Ben vaiamos ao noso... estas oito de hoxe son de sete estalos. Non as perdades.
Inescusable. A gran dama do fumetti, Julia
Kendall, criminóloga e profesora universitaria, é unha personaxe redonda e de
múltiples irisacións. De se precisar un eloxio do xénero de detectives, os
argumentos ben se poderían iniciar con Julia.
BD franco-belga e novela de aventuras na súa
máxima expresión. Ingleterra, Francia, os EEUU, a finais do século XVIII. Se
nada falta en relación cos tópicos ben dosificados do xénero, tamén é de agradecer a recreación
do pano histórico en que se inxiren as andanzas de Lya de Beaumont. (Unha dúbida: Cumprirá tanta espeteira para vender unha
BD?)
Lena é unha muller de aire xélido e distante
que dificilmente deixa asomar os seus infernos interiores. Lena é unha muller
activa e decisiva no taboleiro xeopolítico mundial e, a través do seu oficio,
imos descubrindo algunhas das claves da actual política internacional. Todo iso
dun xeito ameno, grazas a unha trama exquisitamente tecida.
Que pouco representado temos o Manga! Ben, non
podemos estar en todo, pouco e pouco. Polo demais, nesta antoloxía non podería
faltar esta Sarah, nai coraxe, que, nun mundo post-apocalíptico, sae na épica procura
dos seus fillos. Unha obra excelente a todos os niveis, unha personaxe central
superlativa.
Para os vellos Marvel-lectores nunca nos
quedou claro quen era o protagonista, se Peter Parker, se Spiderman. Aquí hai
menos dúbidas Kamala imponse a Ms. Marvel. Que pasa se a adolescencia nos
obsequia con superpoderes e supercomplexos?
E se o fai nun mundo de conflitividade cultural constante? As claves están en Kamala Khan, musulmá en
Jersey City, de pais inmigrantes moi conservadores e cun irmán tentado polos
imáns radicalizados... O camiño está inzado de problemas e malos tragos, pero
tamén de alegrías e humor. Non é unha obra superficial, pero tampouco solemne. Kamala Khan/Ms. Marvel
pode ser a heroína do S. XXI.
Mary Noticias sae na España de 1962. Non
esperemos unha muller como as outras trinta e unha desta escolma. Non.
Mary noticias rompe algúns dos estereotipos e prexuízos cos que o franquismo
sometía as mulleres. Ese é punto de interese desta Mary "Noticias": unha visión que hoxe nos
parece desfasada e reaccionaria en moitos aspectos, daquela foi unha refoladiña
de aire fresco.
As relación pai filla non sempre son fluídas,
non o son aínda que o pai sexa un superheroe. E que pasa se o superheroe morre e a
filla se ten que facer cargo do oficio familiar. Deliciosa obra, exquisito guión
e, aínda por riba, David Rubín. Deixádeme poñer unha cita de Pedro
Moura: “O
desenho de Rubín encontra-se aqui naquela sua característica de ocupação quase
total das vinhetas não apenas com as figuras e os espaços, mas toda a espécie
de pormenores que garantem um peso sólido às cenas, e uma personalidade ao
universo. Uma textura material, vívida, cheia de fluidos e sujidade, tal como a
nossa existência empírica”
Nesta epopea de ciencia ficción marabillosa
(marabillosa en todos os sentidos), Léo, gran debuxante, evoca para nós os
grandes clásicos do xénero nuns guións perfectamente calculados e cunha
ambientación pletórica de imaxinación, precisión e cor. Na ampla nómina de personaxes que
atravesan a triloxía, Kim Keller, á que vemos medrar a través de mil mundos e
vicisitudes, é a protagonista indiscutible.
No próximo capítulo Isabel de Mamaye e sete máis.
Ningún comentario:
Publicar un comentario