29 febreiro, 2016

Ao fío do encontro con Gonzalo Álvarez Jurado

   PERCORRIDO XENÉTICO POLA CASA DOS AUSTRIA 

por Laura Arcay Rozas


O pasado xoves 26 de febreiro tivo lugar na biblioteca do noso centro a conferencia impartida por Gonzalo Álvarez Jurado, catedrático e profesor de Xenética na Universidade de Santiago de Compostela. Este coñecido científico e afeccionado á historia leva a cabo, xunto con todo o seu equipo, un estudo realizado mediante diversas análises xenéticas, co fin de demostrar que douscentos anos de consanguinidade foron os causantes da dexeneración e extinción da dinastía española dos Austria.

En primeiro lugar, o profesor situounos na sociedade dos séculos XVI e XVII na que eran frecuentes os matrimonios endogámicos, especialmente entre as clases sociais máis altas, por motivos fundamentalmente políticos e culturais. Con todo, aclarounos que o motivo de escoller como obxecto de estudo os Habsburgo, foi a posibilidade de coñecer datos imprescindibles como é o caso da árbore xenealóxica, formada por máis de tres mil personaxes. Outro tipo de información relevante que empregaron ao longo desta investigación, foron os datos de mortalidade infantil segundo a porcentaxe de consanguinidade dos nenos nacidos en dita dinastía. Grazas a isto, puidemos observar que ao principio da monarquía dos Austria, o índice de mortalidade infantil era igual a cero, pero que, co paso do tempo e o aumento das relacións consanguíneas, o número de nenos que morrían antes de alcanzar os dez anos de idade supoñía aproximadamente o 20% do total.

Como ben nos explicou o doutor Gonzalo, a Casa dos Austria instaurouse en España no 1506 con Filipe, “O Fermoso”, marido de Xoana, "A Tola", e xenro dos Reis Católicos. Tras case dous séculos de numerosos e continuados matrimonios entre primos, pais e nais cos seus respectivos fillos, tíos e sobriños, esta dinastía desapareceu con Carlos II no ano 1700, pola súa incapacidade para ter fillos en ambos os seus dous matrimonios. A inexistencia dun sucesor ao trono, provocaría posteriormente o estoupido da Guerra de Sucesión.

Carlos II, tamén coñecido como “O Enfeitizado”, padecía numerosos trastornos como raquitismo, esterilidade, un avellentamento adiantado e numerosos problemas máis que lle causaron a morte con tan só 38 anos. Todo isto, convérteo no exemplo máis claro da dexeneración xenética causada polos sucesivos cruces entre os membros dunha mesma familia. A investigación dirixida polo Dr. Álvarez Jurado revelou que o seu nivel de consanguinidade era do 25%, o que supón que unha cuarta parte do seu xenoma repetía a mesma secuencia nun cromosoma que no seu homólogo. Esta situación adóitase dar, segundo nos explicou, nos descendentes de relacións entre pais e fillos ou entre irmáns. Non obstante, Carlos II proviña do matrimonio formado por Filipe IV e Mariana de Austria, ambos tío e sobriña, polo que esa porcentaxe tan elevada é froito das 16 xeracións endogámicas polas que pasara toda a súa familia. Ademais, grazas ao importante traballo da doutora Celsa Quinteiro, este grupo de científicos cren ter chegado á raíz do “feitizo” deste monarca, considerando así, que padecía mutacións cromosómicas que lle produciron unha acidose tubular renal (distal), ademais dunha deficiencia combinada de hormonas pituitarias, o que explicaría a infertilidade deste. Así e todo, isto continuará a ser unha hipótese mentres non se demostre experimentalmente analizando unha mostra do defunto.

Gonzalo Álvarez tamén nos comentou que a posibilidade de herdar alelos iguais de ambos os proxenitores (homocigose), é simple cuestión de azar. Demostrounos isto, poñéndonos como exemplo os irmáns de Carlos II: a infanta Margarida Francisca e o príncipe Filipe Prósper. Mentres que a infanta levou a cabo un desenvolvemento normal e unha vida libre de problemas de saúde, o pequeno Filipe morreu con apenas 4 anos, debido a problemas semellantes aos que sufriría máis tarde o seu irmán Carlos II.

Nos últimos minutos da charla respondeu a algunhas preguntas formuladas por alumnos do Bacharelato de Ciencias, e de Natalia, ex alumna súa na universidade e actual profesora de bioloxía no noso centro, aplicando o explicado durante a conferencia, pero esta vez, á vida do famoso naturalista Charles Darwin, científico que levou a cabo algunhas investigacións no tema para intentar coñecer se o feito de casar e procrear cunha prima súa, provocara a aparición de tuberculose nunha das súas fillas, coa súa posterior morte.

Finalmente, sobra mostrarlle o noso máis grande desexo para que continúe tendo éxito nas súas próximas investigacións, así como darlle as grazas por compartir os seus coñecementos con todos nós na pasada xornada.


Foto: Bernabé & Javier Lalín. Faro de Vigo (26-2-16)

1 comentario:

Marisa Castiñeira dixo...

Bo resume Laura!
Divulgar o vivido e aprendido é importante. A transmisión do coñecemento nos fará mellores.
Interesantísimo esas historias xenéticas dos Austrias. Manexas ben o vocabulario ao tema. Debes ter boa profesora.
Bueno, Parabéns e sigue a escribir.