Amosando publicacións coa etiqueta Premios. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Premios. Amosar todas as publicacións

25 xuño, 2026

Premio Galicons-net 2026


O proxecto “Sumando valores, restando riscos”, desenvolvido polo alumnado e profesorado do IES Ramón Mª Aller Ulloa, foi distinguido co Primeiro Premio Galicons-net 2026 na Categoría C, destinada ao alumnado de Bacharelato, Formación Profesional e Educación de Persoas Adultas.

Este recoñecemento supón un importante aval ao traballo realizado ao longo do curso arredor da educación financeira, os dereitos das persoas consumidoras e o consumo responsable, a través dunha metodoloxía interdisciplinar que permitiu integrar estes contidos en diferentes materias e ciclos formativos.

O proxecto contribuíu a fomentar no alumnado o pensamento crítico, a toma de decisións responsables, o coñecemento dos seus dereitos como persoas consumidoras e o desenvolvemento de competencias fundamentais para a súa vida persoal, académica e profesional.

Queremos agradecer o esforzo, a implicación e o compromiso de todo o alumnado participante, así como a colaboración do profesorado que fixo posible este proxecto. Este premio é o resultado dun traballo compartido, baseado na innovación educativa, na cooperación e na aprendizaxe significativa.

Seguiremos apostando por iniciativas que contribúan a formar unha cidadanía máis consciente, crítica e responsable.

💙 Grazas a todas as persoas que formastes parte desta experiencia.


#GaliconsNet #IESRamónMªAllerUlloa #SumandoValoresRestandoRiscos #ConsumoResponsable #EducaciónFinanceira InnovaciónEducativa FormaciónProfesional AprendizaxePorProxectos PremioGaliconsNet EducaciónParaACidadaníaResponsable 

21 xuño, 2021

Premio de Azos Feministas

Este ano polo 8M o colectivo Azos Feministas propúxolle ao alumnado dos centros escolares de Lalín que contaran o porqué da importancia deste día. E unha das cartas premiadas resultou ser da autoría de Lara Fernández Martínez, alumna de 1º da ESO do noso instituto. 
Parabéns Lara.

Lara co seu premio

Lara coa profesora que coordinou a actividade e con dúas integrantes do colectivo AF

22 abril, 2021

Odisea 2021

Na web do Instituto damos conta do éxito do alumno de 2º do Bacharelato C, Melvin Ibarra Soto no Concurso Odisea 2021 no que logrou o subcampionato. 
Moitos parabéns, Melvin!
Reproducimos tamén na Marela o vídeo no que Melvin reflexiona sobre a súa participación.
 

20 novembro, 2020

VIII Concurso Literario Mª Vitoria Taboada: O cartel

Xa hai uns días que se publicou a convocatoria do VIII certame literario Mª Vitoria Taboda, mais faltaba a entrega do premio á gañadora do concurso de carteis, así como o recoñecemento ás finalistas, alumnas de 2º do Bacharelato de Artes.

A seguir unha pequena reportaxe gráfica do evento:
 
A gañadora, Sara Capiscol Pérez, a carón do seu cartel, no centro. 



Sara recollendo o premio de man da súa profesora María Armada


No centro, a gañadora, Sara, cos accésits: Lorena González Ferreiro e Iria Diéguez Eiriz

Todas as autoras diante dos carteis seleccionados cos seus agasallos.
 
Parabéns a todas polos fantásticos deseños realizados.



 

Premio "Inspiraciencia" para Adrián Llinares Juíz

Comprácenos anunciar a nova de que o alumno de 1º do Bacharelato Adrián Llinares Juiz vén de gañar o concurso de relatos "Inspiraciencia", organizado polo CSIC, na categoría de 12 a 17 anos co relato "El amor es pura química... y la familia también" (preme no título para ler o relato).
 
Adrián na Biblioteca do centro perante a foto do Congreso de Solvay
 
Para saber máis do porqué da súa participación preme en YouTube.
Moitos parabéns Adrián, e por suposto á comunidade escolar do CPI de Rodeiro.

 

15 outubro, 2020

Banda deseñada no IES Aller Ulloa

Unha vez máis alumnado do noso centro recibe un recoñecemento pola creatividade no eido da banda deseñada, neste caso trátase de Álex Souto Sánchez e Sofía Gil Madriñán que veñen de ser premiados na 8ª edición do Certame de Banda Deseñada AX1 convocada polo IES Arcebispo Xelmírez de Santiago e a Secretaría Xeral de Política Lingüística. Moitos parabéns a ambos e ao profesorado de Artes Plásticas que coordinou o traballo.

        Sofía e Álex, nun momento sen máscara con cara de satisfacción ante o espaza BD da Biblioteca

Na acta de concesión recóllense, entre outras, as seguintes reflexións:

Conceder o primeiro premio na categoría de 12 a 15 anos, dotado con 500 €, a Cortos de Glazes. Dimensión 4 de Alex Souto Sánchez, alumno do IES Ramón María Aller Ulloa de Lalín, por presentar unha historieta novidosa e fresca, na que o debuxo e o deseño de páxina están ben traballados, amosando un emprego desenfadado dos recursos expresivos e condensando a capacidade do debuxante de condensar mundos propios en micronarrativas e unha arquitectura moi ambiciosa que ofrece un breve aperitivo, pois rematan xeralmente de xeito abrupto, o que suscita en quen as le o desexo dunha continuación. Salientamos tamén a súa habilidade para adaptar no formato da banda deseñada influencias diversas do mundo da televisión, os videoxogos, o cinema e outras artes. 

A seguir un detalle da obra:

Conceder o segundo premio, na categoría de 16 anos en diante, dotado con 200 €, a Un colar de picos e uns tacóns de agulla, por favor, de Sofía Gil Madriñán, obra fundamentada tanto nos aspectos formais como na mensaxe que transmite, e na que a autora reflicte o seu dominio sobre a linguaxe da BD e a soltura no manexo dos medios gráficos, que acompañan de forza e cor o contido, xogando coa montaxe das viñetas, combinando imaxes pequenas e detalladas ao comezo para rematar con grandes debuxos cheos de intención comunicativa, e tamén coas grafías, propiciando que a historia orgánica gañe forza acompañada da historia visual. A nivel técnico trátase dun traballo moi artesanal, que zumega intuición creativa e soluciona os problemas da montaxe das viñetas con efectividade. Ao mesmo tempo, a historieta formula unha alegación poderosa a prol da liberdade de xénero.

A seguir un detalle da obra:

Moitos parabéns para Álex e Sofía en nome da comunidade escolar do IES Ramón Mª Aller Ulloa.

Na web do IES Arcebispo Xelmíez I podedes ler integramente a ACTA do VIII Certame AX1 de Banda Deseñada


08 xuño, 2019

I Concurso de Ilustración Científica

Convocado polos departamentos de Bioloxía e Debuxo do IES Ramón Mª Aller Ulloa celebrouse o I Concurso de Ilustración Científica dirixido ao alumnado de 3º e 4º de ESO e de 1º e 2º de Bacharelato do centro.

O xurado integrado por ambos os departamentos decidiu outorgar o 1º premio do certame a Luisa María Zuloaga Garcés e un 2º premio a Ana García Lois, ambas alumnas de 2º de Bacharelato. Así mesmo, o xurado destacou a calidade das ilustracións.

A seguir as fotos do acto de entrega ás premiadas cos espazos na Biblioteca de Ciencia e Arte como fondo, asi como as ilustracións seleccionadas expostas no vestíbulo, coas gañadoras como protagonistas:




 Tamén podedes ver as ilustracións premiadas e as finalistas en formato dixital:

01 xuño, 2018

Acto de entrega do quinto premio literario Mª Vitoria Taboada: as imaxes

A biblioteca do instituto acolleu o acto, emotivo, de entrega de premios do V Concurso Literario Mª Vitoria Taboda que tivo como mestres de cerimonia a Noelia Granja e a Diego Portas, e no que puidemos desfrutar de música e literatura:
Na parte musical contamos coas actuacións de:
María Docasar, Helena Santalla, Claudia Gómez e Jimena Calvo, formando cuarteto ou dueto; do Cuarteto Musical integrado por Carmen Fuentes, Andrea Ramos, Diego Portas e Verónica Peña; e de Diego Xesús Rodríguez, como solista.
Na parte literaria contamos coa lectura de fragmentos dos textos premiados a cargo das súas autoras e do seu autor: Alba Lugo Rey, Sara Granja Sanmartín, Roberto Agra Buján, Cristina Guerra Vila (representada pola profesora Gracia Santórum), Noa García Díaz e Aroa Espiño González.
A seguir unha breve reportaxe gráfica do evento:















28 maio, 2018

Acto de entrega de premios do V Concurso Literario Mª Vitoria Taboada

O xoves, 31, celebraremos o acto de entrega de premios do V Concurso Literario Mª Vitoria Taboada. Contaremos coa impagable colaboración de alumnas e de alumnos músicos do noso centro.

24 novembro, 2017

Premio para Radiografía dun cigarro, en Galiciencia

Ángela, Andrea e Natalia mostran diplomas

"Radiografía dun cigarro" recibiu o premio á mellor comunicación e presentación oral  en "Galiciencia 2017".

proxecto de investigación foi deselvolvido polo alumnado de Anatomía Aplicada de 1º de bacharelato, baixo a dirección de  Natalia Fernández. 



Parabéns!

Máis información e fotos sobre o traballo no Toc-toc_A Ciencia.






23 xuño, 2017

Banda deseñada. A entrega de premios

A seguir unha mostra gráfica da entrega a Sofía Gil Madriñán do seu premio no V Certame de Banda deseñada "Arcebispo Xelmírez", así como do seu labor como debuxante.




20 xuño, 2017

Banda deseñada do IES Aller Ulloa

 Alumnado de ESO e Bacharelato vén de participar no V Certame de Banda Deseñada "Arcebispo Xelmírez", convocado polo IES "Arcebispo Xelmírez" de Santiago e a Secretaría Xeral de Política Lingüística, para o fomento da creatividade en galego a través da banda deseñada.

Parabéns para a alumna Sofía Gil Madriñán, de 2º de ESO, quen acadou o 2º premio do V Certame AX1-2017 na categoría de 12 a 16 anos, pola súa obra “Café con xeo”; así como ao alumnado participante, baixo a coordinación do departamento de Artes Plásticas.


A seguir o resultado do traballo realizado:

25 maio, 2017

IV Concurso literario Mª Vitoria Taboda. Entrega de premios

Un ano máis celebramos o acto de entrega dos premios literarios Mª Vitoria Taboada, xa no seu cuarto ano.

De novo a música do noso alumnado e profesorado foi un dos compoñentes fortes do acto.

A seguir unhas fotos do mesmo, coa imaxe de tres das persoas gañadoras e do acto, xentiliza do noso compañeiro Carlos Míguez, mentres ultimamos a edición da gravación do acto e demais fotos do evento.





20 maio, 2016

Premios prensa-escola para Emma e Adela


PARABÉNS! PARABÉNS! PARA…

...dúas alumnas de 1º de BAC do noso centro que acaban de nos dar unha excelente noticia.

Por un lado, Emma Cepeda Mouriño mereceu o Primeiro premio no Concurso Mellor Xornalista Xuvenil 2016 do Programa Prensa-Escola e por outro, Adela Otero Vázquez  conseguiu o segundo premio no II Concurso de Fotografía  “Galicia, auga e literatura ” do Programa Prensa-Escola – Viaqua 2015/2016

Emma viaxará a Londres unha fin de semana e poderá levar a tres persoas con ela.

Adela recibirá unha cámara dixital.

Que o noso alumnado nos dea alegrías destas axuda moito.

Parabéns e graciñas, mozas. 
Foto: Miguel Souto. La voz de Galicia.

01 abril, 2016

Carteis conmemorativos do 50º aniversario de D. Ramón Aller

O xurado do concurso convocado polo instituto para conmemorar o 50º aniversario do pasamento de D. Ramón Aller, integrado por Dona Cecilia Doporto, Don Damián Paío e Don Armindo Salqueiro, declarou o seguinte resultado:

1º premio: Daniel Villanueva Barros.

"O cartel reflicte o horario das observacións, chama a atención polo xogo de cores e dá sentido de profundidade e espazo infinito..."

1º Accésit: Andrea Fernández Ramos.

"O traballo mostra unha gran limpeza de execución e unha notable eficacia comunicativa, integrando o perfil do homenaxeado nunha recreación do sistema solar"



2º Accésit: Iván Gordedo Sánchez

"Estamos ante unha recración e actualización dun motivo clásico da pintura: a alegoría da astronomía. Neste caso, o torso feminino acolle dous obxectos: o sol e a lúa? dúas estrelas dobres?"


 

3º Accésit: Marta Calviño Sixto

"É máis que apreciable o uso das novas tecnoloxías pare desenvolver, dentro dunha estética naif, un motivo ligado ás vellas cosmogonías: a conversión de Don Ramón nunha constelación".


19 novembro, 2014

O libro, segundo premio no OUFFESCOLA

Así é. Coa súa primeira produción, as artistas de Cultura Audiovisual (2013-14) lograron o segundo premio no certame OUFFESCOLA, convocado polo Festival de Cine Internacional de Ourense.

Vaia, que xa non vos quedan escusas para non ver O libro.

Sebas e parte do cadro artístico reciben o premio
Esta é a foto de familia de todos os galardoados...

As nosas (e Puma), aí contra a esquerda

... que veñen sendo estes:

Parabéns a todos!!!

A noticia en Praza pública, con fotos e a curta...