Amosando publicacións coa etiqueta Homenaxes. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Homenaxes. Amosar todas as publicacións

08 setembro, 2025

Profesor Cañoto


Fixo o ingreso en 1954. En 1971, incorporouse como profesor de educación física.

Comezou no oficio alá nos tempos en que os alcumes dos profes obedecían aos afiados criterios de elaboración e selección que a cultura agraria esixía (o instituto era o centro da comarca de Deza, ampla e rural).

Irreverente, librepensador e nadador contra corrente, Cañoto deixaba asexar -ocasionalmente- a Brandido (Ese canta ben, ten unha voz rouca como a miña -eloxiaba Leonard Cohen) ou a Javier: Mario, se me recordan por algo neste instituto, é por esas árbores que plantei -confioulle a fozabibliotecas, ao pouco de plantar con Benito, o seu compatriota galadhrim, as árbores que hoxe flanquean, orgullo de noso, os campos de deporte do instituto.

Non hai adeallo con solidez abondo como para protexernos todo o tempo e a Javier Brandido Taboada non lle quedou outra que descubrirse como home de firme formación académica e de extraordinaria sensibilidade persoal e social.

Ao abeiro da norma que permitía ao profesorado con titulación adecuada exercer como Orientador, el, durante décadas profesor de educación física e licenciado en psicoloxía, converteuse no primeiro orientador do instituto.

Ás vinchas coas máscaras protectoras! Desde a súa nova función, atendeu os problemas individuais que o requerían, organizou actividades de formación para o profesorado e entendeu, coma ninguén, que os problemas aos que se enfrontaba tiñan unha raíz psicosocial e que só se podían atender desde a creación dunha ampla rede que se estendese moito máis alá das protectoras, pero limitantes paredes do centro. Nacía ASPADEZA.

ASPADEZA, exemplar e emblemática, está a piques de cumprir vinte e cinco anos. ASPADEZA garda, mellor ca nós, a memoria do seu impulsor e primeiro presidente. As árbores que plantei, Mario, as árbores que plantei -escribo e non seco as bágoas.

Grazas, ASPADEZA, vós sabédelo facer mellor.

FOTO: Ramón Leiro. La voz de Galicia.

Amigo, compañeiro Brandido, noso de nós!

12 abril, 2025

Boa vía, profesor Hermida

Foto cedida pola familia

Hoxe deixounos, aos seus 96 anos, o profesor José Luis Hermida.

Profesor do Instituto Ramón M. Aller Ulloa desde 1954  ata a súa xubilación, foi un excelente compañeiro que dilatou o seu maxisterio moito máis alá das súas clases de electricidade.

Con el aprendemos a entrega colaborativa e a achega a toda actividade para a que o requerían os diversos departamentos. El era o fotógrafo que, en actividades extraescolares, ofrecía os seus coñecementos ao alumnado interesado no encadramento ou no revelado; el era o sempre disposto operador que botaba as películas (case sempre de francés) naquel histórico proxector de 16 mm; el era a xenerosa pericia que nos arranxaba calquera trebello que a nosa torpeza derramaba a cada pouco; el era o paciente profesor que sumou miles de horas de afabilidade na biblioteca; el era o xesto cordial que en momentos tensos nos devolvía á tranquilidade e á reflexión.


Ese sorriso, ese da foto, acompañounos moito tempo e ben describe a súa condición de home bo e profesional íntegro.

Boa vía, profesor Hermida.

16 xullo, 2023

Francisco Ibáñez, in memóriam

 

Portada do número 165 de Qué leer

Francisco Ibáñez, mestre do cómic (1936-2023)

Mi mujer sabe que estoy vivo porque escucha de vez en cuando los lápices moverse (Ibáñez en entrevista concedida a Jot Down).


Medrar na compaña dos personaxes creados por Francisco Ibáñez foi de verdade terapéutico. As súas historietas foron unha burbulla de aire libertario en medio da ditadura franquista e, xaora, na democracia. Todo un retrato social da España da ditadura á democracia.


Na Marela BD podedes consultar un amplo catálogo coas peripecias de Mortadelo e Filemón, Pepe Gotera e Otilio, Rompetechos ou 13 Rue del Percebe.

Grazas eternas Ibáñez.

 

24 marzo, 2023

2023 : Ano Picasso

Co gallo da conmemoración do Ano Picasso, alumnado de 2º do Bacharelato de Artes e de 1º do Bacharelato C, coordinado polas súas profesoras Mari Carmen Ruzo e Uxía Nogueira, respectivamente, desenvolveron unha actividade interdisciplinar que tivo como obxectivo lembrar a figura de Pablo Picasso, tomando como referente o Guernica.
Do resultado da mesma damos conta nun libro que recolle as tres fases nas que se desenvolveu o proxecto 50 anos sen Picasso. Guernica (Visión fauvista e da pop-art e recreación literaria).

Guernica: visión fauvista e da pop-art das alumnas

 

A seguir o libro dixital coa edición da actividade desenvolvida:

 

01 febreiro, 2023

No centenario da morte de Murguía

Membro fundador e primeiro Presidente da Real Academia Galega, Manuel  Antonio Martínez MURGUÍA defendía a idea da lingua como esencia de identidade dun pobo, e así o recorda a placa conmemorativa que este mediodía se instalou na súa tumba, no coruñés cemiterio de San Amaro: "O primeiro é o noso idioma, el prométenos o porvir que procuramos". 

A propia RAG, no seu perfil de Twitter, recollía o recordo da multitudinaria despedida que o pobo galego lle brindara ao ilustre historiador: "era despedido na Coruña por unha multitude, o 4 de febreiro de 1923, dous días despois da súa morte".

Sen o seu empeño, probablemente non poderiamos ter gozado de versos coma os musicados agora polo artista galego NARF. Pica no enlace se queres escoitalos: 

Imaxe: RAG
 
 As Xornadas organizadas pola RAG para conmemorar o centenario de Manuel Murguía pódelas seguir en directo dende academia.gal                                                                                                                                                            

11 abril, 2022

11 de abril de 1972. Medio século sen Ken Keirades.

"Se a Manuel García Barros lle permitisen opinar sobre as condicións leoninas do contrato que asinou coa vida para que lle concedese a existencia, seguramente tivera que facer algunhas obxeccións relativas á situación na que tería que desenvolver a súa vocación literaria. Pero as cláusulas eran innegociables e, de querer nacer, debía facelo no seo dunha modesta familia labrega do lugar de Ulla, na parroquia estradense de Berres, un 16 de novembro de 1876". Collemos prestadas estas palabras de Xoán Carlos Garrido Couceiro, grande estudoso da vida de García Barros, para facer referencia ao seu nacemento e á súa vocación literaria.
Só uns anos máis vello ca os homes do Grupo Nós, vivirá as mesmas circunstancias traumáticas ca estes e tocaralle sufrir nas súas carnes o despoxo da súa praza de mestre e ir á cadea en varias ocasións.
Xornalista (El Estradense, El emigrado), mestre, labrego e narrador. Contiños da Terra e As aventuras de Alberte Quiñoi ben merecían un Día das Letras Galegas. Desde aquí reivindicamos a figura de Ken Keirades, como el se facía chamar,  ben merecedor desa honra.




01 abril, 2022

Antía Cal, cando a Universidade era cousa de homes

 Antía Cal estaba a piques de facer 99 anos, case un século de vida no que a súa visión da educación sempre foi por diante das ideas do momento. Así, no ano 1961 funda en Vigo a primeira escola laica de Galicia, ademais mixta, o Colexio Rosalía de Castro, aplicando a pedagoxía da Institución libre de Enseñanza.

Nun primeiro momento o colexio era bilingüe español-inglés, pero moi pronto a nosa lingua tivo cabida tamén nel. Galego en pleno franquismo e inglés da man, sempre, de profesores nativos, como recorda Manuel Xestoso no seu artigo de Nós Diario "A mestra que ensinaba a amar Galicia"

E nunca deixou de formarse, algo que reclamaba para o colectivo do profesorado nunha entrevista a La Voz de Galicia fai 5 anos: "Hai que terlle moito respecto ás mestras, pero tamén teñen que prepararse. Eu fun once anos a Barcelona".

337967289_967602.hthttps://elpais.com/ccaa/2012/05/25/galicia/1ml

31 decembro, 2021

Biblioteca Lucho e Hugo

Por Mario Pereira


PRIMEIRA BIBLIOTECA

Cando hai fronteiras, naturais ou políticas, sempre hai viaxeiros e mensaxeiros que as desafían. No Lalín en que me eu criei (ou me criou), había fronteiras porque os nenos de cada barrio formabamos un país independente que mantiña frecuentes hostilidades cos demais. Había “guerras” e as guerras (á parte da neutral e allea “Suíza” que viña sendo a escola) eran os puntos de encontro máis habituais entre uns e outros. Fóra diso, o noso coñecemento do que sucedía nos outros territorios limitábase ao que os mensaxeiros traían. Un dos máis significados que recordo era Juan Caragüete. Juan chegaba e dábanos as novidades e, como estabamos nun mundo en guerra, case sempre era bélicas: “Os do Tirabaque están facendo espadas e planean atacarvos o sábado” “Os de Lalín de Arriba prenderon a Darío Foucellas e tivérono preso dous días. De comer só lle deron unha bolsa de pipas”.


Aquel día, na Estatua, só estabamos Toño do Gato e mais eu. Eu degorábame por un bocadillo de touciño que el engulía a grandes mordidas e a piques estaba de propoñerlle un cambio polo meu Tulicao ou Tulicrén, ou algo así que viña sendo unha pasta de cacao, amarga e áspera, precursora da Nocilla, cando chegou Juan todo alporizado. As novidades proíanlle na lingua. “Abriron un comercio novo! Todo de libros! Onda o Grupo! E chámanlle Biblioteca!”. Eu algo oíra falar dos tales establecementos, grazas a que Don Pantuflo, catedrático en Filatelia e Numismática, ía algunha vez a eles. Ía obsequiar con esa erudita observación a Juan, pero el deixara o mellor para o final: “E déixanche os que queiras! De balde!”


Cruzar a Principal era delito maior. A Toño coñecinlle que non ía vulnerar a lei, pero eu non o pensei dúas veces, chimpei co Tulicrén ou Tulicao ou como lle chamasen e enfiei detrás de Juan a uña de cabalo.


A Biblioteca era un avespeiro, os libros zoaban de man en man, a cada pouco chegaba un coñecido para mostrarche un título que logo apertaba contra o peito e axiña deixaba sobre calquera mesa para coller outro. Tanta abundancia provocaba indecisión e eu guindeime ao ir e vir, coller e pousar, escoller e dubidar frenéticos que tomaran posesión de todos nós.


Non sei cantos libros pasaron polas miñas mans naquel día. Dubido, mesmo, se desde aquela a agora pasarían tantos. Recordo, si, o antepenúltimo. Era unha lectura adaptada e ilustrada de Simbad, descartada por escuálida. Tamén lembro os dous “finalistas” (pois só se podía levar un). Foran un groso volume de Pinocho Chapete e o “Poema de Mío Cid”. Este non traía debuxos, pero os ecos da Enciclopedia Álvarez e o exemplo indeleble daquel heroico e valente español decidíronme por el. Estaba absolutamente certo de que ese ía ser o meu primeiro libro da Biblioteca, nada ía facer abalar a miña elección e, coa certeza, chegou Lucho Nistal. El estaba alí, detrás de min e debeu coñecer a miña decisión porque, sen lle eu dicir nada, aprobou coa cabeza e sinaloume unha mesa na que, sepultado por unha ruidosa masa infantil, suaba seco Hugo Facal. “Apúntate con aquel señor” –indicoume.


Durante un longo momento, sentín que toda a miseria do mundo caía sobre min. Eu non era da OJE e aquilo seguro que só era para os da OJE. Con todo, obedecín. Achegueime á morea impaciente que rodeaba a Hugo, sen moverme das marxes. Alí quieto, sen acercarme, deixaba que a marea de xente se renovase, sen eu me incorporar a ela, tratando de delongar a máis que posible decepción dunha negativa. De cando en vez viña Lucho e pedíanos que nos puxésemos en ringleira. Poñiámonos (eu sempre de último), pero a cousa duraba pouco. Discusións, empurróns, insultos, invocacións a algún privilexio tipo “mi papá es...” ou “mi madre conoce...” acababan por esfarelar calquera posibilidade de orde. Desfeita a ringleira, eu quedaba como un pasmón, alá no fondo, ante un espazo baleiro que me afastaba da mesa asaltada por ducias de nenos e nenas. Case non me daba tempo a, fura que fura, acercarme e xa volvía Lucho a colocarnos.


Non sei canto tempo botei naufragando entre a impaciencia dos demais e os meus temores, pero nunha desas, sentín unha man grande, con toda a palma estendida sobre o meu lombo, que me conducía, cortés, tenramente, cara adiante. Sen necesidade de virar a cabeza, sabía que era Lucho. A man situoume diante de todo, colleume con delicadeza o meu Cid e mostroullo a Hugo. Os dous intercambiaron unha mirada de compracencia. Hugo, adusto e meticuloso, abriu o libro e retiroulle unha ficha verde. Despois colleu un carné e pediume os meus datos persoais. Deillos estremecido, e el, en acabando de cubrir o meu primeiro carné!, díxome que o meu número era o cento tres e que nos próximos días debería levar un peso (esa era a cota anual). Eu respondinlle que si con campás de prata na voz e marchei, dono do universo, para a casa.


Desde aquela fun visitante case diario, como tanta e tanta xente miúda de Lalín, da Biblioteca. Non había campañas de lectura. A ausencia da televisión -aquel obxecto de luxo que se vendía nas xoiarías!-, as tardes interminables de inverno ou unha escola que, daquela, non era asfixiante facíanas innecesarias. Así e todo, non era difícil que os sábados, día en que abría ás tres, estendesen a ringleira de lectores ata a fábrica de Tinito ou, mesmo, ao cruce da Rúa A. A competencia por lograr os títulos máis apetecibles era encarnizada. Os de banda deseñada andaban á pillota, a tal punto que a xente os escondía para podelos levar máis adiante ou intercambiar o segredo do agocho con outros que traficaban co mesmo xénero.


E cada día alí estaban, ou Hugo, ou Lucho, pacientes, discretos. Lucho celebrando como un triunfo seu cada libro que levabamos. Hugo calmando con mirada severa as nosas présas. Non se me borrara nunca o xesto obsequioso, case agradecido, de Lucho cando me entregaba o libro, coma se o favor o estivese facendo eu. Nunca me abandonará a complicidade de Hugo cando me reservaba, a min, torpe e preguiceiro para chegar á ringleira, algúns daqueles títulos máis cobizados (Asterix, Mortadelo...!).


Canto non terei lido desde aquela! Cantos libros non devorarían os meus esfameados ollos! E entre eles, os que teñen un bibliotecario como personaxe...


Sempre fun incapaz de poñerlles rostro aos personaxes dos libros. A todos, excepto aos bibliotecarios. Estes sempre mo tiveron, sempre tiveron e teñen o rostro de Lucho ou de Hugo. Así, poño por caso, a face do bibliotecario Borges, contemplando o Aleph que o outro bibliotecario Borges, o cego, lle permite ver nun relato, sempre é a face de Lucho, a dexergar a ferocidade entusiasta dos lectores infantís. Ou, é outro exemplo, Jorge de Burgos, o cancerbeiro da biblioteca do Nome da Rosa, aparéceme coa cara de Hugo (mala chispa coma os do casting da película!), e por virtude de Hugo, o obstinado e sinistro frade que secuestra a Comedia deixa de selo e é quen, cómplice e amable, nola garda para os lectores caníbales e pacíficos coma min.

17 novembro, 2021

Darío Xohán Cabana: In memóriam


Vén de se coñecer a mala nova do pasamento de Darío Xohán Cabana, persoa coa que mantivemos unha estreita relación arredor da súa novela Galván en Saor.


Darío Xohán Cabana CC-BY AEL

Lembramos a última vez que estivo connosco, á altura de 2012 no marco dos Encontros con, así como a Marela dedicada a Galván en Saor.

Case transcorreu unha década desde aquel 7 de febreiro de 2012


03 novembro, 2020

Día de Neira Vilas

De novo o noso centro súmase á iniciativa da Fundación Xosé Neira Vilas de celebrar o 3 de novembro o "Día de Neira Vilas", ao abeiro da conmemoración do seu nacemento; e non está de máis lembrar a Marela dedicada a “Memorias dun neno labrego”:

 

Así como o Encontro con Xosé Neira Vilas, de 23 de abril de 2012: