Amosando publicacións coa etiqueta Traducións. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Traducións. Amosar todas as publicacións

19 marzo, 2018

Daniil Kharms: Unha borracheira inesperada

 Celebrouse o ano pasado o 75º cabodano do vangardista ruso, Daniil Kharms. Poeta, escritor para a infancia, narrador, dramaturgo, Daniil Kharms foi perseguido polo stalinismo e acabou morrendo, probablemente de fame, na cadea de Leningrado Nº 1. Transcorría o febreiro de 1942.
O noso compañeiro Perfecto Andrade vólvenos agasallar cunha primeira tradución ao galego dun escritor ruso.

Fonte imaxe.

Unha borracheira inesperada.

por Daniíl Ivánovich Jarms.
(Tradución desde o ruso de Perfecto Andrade) 

Unha vez Antonina Alexeyevna zoupoulle ao seu home co cuño da oficina e estampoulle a fronte coa tinta.

O mortalmente ofendido Pyotr Leonidovich, home de Antonina Alexeyevna, pechouse no cuarto de baño e non deixaba entrar a ninguén.

Con todo, os habitantes do piso comunal, que tiñan unha imperiosa necesidade de ir onde estaba sentado Pyotr Leonidovich, decidiron escachar pola forza a porta pechada.
Decatándose de que se acabara a festa, Pyotr Leonidovich saíu do baño, foise para o seu cuarto e deitouse na cama.

Pero Antonia Alexeyevna decidira perseguir o seu marido ata o final. Esfarelou un papel en anaquiños e regou con eles a Pyotr Leonidovich que estaba deitado na cama.

O envelenado Pyotr Leonidovich botouse dun chimpo no corredor e púxose a arrincar o papel da parede.

Neste punto saíron todos os habitantes do piso e, vendo o que o malpocado Pyotr Leonidovich estaba a facer, botáronse enriba del e fixeron farrapos do chaleco que levaba posto.

Pyotr Leonidovich saíu correndo cara á oficina da vivenda.

Namentres, Antonina Alexeyevna espírase e agochárase na arca.

Dez minutos despois volveu Pyotr Leonidovich, seguido polo encargado da casa.
Ao non atopar a súa muller no cuarto, Pyotr Leonidovich e o encargado da casa decidiron aproveitar o lugar libre para baixar un pouco de vodka. Pyotr Leonidovich marchou a correr ata a esquina na procura da bebida.

Cando xa saíra Pyotr Leonidovich, Antonina Alexeyevna saíu da arca e apareceu diante do encargado da casa como a trouxeran ao mundo.

O encargado da casa, espantado, pegou un chimpo na cadeira e correu á
fiestra, pero ao ver a moza de vinte e seis anos, arroubouse coa súa
poderosa constitución.


Neste punto volveu Pyotr Leonidovich cun litro de vodka.

Ao ver o que acontecía no seu cuarto, Pyotr Leonidovich xuntou as cellas.

Pero a súa muller Antonina Alexeyevna amosoulle o tampón da oficina e Pyotr Leonidovich acougou.

Antonina Alexeyevna expresou o desexo de participar na bebedela, pero obrigatoriamente espida como estaba, e -só para amolar- de sentar na mesa na que se propuxera pór os pinchos para acompañar a vodka. Os homes sentaron en cadeiras, Antonina Alexeyevna sentou na mesa e puxéronse a beber.

Non se pode dicir que sexa hixiénico que unha moza núa estea sentada na mesma mesa na que está comendo xente. Aínda por riba Antonina Alexeyevna era muller rotunda e non moi preocupada pola súa limpeza corporal, así que a cousa estaba para que a levase o demo.

Con todo, axiña beberon abondo ata caer durmidos: os homes no chan e a muller na mesa.

E restableceuse o silencio no piso comunal.

30 setembro, 2017

L. N. Tolstoi: Notas dun tolo

Notas dun tolo

por Liev Nikoláievich Tolstoi

(Tradución de Perfecto Andrade Grande)

Hoxe celebramos o Día internacional da tradución publicando un texto inédito en galego, grazas -unha vez máis- aos bos oficios e á xenerosidade do noso compañeiro Perfecto Andrade. Neste caso é un relato de Tolstoi, de carácter autobiográfico.

Arzamás. Fonte.

1883. 20 de Outubro. Hoxe conducíronme a declarar ao goberno provincial, e as opinións dividíanse. Discutiron e decidiron que non estou tolo. Pero decidírono así só porque eu me contiven con todas as miñas forzas durante o tempo da declaración para non manifestarme. Non me manifestei porque lle teño medo ao manicomio; teño medo de que alí me impidan ocuparme da miña teima. Declaráronme suxeito a arrebatos, e algunha cousa máis así, pero de mente sa; declaráronme, pero eu ben sei que estou tolo. O doutor receitoume un tratamento, asegurándome que se sigo estritamente as súas prescricións, iso pasará. Todo o que me inquieta pasará. Ai! O que eu daría por que pasase! É demasiado atroz. Contarei por orde como e de que se me fixo exame, como perdín a razón e como descubrín a miña tolemia. Ata os trinta e cinco anos vivín coma todos e non tiña nada notorio. Só algo na primeira infancia: ata os dez anos, tiña comigo algo semellante ao do meu estado actual, pero limitábase a ataques, e non, como agora, que é un estado permanente. Na nenez apoderábase de min dun xeito algo diferente. Velaquí como era:

Lembro que unha vez me deitei a durmir, tiña cinco ou seis anos. Aia Evpraskia -alta, enxoita, de vestido marrón, cunha touca na cabeza e coa pel da papada colgándolle- espiume e meteume en cama.

- Eu só, eu só –botei a falar, e saltei a varanda.
- Veña, déitese, déitese, Fiédenka. Mire Mitia, que ben mandado é. Xa se deitou dixo ela, sinalando a meu irmán coa cabeza.
- Eu saltei á cama, sen soltala da man. Despois deixeina, axitei as pernas baixo a manta e arroupeime. E así estaba ben. Calei e pensei: “Eu quero á aia, a aia quéreme a min e a Mítenka, e eu quero a Mítenka, e Mítenka quéreme a min e á aia. E a aia quere a Tarás, e eu quero a Tarás, e Mítenka quéreo. E Tarás quéreme a min e á aia. E mamá quéreme a min e á aia, e a aia quere a mamá, e a min, e a papá, e todos se queren, e é ben para todos”. E de súpeto oio entrar a ama de chaves correndo e berra con forza algo da azucreira, e a aia dille con forza que ela non a colleu. E a min dóeme, e teño medo, e non entendo, e o terror, un terror frío apodérase de min, e eu agóchome coa cabeza baixo a manta. Pero mesmo na escuridade da manta non me alivio. Lembro como unha vez lle bateron a un rapaz diante de min, como berraba, e a faciana terrible de Foka cando lle batía.
- E non o farás, non o farás, –ordenáballe e seguíalle batendo. O rapaz dicía: “Non o farei”. E o outro ordenáballe “non o farás” e seguía batendo nel. E entón iso apoderouse de min. Empecei a saloucar e saloucar. E durante moito tempo ninguén puido calmarme. Velaí que eses saloucos, esa desesperación, foron os primeiros ataques da miña actual tolemia. Lembro outra vez en que iso se apoderou de min. A tía falaba de Cristo. Falaba e quería irse, pero nós diciamos:
- Conta máis sobre Xesucristo.
- Non, agora non hai tempo.
- Non, conta –e Mítenka pedía que contase. E a tía empezaba de novo o que nos contara antes. Contaba que o crucificaran, que lle bateran, que o atormentaran, e el seguía rezando e non os xulgaba.

- Tía, por que o atormentaban?
- Era xente ruín.
- Pero el era bo.
- Xa está, xa son as nove. Oídes?
- Por que lle pegaban? El perdoou, pero por que lle pegaban? Doíalle? Tía, doíalle?
- Xa está, vou tomar o té.
- E pode ser que fose mentira, que non lle pegasen.
- Basta.
- Non, non te vaias.

E apoderouse de min outra vez, saloucaba, saloucaba, despois empecei a dar coa cabeza contra a parede.



Así se apoderaba iso de min na nenez. Pero desde os catorce anos, desde o tempo en que acordou en min a paixón sexual e me entreguei ao vicio, todo iso pasou, e fun un mozo, coma todos os mozos. Coma todos nós, criados na excesiva comida graxa, melindroso, sen traballo físico e con todas as tentacións posibles para a inflamación da sensualidade, e no medio de nenos tan malcriados, os mozos da miña idade ensináronme o vicio, e eu entregueime a el. Despois ese vicio trocouse noutro. Comecei a coñecer mulleres e así, procurando praceres e atopándoos, vivín ata os trinta e cinco anos. Estaba completamente san, e non tiña ningún síntoma da miña tolemia. Eses vinte anos da miña vida sa pasaron para min de tal xeito que agora case non lembro nada deles e se os evoco é con traballo e noxo.

03 novembro, 2016

Marat Basyrov : Segundo advento



Velaquí tedes a tradución do segundo relato de Marat Basyrov, que nos regalou Perfecto Andrade.

LOCKHART, Susan (2010) :Right Fallopian tube and ovary

Segundo advento.

 

Non sei se che gustará a historia que me dispoño a relatar. Nin se paga a pena que a conte. Pero quero comprender, señor. Ti non só es o meu principal lector, senón que tamén es o inspirador, e precisamente por iso debes escoitala o primeiro. Aínda que, por outra banda, que che podo contar que ti non souberas?
E ti sabes como quere unha muller que a amen? Como chora polas noites en pena por ese mesmo amor? Ti mesmo lle deches ese penar. E as bágoas, e a almofada. Décheslle incluso o que non ten e o que nunca terá.
E agora di, lembras a María, a rapaciña da aldea que era toliña da cabeza e en consecuencia tamén da papuxa. Lembras como lle metía a avoa ideas, suxeridas por ti?
-       Importante non é ser listo –repetía a vella.  O importante é que te queiran.
-       Que te queira quen? –preguntaba María pestanexando.
-       Pois todos!
-        E como?
-        Pois de todos os xeitos!
Cada un quere como sabe, con que queira –precisamente iso tiña en vista a vella. E ti como proferías? Namórate do teu próximo con todas as túas febles forzas? Namórate do que está á beira, do que está detrás e diante, o que está dentro de ti e o que está fóra, por debaixo e por riba de ti? Namórate dos que sermonan, dos que se burlan e se inclinan, se entregan a excesos e traman? Esas son as túas verbas, señor? Miñas non son, dígocho fixo. Calquera verba, túa, comprende todo! Mesmo a última descarada non a inventei eu.
E ti lembras como se ocupaba María coa boneca? Como pasaba os ollos polo único espello, tentando no reflexo dexergar o teu rostro? Para que te agochabas da rapaza babeca en murmurios e renxidos, en suspiros nocturnos no faiado, nas explosións do vento e no ruído da choiva? Para que, xogando a esas agochadas, facías de xeito que ela sempre levara o xogo? Por que non te precipitabas tras ela cando se mancaba os xeonllos e non a recollías cando caía? Onde estabas cando ela choraba amargamente?
E despois, cando morreu a avoa e María ficou totalmente soa? Lembras como te chamaba, como che pregaba para que a fixeses comprender? Para que lle explicases que tiña que facer logo?

06 outubro, 2016

Marat Basyrov: Vexo

Coa gallo do Día Internacional da Tradución que se celebrou o 30 de setembro, o noso compañeiro Perfecto Andrade agasallounos coa versión galega de dous relatos do escritor ruso Marat Basyrov. Por causa de cerellos nosos, non puidemos subilos no seu día á Marela. Agora si. Velaquí tedes o titulado Vexo (Я вижу). Probablemente a primeira tradución deste autor a unha lingua ibérica.

Fonte da foto (wellcomeimages.org)

Vexo



Marat Basyrov




Ivánov é o meu amigo. Tatexa con forza. E eu teño miopía. Somos semellantes. Eu case non vexo nada sen gafas, e Ivánov non pode dicir nin palabra.

Cando o chaman ao encerado, toda a clase entretense con el. Nos intentos de dicir retórcese coma se o queimasen cun soldador. Eu quito as lentes para non ver como sofre.

Antes das vacacións de inverno, el dime:
- En Tbilisi vive un curandeiro. Cura todo, incluso a miopía.

Pronunciar iso case lle leva unha eternidade.

- Perdes a vista? -pregunto.

- Perdo a paciencia -responde.

Falo cos pais, prégolles, e velaí que, despois de aninovo, Ivánov e mais eu voamos a Tbilisi.

Xusto antes da aterraxe, no avión empeza a cantar Kikabidze. Non en directo, claro, senón na radio.

Encóntranos a mañá invernal xeorxiana – é sonora, atravesada polo sol e unha fala allea. Nós imos ao barrio vello da cidade, buscamos a rúa Vashliudjvari. Cruzamos unha ponte. Por baixo de nós flúe o río Kura.

Saímos na parada precisa e baixamos por unha ruela estreita. Imos pola beira de terreos con casas. Arredor árbores, arbustos, terra núa. Adiántannos dous rapaces que levan diante aros de rodas de bicicleta. Os aros soan, rebotando nas pedras. Parece que toda a rúa tinguelea. Cheira a fume de cacharela. O aire é transparente e limpo, tal que a cabeza dá voltas.

O apelido do curandeiro é Kenchadze. Ten unha gran casa de tres pisos. Ademais no súa parcela hai un cabanote longo. Nel recibe os enfermos.

Hai moitos, hoxe, unhas corenta persoas. Chegaron de todos os lados, de todo o país. Din que Kenchadze cura todas as enfermidades. E a miopía e a tartamudez cáscaas coma noces. Poñémonos á cola dentro do espazoso habitáculo. Finalmente chega a nosa vez.

O curandeiro Kenchadze é un mozo sinxelo a simple vista. Sen afeitar. Leva unha cazadora de coiro riscada e unha viseira. Téndolle cinco rublos, el agóchaos no peto do lado. Despois empeza a darme masaxes nas mans.


08 maio, 2016

Astro_poemas (16) : Stanley Kunitz

Ilustración: Iván Gordedo


Halley’s Comet

Miss Murphy in first grade
wrote its name in chalk
across the board and told us
it was roaring down the stormtracks
of the Milky Way at frightful speed
and if it wandered off its course
and smashed into the earth
there’d be no school tomorrow.
A red-bearded preacher from the hills
with a wild look in his eyes
stood in the public square
at the playground’s edge
proclaiming he was sent by God
to save every one of us,
even the little children.
“Repent, ye sinners!” he shouted,
waving his hand-lettered sign.
At supper I felt sad to think
that it was probably
the last meal I’d share
with my mother and my sisters;
but I felt excited too
and scarcely touched my plate.
So mother scolded me
and sent me early to my room.
The whole family’s asleep
except for me. They never heard me steal
into the stairwell hall and climb
the ladder to the fresh night air.
Look for me, Father, on the roof
of the red brick building
at the foot of Green Street—
that’s where we live, you know, on the top floor.
I’m the boy in the white flannel gown
sprawled on this coarse gravel bed
searching the starry sky,
waiting for the world to end.


O poeta norteamericano Stanley Kunitz era un neno en 1910, unha das ocasións en que o cometa Halley se puido observar dende o noso planeta. O autor evoca ese recordo da infancia nun poema que máis semella un brevísimo relato, aínda que cheo de detalles. Porén Kunitz probablemente conta esta historia como medio para chegar a outra: o neno que espera a fin do mundo é un neno curioso e ávido de revelacións na procura do seu pai (o pai de Kunitz morrera pouco antes de nacer el). O acontecemento astronómico de 1910 serve así para expresar os sentimentos de perda, desexo e esperanza do poeta.

Stanley Kunitz. ASSOCIATED PRESS. Vía.
 O cometa Halley
Cando estaba en primeiro curso a Señorita Murphy
escribiu o seu nome con xiz
no encerado e díxonos
que estaba a ruxir na dirección das tormentas
da Vía Láctea a unha velocidade de vertixe
e que de se desviar da súa traxectoria
e chocar contra a terra
ao día seguinte non habería escola.
Un predicador dos outeiros con barba vermella
e unha mirada salvaxe nos ollos
de pé na praza pública
xunto ao parque infantil
dicía que el fora enviado por Deus
para salvarnos a cada un de nós,
mesmo aos nenos pequenos.
Arrepentídevos, pecadores!” -gritaba,
axitando un cartel escrito a man.
Durante a cea sentinme triste ao pensar
que era probablemente
a última comida que compartiría
coa miña nai e irmás,
pero estaba tamén emocionado
e apenas probei bocado.
Así que Mamá rifoume
e mandoume pronto á cama.
Toda a familia dorme,
excepto eu. Non me oíron
cruzar o corredor e subir
a escada para sentir o aire fresco da noite.

Mírame, Pai, no tellado
do edificio de ladrillo vermello,
ao pé de Green Street-
que é onde vivimos, xa sabes, na planta de arriba.
Son o neno da roupa de flanela branca
deitado nesta cama de grava grosa
buscando no ceo estrelado,
esperando a fin do mundo.
Tradución ao galego de Ánxeles Francis e Minia Bongiorno.

 Imaxe: O PO DO HALLEY E A VÍA LÁCTEA (2014). Taylor, Mike. Apod galego (9-5-2104)

23 abril, 2016

Astro_poemas (14) : John Haines


Créditos da imaxe e copyright: László Francsics. Vía.
LITTLE COSMIC DUST POEM
Out of the debris of dying stars,
this rain of particles
that waters the waste with brightness…
The sea-wave of atoms hurrying home,
collapse of the giant,
unstable guest who cannot stay…
The sun’s heart reddens and expands,
his mighty aspiration is lasting,
as the shell of his substanace
one day will be white with frost.
In the radiant field of Orion
great hordes of stars are forming,
just as we see every night,
fiery and faithful to the end.
Out of the cold and fleeing dust
that is never and always,
the silence and waste to come…
This arm, this hand,
my voice, your face, this love.
  John Haines foi un ensaísta e poeta norteamericano. As súas experiencias en Alaska, onde viviu uns 20 anos, axudaron a conformar a súa obra e  é así considerado por moitos un “poeta da natureza”. Nestes versos Haines lémbranos que somos po cósmico, froitos dos fenómenos do universo: os átomos que nos forman, os que compoñen a persoa amada, o amor, ... teñen a súa orixe nunha estrela morta.


Poemiña de po cósmico
Dos escombros de estrelas moribundas,
esta chuvia de partículas
que rega os refugallos con brillo...
Unha onda de átomos apurándose cara á casa
colapso do xigante,
hóspede inestable que non se pode deter…
O corazón do sol arroiba e expándese,
a súa poderosa aspiración é eterna,
como a codia da súa substancia
un día será xeo branco.
No campo resplandecente de Orion
grandes cúmulos de estrelas fórmanse,
tal como vemos todas as noites,
ardentes e fieis ata o final.
Dende o po frío e fuxidío
que nunca e sempre existe,
virán o silencio e o refugallo …
Este brazo, esta man,
a miña voz, a túa cara, este amor. 
 [Tradución de Minia Bongiorno e Ánxeles Francis]
 

08 abril, 2016

Astro_poemas (11) : Sarah Glaz

Junichi Akagawa. Vía.

What is the wisest thing? Number.
What is the most beautiful? Harmony.
On the Pythagorean Way of Life"
Iamblichus (3rd century AD)

Pythagoras plays his lyre
Pythagoras plays his lyre
surrounded by mathematicians.
We sing paeans as he strikes

the cords:
We discovered the
law of the cosmos:
All is number!
Mysterious proportions!
The way strings vibrate
to harmonic ratios
makes music sound
like heaven.
The sacred beans sprout
in the nearby elds.
All animals are part
of our family.
In the interval between
earth and the firmament
planets circle and hum
in concert.
Each One a note
in the grand symphony
of all creation.
We guard

its innermost secret.
The music wafts upward
like smoke from burnt incense
pleasing the gods who watch us

play and pass.
Sarah Glaz: “Pythagoras plays his lyre” en Journal of Humanistic Mathematics.

Sarah Glaz é poeta e profesora de matemáticas na Universidade de Connecticut.  Os seus diversos traballos (dende poemas a artigos académicos) reflicten o estreito vínculo que esta experta en álxebra establece entre matemática e arte. Bo exemplo  é este poema sobre as ideas de Pitágoras acerca da harmonía musical  e da “música das esferas”  (o son producido polo movemento dos astros), que os pitagóricos baseaban en relacións numéricas.
Photo by Jessica Tommaselli. Vía.


Cal é a cousa máis sabia? Número.
Cal é a máis fermosa? Harmonía

Sobre o modo de vida pitagórico”
Iamblicus (século 3 dC)

Pitágoras toca a lira
Pitágoras toca a lira
rodeado de matemáticos.
Cantamos himnos mentres el tanxe
as cordas:


Descubrimos
a lei do cosmos:
Todo é número!
Proporcións misteriosas!
O xeito de vibrar as cordas
segundo ratios harmónicas

fai que a música soe
como o ceo.

Os grans sagrados brotan
nos campos próximos.
Todos os animais son parte
da nosa familia.
No intervalo entre
a terra e o firmamento
os planetas xiran e cantaruxan
en concerto.
Cada un súa nota
na gran sinfonía
da creación.
Gardamos
o seu segredo máis íntimo.
A música elévase no aire
como o fume de incenso queimado
compracendo os deuses que nos ollan
tocar e pasar.

[Tradución de Ánxeles Francis e Minia Bongiorno]

24 febreiro, 2016

Astro_poemas (3) : Adrienne Rich

Ilustración: Iván Gordedo


PLANETARIO
Pensando en Caroline Herschel (1750—1848),
astrónoma, irmá de William; e noutras
Unha muller con aparencia de monstro,
un monstro con aparencia de muller
son frecuentes no ceo


unha muller “na neve
entre reloxos e instrumentos
ou medindo o chan con varas”

descubrindo nos seus 98 anos
8 cometas


Ela, gobernada pola lúa
coma nós
levita no ceo nocturno
viaxando sobre lentes puídas


Galaxias de mulleres, cumprindo
penitencia polo seu ímpeto
nervios xélidos
neses espazos da mente

Un ollo


                “viril, preciso e absolutamente certo”
                desde as escuras arañeiras de Uranusbor
                                                                              atopa a NOVA
cada impulso da luz estala


desde o centro
e mentres a vida se nos vai a voar
               

                Tycho rumorea á fin
                “Que non pareza que vivín en balde”


Vemos o que vemos
a visión está cambiando


a luz que seca unha montaña
e permítelle a un home vivir


Os latexos do pulsar
o corazón exsudando polo corpo


O impulso de radio
inundándonos  desde Taurus


                Estou bombardeada pero aínda así        érgome


Levo toda a vida de pé no medio
da traxectoria directa dunha serie de sinais
transmitida coa maior precisión a máis
intraducible linguaxe no universo
Son unha nube galáctica tan profunda  tan intricada
que unha onda de luz tardaría 15
anos en atravesarme.                    E tardou.
Son un instrumento con forma
de muller intentando traducir pulsacións
En imaxes           para alivio do corpo
E reconstrución da mente
Tradución de  Minia Bongiorno e Ánxeles Francis.

Foto: poetryfoundation.org/bio/adrienne-rich


A propia autora, a poeta norteamericana Adrienne Rich, indícanos que este poema está inspirado en Caroline Herschell, astrónoma que traballou co seu irmán William Herschell. Mentres William é considerado unha das figuras da historia da astronomía, o nome de Caroline foi esquecido a pesar de ter descuberto oito cometas e realizado outros importantes descubrimentos nese eido : para Adrienne Rich, un exemplo entre moitos de como a sociedade despreza ou ignora os logros femininos. Máis fronte a isto, está a loita compartida que une a xeracións de mulleres (“galaxias de mulleres” que levan “en pé toda a vida” a pesar de seren “bombardeadas”) de xeito que “a visión está cambiando”. A historia dunha astrónoma convértese no discurso poético de Adrienne Rich nunha expresión máis do seu discurso teórico como intelectual e activista feminista.

[Versión orixinal]