21 maio, 2020

Normas de uso da Biblioteca a causa da COVID-19




Ante o retorno voluntario ás aulas do alumnado de 2º de Bacharelato, adóptanse as seguintes medidas para o uso da Biblioteca:

1. A biblioteca terá un aforo máximo de 15 alumnos sempre que se cumpran as condicións de seguridade axeitadas e a distancia do alumnado.

2. Accederase á Biblioteca pola porta principal e sairase pola porta do Espazo Multimedia gardando sempre a distancia de seguridade.
Só se poderá acceder durante o recreo.

3. A devolución de libros ou outro material realizarase de xeito persoal sen intermediarios.
No momento da devolución só poderá haber unha persoa no mostrador da Biblioteca gardando a distancia de seguridade.
Os libros devoltos deberán permanecer en caixas convenientemente identificadas e illadas como mínimo 14 días antes de volveren aos andeis.

4. Préstamos: Se alguén quere levar libros prestados deberá comunicarllo ao profesor ou á profesora que estea na Biblioteca, non podendo collelos directamente dos andeis.

Ilustración: The right way of resistance de Menekse Cam.

17 maio, 2020

17-M. 66 palabras fermosas para hoxe e todos os días do ano

Que mellor ramo á celebración do Día das Letras Galegas que este feixe de 66 palabras fermosas da nosa lingua. Unha iniciativa de Rubén Fontán Taboada alumno de 1º de Bacharelato coa colaboración de mozas e mozos de Deza e Trasdeza que nos dan unha lección de agarimo e de esperanza.
Moitas grazas rapaces polo agarimo cara á nosa lingua. Vós sodes o futuro. Convosco están garantidas "mil primaveras máis".
Parabéns a todas e a todos.



15 maio, 2020

17-M. Día das Letras Galegas

17-M. Conmemoramos o Día das letras galegas lembrando a figura de Ricardo Carvalho Calero. 


E rescatando pola súa frescura o programa "A Trabe de Ouro'' presentado por Víctor Fdez.Freixanes e emitido en 1987, enfocado na figura de Ricardo Carvalho Calero, que contou coa participación de F. Pillado e Fernán Vello.


E celebramos a efeméride, paradoxos da vida, en pleno confinamento con fases de “socialización”, o que no deixa de ser todo un paralelismo: confinamento do galego desde hai tempo fronte á normalización. Fálase de nova normalidade, eufemismo que podemos aplicar á situación da lingua galega. Nova normalidade da lingua derivada do seu papel institucional mais que non supón de momento recuperar aquela normalidade dos case sete séculos de vida do galego medieval.
Sabemos moito de confinamento, no entanto temos afouteza suficiente para reverter a situación, e o neofalantismo ten que xogar un papel moi importante no proceso de desconfinamento do idioma galego.
Os datos relativos á lingua habitual por tramos de idade do IGE-2018 non deben desanimarnos:

Gráfico. Elaboración propia

E como ramo achegamos desde o programa Cinephilia de Telemiño dirixido por Simone Saibene unha lúcida reflexión do noso "polifacético" compañeiro Severiano Casalderrey sobre cine galego e literatura.