30 abril, 2024

María Balteira: xénero, literatura e cultura audiovisual

O alumnado de Lingua e Literatura Galegas de 1º do Bacharelato, o de Cultura Audiovisual e mais o de Expresión Artística de 4º da ESO do noso Instituto visionou a produción audiovisual "María Balteira, reflexos do xénero", reflexionando sobre a presenza de estereotipos de xénero na literatura medieval e na actualidade.

O vídeo resulta moi interesante para traballar en Cultura Audiovisual como exemplo de produción audiovisual, tanto para analizar como para que o alumnado tente realizar algo semellante con outras temáticas relacionadas coa educación e que introduzan algún tema transversal.
 
Agradecemos á produtora Sétima, e á nosa exalumna Adela Otero, por contar co IES Ramón María Aller Ulloa para o visionado da curtametraxe.

Francisco Janeiro Otero, profesor de Cultura Audiovisual
 
Desde a Marela moitos parabéns para a produción do vídeo, un exercicio de puro esteticismo que amosa unha perfecta simbiose entre arte, literatura, historia e socioloxía. Abofé que vén sendo unha xanela aberta ao coñecemento do explendor artístico e literario medieval galego, con pinceladas contemporáneas.
 





Trastornos de orixe xenética

 Baixo a coordinación da profesora Natalia Fernández Basterra, o alumnado de Bioloxía de 4º ESO A levou a cabo unha pequena investigación sobre TRASTORNOS DE ORIXE XENÉTICA debidos a alteracións no número de cromosomas.

Procuraron información sobre algunhas monosomías como a síndrome de Turner, sobre trisomías como a síndrome de Down ou a síndrome de Klinefelter. Sobre alteracións nos autosomas como a acondroplasia e o albinismo.

Estudaron tamén alteracións nos xenes ligados ao cromosoma X como a hemofilia e o daltonismo, así como enfermidades xenéticas debidas á herdanza autosómica dominante ou recesiva, como a fenilcetonuria, a fibrose quística, a síndrome de Marfan ou as debidas a mutacións, como a enfermidade de Huntington, entre outras.

Indagaron sobre as técnicas que existen para diagnosticar algúns destes trastornos xenéticos como a biopsia de pilosidades coriónicas, a amniocentese e a punción do cordón umbilical.

Pódense ver no recuncho  do Toc-Toc-A-Ciencia, xunto con libros da biblioteca relacionados coa Xenética.

Fotografías de Natalia Fernández Basterra






25 abril, 2024

1974-2024, medio século de democracia

Tal día coma hoxe, hai xusto medio século, coa música de Grândola vila morena, o exército portugués botouse ás rúas, en son de paz. O pobo uniuse aos militares e os caraveis substituíron as balas. A ditadura caeu. Desde aquela, en Portugal " o povo é quem mais ordena".

Para que a Historia non se repita, para que as dúas ditaduras ibéricas que correron parellas, NUNCA MÁIS volvan aparecer nas nosas vidas, para que a nosa rapazada coñeza os feitos, reflexione e aprenda deles, a música do Zeca Afonso soará no IES Ramón María Aller Ulloa durante o tempo de lecer deste 25 de abril.

E se queredes ler algunha novidade, ou algún dos clásicos da literatura do país veciño, podedes ver unha pequena selección na entrada do IES ou rebuscar e/ou pedir axuda na sección 869.0 da Mario Pereira.




23 abril, 2024

X Concurso Literario Mª Vitoria Taboada : o libro

 

Sara López Rodríguez

Unha vez máis comprácenos presentar a edición do libro cos textos premiados do Concurso Literario Mª Vitoria Taboada, nesta caso os correspondentes á X edición, con ilustracións achegadas por alumnado do Bacharelato de Artes.
Agardamos que sexa do voso agrado tanto a lectura dos textos premiados como as ilustracións complementares.
A seguir o libro dixital:
 
 

15 abril, 2024

Monumento a Aller: Tempo de instalación

 


O monumento a Aller foi inaugurado o 4 de setembro de 1960. Francisco Asorey finaría o 2 de xullo de 1961. Trátase pois da última grande obra do escultor.

Esta foto que descubrimos hai pouco correspóndese, como vedes, co tempo da instalación. Tres homes que non podemos identificar (podería ser un o escultor, con 71 anos?) subidos aos rústicos andamios semellan darlle os últimos retoques. Faltan aínda os elementos metálicos: a esfera armilar, o nome ALLER e as lendas (CIENCIA, VIRTUD).

Os tres canteiros subidos na estada lémbrannos, neste día Mundial da Arte, a importancia dos oficios e a artesanía á beira das excelencias artísticas e científicas.

A devoción que o astrónomo lles profesaba, lembrabánola Vitorino Gutierrez Aller en 2009:

"Na senda do pai (que chegou a construír un harmonio), Don Ramón cultivaba, con especial predilección e habelencia, as artes manuais. Xa catedrático en Santiago, as súas compañías referentes en Lalín eran os artesáns: O ferreiro Lamego, o latoeiro de Venancio, o reloxeiro Vilariño e o carpinteiro de Lalín de Arriba.
Nomes e oficios que nos evocan un pequeno mundo de artesanía, no que tan comodamente se sentía o noso sabio e no que atopaba
aliados para mellorar o instrumental científico da época. Don Ramón “sentía devoción especial polos artesáns” e el mesmo era “un artesán de categoría”."

[Da foto soubemos grazas a Celso Fernández Sanmartín e proporcionóunola José Antonio González, Currás]

12 abril, 2024

Xornadas de primeiros auxilios

Durante esta semana, o persoal docente e non docente do IES Aller Ulloa, puido asistir a dous obradoiros de primeiros auxilios. Begoña e Laura, sanitarias do 061, achegáronse ata o noso centro para formarnos na primeirísima axuda que podemos ofrecer a calquera persoa que estea a sufrir algún tipo de problema médico.

O martes centráronse en problemas de atragoamentos ou cortes importantes, practicamos a manobra de heimlich e taponamos hemorraxias con torniquetes profesionais e improvisados.
O xoves a práctica veu da man dos DEA e DESI, desfibriladores que poden salvar moitas vidas se os sabemos empregar.

Achegamos algunhas imaxes da actividade coordinada por Borja Costoya, profesor de Educación Física.



















06 abril, 2024

Marcapáxinas de elaboración propia

Desde hoxe mesmo, podedes levar da nosa biblioteca uns marcapáxinas orixinais, elaborados polo alumnado de FP Basica I, coordinado por Iria Ares e Ánxeles Francis.

Os marcapáxinas son  o produto  final, e máis vistoso, do traballo en Canva, empregando un glosario de termos informáticos básicos en inglés, que se insire dentro do PFPP, na liña desenvolta desde a Biblioteca.