29 decembro, 2022

De Lalín á selección

Tres mozas e cinco mozos dezaos están concentrados desde onte mesmo coa Selección Galega de Balonmán, nas súas diferentes categorías, para participar no Campionato de España de Seleccións territoriais. A competición terá lugar en Alacante entre o tres e o oito de xaneiro.

Desde A Marela Tarabela non podemos máis que desexarlle moita sorte a toda esta rapazada, e recomendarlle que goce do momento e o pase o mellor posible. 

Na fotografía do xornal Faro de Vigo vemos aos alumnos do IES Aller Ulloa, Vera Sierra (1ª xogadora pola esquerda), David Faílde (3º), Iria Sierra (4ª) e Quique Portas (7º).




24 decembro, 2022

Postais de Nadal 2022

Neste fin do 2022 non podía faltar o Concurso de Postais de Nadal organizado polo Departamento de Artes Plásticas. María Armada, Fran Otero e Mari Ruzo encargáronse de animar o seu alumnado para que deseñase e elaborase cadansúa postal. As obras destes incipientes artistas están expostas no vestíbulo do IES Aller Ulloa e aínda poderedes contemplalas ata mediados de xaneiro, pero desde aquí queremos amosarvos as que acadaron os primeiros postos de cada categoría:

Sálvora Vilariño López, 1º ESO

Ana Victoria Pérez Vallejos, 4º ESO


Ainara Froiz Lois

23 decembro, 2022

Nadal de festa

Había ganas de celebración, de festa, de compartir... De non andar con tino de non tocar superficies, de probar doces e bebidas... E de celebrar que imos desfrutar dunhas ben merecidas vacacións. Así que o alumnado do IES Aller Ulloa, organizado por un grupo de profesoras e profesores (con Saleta Fragueiro á cabeza), e coordinado desde as titorías, converteu o vestíbulo do centro nun MERCADO DE NADAL E o patio cuberto (a choiva tamén quixo participar do día festivo) pasou a ser obrador de maquillaxe, pista de tiro de dardos e ata de merengazos. 

Profesorado e alumnado misturáronse; traballaron e gozaron das actividades; cociñaron e degustaron pratos típicos das diversas culturas que conforman a nosa comunidade educativa; lanzaron e recibiron merengazos; degustaron o chocalate quente que lles ofreceu a Dirección do centro;  e os afortunados ata marcharon para a casa con máis do que levaran:

Manuel Rodríguez foi o gañador do sorteo do xamónNerea Vicente fíxose co patinete, e Luís Guitián comprara a rifa que lle deu a cesta de nadal. Pero ademais da sorte, neste día o traballo tamén tivo recompensa, así Sara López recibiu o seu cheque por valor de 50€ como gañadora do mellor deseño para o cartel do concurso literario Vitoria Taboada; e Sálvora Vilariño, Ana Victoria Pérez e Carmen Aira Froiz cadanseu vale por valor de 30€ ao resultar gañadoras coas súas postais de nadal.

E como mostra do que debe ser o RESPECTO polas tradicións e costumes do noso alumnado, proceda de onde proceda, Papá Noel deixouse vestir diante de Rosalía, e uns beléns picasianos escoltaban a árbore de nadal.

















































22 decembro, 2022

Ao fío de... Encontro con Emma

 

Emma Álvarez Conde, exalumna do IES Ramón María Aller Ulloa, enxeñeira informática pola UVIGO, cun Mestrado en "Deseño de Interfaces e experiencias de usuario", e que na actualidade traballa como consultora tecnolóxica na empresa ACCENTURE vén de dar unha charla ao alumnado de Tecnoloxía Industrial e Debuxo Técnico do Bacharelato e ao dos Ciclos de Informática SMR2 e DAW1.

Emma explicou a dinámica de traballo e estudo das distintas materias do Grao de Informática, as dificultades coas que se atopan os estudantes do primeiro ano que chegan desde o Bacharelato e tamén as dos que acceden desde os Ciclos de Informática, así como as saídas laborais deste grao, facendo fincapé en que nestes momentos existe unha grande demanda de traballadores con este perfil e con posibilidades laborais moi diversas.

Tamén comentou a súa experiencia ao participar no programa Erasmus e como representante do estudantado na súa etapa universitaria.

Francisco Otero, profesor de Debuxo Técnico.


A seguir, algúns comentarios dos asistentes á charla:

"Resultome moi interesante posto que na maioría das ocasións a xente non sabe que esperar da Universidade, nin do mundo laboral. Axudoume a ter unha imaxe máis clara do que podo esperar ao saír do Instituto, a pesar de que non estou interesada nesa rama da Tecnoloxía"
Sandra González, alumna do 1º curso de Bacharelato

"Serviume para coñecer novas carreiras e a saber da experiencia dunha exalumna do centro dáme máis tranquilidade"
Pablo Silva, alumno do 1º curso de Bacharelato


"No meu caso particular, querendo, ou tendo pensado en estudar enxeñería informática, pareceume realmente interesante coñecer tanto o modus operandi como as saídas laborais da carreira, para así poder tomar unha boa decisión sobre o meu futuro profesional".
Rodrigo Fernández, alumno do 2º curso de Bacharelato









20 decembro, 2022

Mercado de nadal no instituto

 Seica este XOVES 22 o vestíbulo e patio do IES Aller Ulloa se convertirán nun mercado de nadal. Despois de dous anos sen poder celebrar estas datas festivas, o alumnado do centro poderá gozar de xogos varios, comer un chocolate quentiño, volver á casa coas uñas pintadas ou algunha tatuaxe e ata mercar produtos varios, de segunda man ou manufacturados polos rapaces e rapazas da ESO, Bacharelato e FP Básica.

Precisamente os mozos e mozas do primeiro ano de Formación Profesional Básica foron os encargados de deseñar e elaborar os carteis promocionais deste evento, baixo a coordinación do seu titor Álvaro Pascual. Aquí vos deixamos as mostras do seu bo quefacer:






18 decembro, 2022

Estrelas da ciencia

Gciencia, o xornal galego de ciencia e divulgación dá conta da recente publicación da obra Estrelas galegas da Ciencia. Unha historia de persoeiros e achados asombrosos, de momento só en versión dixital.

Segundo recolle o xornal dixital, os autores confesan que, ao falar das científicas e científicos escollidos, querían construír "unha breve historia da Ciencia en Galicia", e inciden en que se trata dun libro "necesario e sorprendente, para un público infantil e adolescente, pero tamén para adultos con curiosidade pola historia"

A través dos 12 capítulos desta obra descubrimos a vida e obra de 14 científicos e científicas do período que vai desde o século XVII ao XX, entre eles O Matemático de Bermés e o seu biógrafo Ramón Mª Aller Ulloa, astrónomo,  matemático e figura capital na creación do que o noso instituto, ao que acompaña a súa discípula predilecta, Antonia Ferrín Moreiras.

A presenza dezá complétase coa coautora do libro e antiga alumna nosa, Maite Vence, directora de Observer.





16 decembro, 2022

Encontro con Emma Álvarez Conde

O vindeiro 19 de decembro estará de volta nas aulas do IES Aller Ulloa Emma Álvarez Conde, mais desta vez xa como muller traballadora. Da man desta ex-alumna, os rapaces e as rapazas de Tecnoloxía e Enxeñería I, Tecnoloxía Industrial II, Debuxo Técnico I e II e Desenvolvemento de Aplicacións Webs  resolverán as posibles dúbidas sobre o estudo no Grao de Enxeñería Informática. 

O luns darémosvos conta do encontro.


 

A seguir e ao abeiro da sección Coa nosa xente, recordamos a Emma de cando o seu paso polo 2º do Bacharelato.

Emma. Curso 2016-2017. Copyright IES Aller Ulloa

14 decembro, 2022

Periplo compostelán do alumnado de Artes

Este martes 13, o alumnado do Bacharelato de Artes do IES Aller Ulloa visitou un centro de estudos superiores vinculado a dita opción de Bacharelato, tal e como vén facendo nestes anos, organizado polo Dpto de Debuxo.

Nesta ocasión o centro escollido foi o Mestre Mateo, en Santiago de Compostela. Alí, alumnado e profesorado, visitamos as diferentes instalacións de escultura, xoieiría, fotografía, deseño de produto e moda.

Nuria, alumna do 2º ano do Bacharelato non sabía o que lle interesaba máis. Foi curioso observala fóra da súa calma habitual. 

Pola súa parte, Malena sorprendeuse ao poder probar un dos tallos feitos a partir de botellas de plástico de refresco, pareceulle realmente enxeñoso e confortable.

E para Jesús o relevante foi o taller de madeira.

No último obradoiro coincidimos cunha ex-alumna do noso centro, Iria, que está cursando o segundo ano de Deseño de Moda.




Por outro lado, ao chegar á cidade, fixemos unha parada no museo Gaiás. Visitamos as tres plantas do mesmo, onde Laura, abraiada e inmersa na Arte Contemporánea, apuntou que certas zonas parecían sacadas dun soño.





Tralo xantar, a nosa derradeira actividade da xornada foi unha visita guiada á Fundación DIDAC, adicada a divulgar o Deseño e a Arte Contemporáneos.


Texto: María Armada; Fotografía: Mari Ruzo

07 decembro, 2022

Campo Lameiro

Este mércores, o alumnado de 1º da ESO do noso IES, tivo a oportunidade de gozar dunha clase de Historia diferente, totalmente lúdica e práctica, xa que pasaron a mañá no Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro.

Nada máis chegar ao Parque dirixíronse á área arqueolóxica, onde escoitaron as explicacións sobre uns dos petróglifos máis coñecidos de Galicia.  A seguir participaron nun obradoiro de cerámica, para tratar de achegarse ao modo de vida das xentes daqueles tempos, e cada un coa súa pericia, foi modelando e convertendo a arxila nunha peza que levou, como recordo, para a súa casa.

Emulando aos homes de hai 4.000 anos, agora nenas e nenos, participaron no obradoiro de caza na Prehistoria, e xa de maneira pasiva, asistiron á exhibición de lume.

Aquí vos deixamos algunhas das fotografías que nos fixeron chegar as profesoras acompañantes: Eva Álvarez, Marta Otero, Alba Payo e Mari Ruzo.