28 setembro, 2022

Exposición "Laxeiro en América"

 No Día das Artes 2022 a Real Academia Galega de Belas Artes  homenaxeou a figura do noso veciño José Otero Abeledo, Laxeiro. E para clausurar este ano, A Xunta de Galicia, en colaboración co Concello de Lalín e coa Academia de San Fernando e a través da Fundación Cidade da Cultura, organiza a exposición Fue un hombre. Laxeiro en América (Buenos Aires, 1950-1970) "co obxectivo de difundir o legado dun dos grandes renovadores da pintura galega", tal e como apuntan desde a propia Real Academia Galega de Belas Artes.

Son corenta as obras que reúne esta exposición, e das que poderemos gozar na Cidade da Cultura ata o 18 de decembro.

            Imaxe: https://laxeiro.org/es/jornada-revisando-nuestro-arte-laxeiro/




23 setembro, 2022

Coa nosa xente

Guillermo López Taboada, un informático emprendedor e multipremiado, «o catedrático máis novo da UDC»

Hai uns días La Voz de Galicia informaba sobre o feito de Guillermo se converter no catedrático máis novo da UDC.  

César Quian. La Voz de Galicia

Completando a nova, hoxe Faro de Vigo publica unha entrevista realizada a Guillermo na que entre outras cousas afirma: “Os de Lalín levamos no ADN o de que se percibes un reto podes conseguilo”, engadindo que “A informática facémola persoas co obxectivo de beneficiar a outras persoas; tamén é verdade que sempre pode haber unha ovella negra nalgún ámbito determinado”

Moitos parabéns Guillermo.

O noso Guillermo en COU. Curso 1996-1997.


21 setembro, 2022

Clubs de lectura: alá imos!

 Preparadas e preparados para un novo curso? En Trama Irmau estamos expectantes, a ver que sae desa reunión que nos propoñen para o venres 23:



12 setembro, 2022

Saleta Goi, in memoriam

 Saleta Goi era inspiración para a lírica do seu amado Manuel María:

   Imaxe: Nós Diario
                                                                                             
 
A terra faise en tí,
Saleta, sotileza,
chama apaixonada
e transparente,
levidade de neve,
torrente e forza
de seiva poderosa,
música de vento
entre abelairas,
raio máxico de lua,
murmurio de regueiro,
flor de cerdeira
ou pinga de orballo
emocionada, tremando
sobor do pálido rubor
da rosa namorada.

Nestes días, tras o seu pasamento, foi tamén musa para o escritor e estudoso da nosa literatura Emilio Xosé Ínsua

Agora que es xa ausencia

-         porque a vida é tamén

chegares ao seu reverso -

dirémosche por sempre, Saleta,

como íntima homenaxe

á túa voz decote acolledora:

Galega imprescindíbel

do noso tempo.

Muller afouta.

Amor ao idioma.

Activa musa.

Os libros por bandeira.

Caricia na paisaxe.

O mellor verso do Manuel.

E choraremos a túa marcha

agradecendo a túa vida,

abenzoando o teu exemplo.

 

Vilagarcía de Arousa,

11 de setembro de 2022

01 setembro, 2022

Coa nosa xente...

A Intelixencia Artificial leva a un lalinense ata Cambridge.

Así titula La Voz de Galicia a nova da escolla de Alejandro Santorum Varela para cursar o Máster de Intelixencia Artificial (AI) na prestixiosa universidade británica, logo de estudar o dobre grao de Matemáticas e Enxeñaría Informática.

 

Foto: Miguel Souto. La Voz de Galicia

Alejandro, en declaracións a La Voz afirma: “Cando empecei a formularme a que me gustaría dedicarme, dei na conta de que o mundo da Intelixencia Artificial se beneficiaba moito do que eu estudaba e era un campo que estaba en desenvolvemento polo que decidín especializarme”.

Gratificante boa nova para collermos folgos ante o curso que comeza.

Moitos parabéns e moito ánimo Álex.

Alejandro no Bacharelato. Copyright IES Aller Ulloa