiples e binarias da Unión Astronómica Internacional.

Nesta ocasión veunos falar do proxecto "Con A de astrónomas", exposición vixente no centro estes días.

Tal é como explicou a doutora Ling, trátase dun proxecto que xurdiu no Ano Internacional da Astronomía, en 2009, impulsado pola Unión Astronómica Internacional así como pola UNESCO. Na súa preparación participaron nove astrónomas de distintos centros de investigación, entre elas a profesora Ling, integrantes dun equipo de traballo co mesmo nome, “Ela é unha astrónoma”. Trátase dun estudo sociolóxico tanto cualitativo coma cuantitativo sobre a muller na astronomía .



Despois de falarnos da desigualdade da que foron e son obxecto as mulleres dende a antigüidade ata os nosos días no ámbito científico, Josefina Ling explicou o propósito do proxecto: Mediante unha recompilación de numerosas astrónomas significadas ao longo da historia, xunto coas súas achegas a este campo, ten como obxectivo axudar a promocionar o traballo da muller así como promover a igualdade entre xéneros.

A profesora Ling proseguiu a súa charla falando de varias astrónomas de distintas épocas da historia, cuxas achegas se converteron en esenciais no que se refire ao campo da astronomía: Hipatia de Alexandría (370-415), “coñecida” pola película “Ágora”, de Amenábar; Carolina Herschel (1750-2848), considerada a primeira astrónoma profesional da historia; Williamina Paton Stevens Fleming (1857-1911), membro do “Harén de Pickering”, equipo de investigadoras ao que tamén se referiu a profesora; Jocelyn Bell (1943), que descubriu a primeira radiosinal dun púlsar, e por último de Antonia Ferrín Moreiras (1914-2009), considerada a primeira astrónoma galega, que ademais mantiña unha relación de proximidade con Ramón María Aller Ulloa.

Para rematar, atendeu a unha serie de preguntas formuladas por alumnas de Cultura Científica de primeiro de Bacharelato, referentes tanto á discriminación das mulleres no ámbito científico como a profesión da propia profesora Ling e á súa vocación pola astronomía. Tanto nestas preguntas como ao longo de toda a súa presentación, fixo fincapé no seu centro de estudo, as estrelas dobres, esenciais no campo da astronomía ao constituíren a única forma de coñecer as masas estelares e seguir así a súa evolución.

Ningún comentario: