31 xaneiro, 2020

R. 25.000


Xente nosa. A nosa xente.


"Ópera prima cunha melodía poética madurecida, unha luz na ardentía da alma, unha creación que amosa toda unha autofilosofía, un desasosego existencial, o fulgor do silencio..."
Xosé Luna

30 xaneiro, 2020

Encontro con... Ana María Otero Casal

11 de febreiro celebrase o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, e no marco das actividades a realizar no instituto haberá un Encontro coa microbióloga Ana María Otero Casal, que impartirá o relatorio "Resistencia a antibióticos" ao alumnado de 4º de ESO e de Anatomía Aplicada de 1º de Bacharelato.





A seguir unha pequena reportaxe fotográfica do Encontro coa microbióloga e investigadora que acompañamos de fotos da exposición complementar:




 


27 xaneiro, 2020

XII Olimpíada do saber

Xa está aquí a XII Olimpíada do saber. Inscribídevos!


Formade os vosos equipos e apuntádevos na Biblioteca.

O prazo finaliza o 7 de febreiro. O luns 10 comezamos.

24 xaneiro, 2020

Exposición-homenaxe a Sebas Anxo



A fin de conmemorar o Día da ilustración (o 30 de xaneiro, data que coincide co nacemento de Castelao), evento que se vén celebrando desde o 2014 a iniciativa no seu momento da Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia en colaboración coa Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI) para potenciar o sector e situalo no lugar que lle corresponde, nós queremos facelo cunha exposición de agradecemento ao desinteresado labor de deseñador e ilustrador que o compañeiro Sebas desenvolveu ao longo dos seus 12 anos de profesional da docencia a carón nosa.
Na mesma recollemos gran parte do seu traballo que se poderá contemplar, ben na Biblioteca de xeito permanente, ben no vestíbulo do instituto, e que Sebas realizou con tanto cariño e destreza.
O programa a desenvolver contempla a impartición dunha clase ao alumnado do 1º e 2º do Bacharelato de Artes por parte do propio Sebas Anxo sobre o seu labor de creador plástico, para deseguido realizar un percorrido guiado pola exposición.
A continuación catálogo da exposición que podedes baixar en PDF:



E como mostra do labor de deseño e maquetaxe a do libro oficial do ANIRMAU 2010:



Ou a do libro cos textos premiados no V Concurso literario Mª Vitoria Taboda 2018:

Fica evidente a calidade artística de Sebas sempre presto a responder aos requirimentos de deseñador, de ilustrador, de maquetaxe e de coordinador.
Moitas grazas, Sebas.

E aproveitando a exposición-homenaxe ao compañeiro Sebas Anxo, lembramos a Cándido Fernández Mazas, artista ao que se lle dedica este ano o Día da ilustración.
Para saber máis sobre o labor artístico do homenaxeado aí vai o vídeo producido por AGPI en colaboración coa Dirección Xeral de Políticas Culturais:

 

A seguir o cartel do Día da ilustración 2020, obra de Xulia Pisón:



15 xaneiro, 2020

Encontro con... Crispín d'Olot

A iniciativa de Normalización e do Departamento de Lingua galega, o vindeiro luns, 20, terá lugar no Salón de actos do instituto un Encontro con Crispín d'Olot, xograr contemporáneo, que nos deleitará co seu espectáculo "Raíces galegas", un percorrido polo noso cancioneiro medieval profano e relixioso, e popular, achegándose tamén ao neotrobadorismo de Álvaro Cunqueiro.


A seguir unha pequena reportaxe do encontro con Crispin d'Olot dentro da actividade Cant@s Cant@s:









13 xaneiro, 2020

VI Concurso literario Mª Vitoria Taboada. O libro

Un ano máis, e xa van seis, vén da saír do forno o libro cos textos gañadores do VI Concurso literario Mª Vitoria Taboada, con ilustracións de alumnado de 2º de Bacharelato de Artes.
Agardamos que desfrutedes coa lectura e a observación das ilustracións.

10 xaneiro, 2020

Álbum de Galicia

O Consello da Cultura Galega vén de inaugurar o espazo dixital Álbum de Galicia.


Unha colección de biografías de persoas sobranceiras en moi diversos ámbitos, co obxectivo, como indica o propio Consello da Cultura Galega, de "dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa Historia" e que, "en moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país".
A seguir o enlace a Ramón María Aller Ulloa e a José Rodríguez, o Matemático de Bermés