31 xaneiro, 2024

Día da Paz 2024

Mahatma Ghandi dixo que non hai día para a Paz, senón que a Paz se celebra todos os días. Aínda así, na axenda dos centros educativos sinálase o 30 de xaneiro como a data para a súa celebración.

Coordinado por María Jesús Barcala, o alumnado de 4º da ESO deseñou un cartel que nos invita a reflexionar sobre que é a PAZ, "Cerra os ollos... Pensa na Paz. QUE VES?", pregunta. O alumnado de todo o centro xa está  deixando as súas respostas, algunhas delas ben sorprendentes.



 



29 xaneiro, 2024

As nosas cousas (30-X : Día da Ilustración 2024)

Cada 30 de xaneiro, coincidindo co día do nacemento de Castelao, celébrase o Día da ilustración, evento que se vén desenvolvendo a iniciativa da Consellaría de Cultura, Educación e Universidade en colaboración coa Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI).

Neste 2024, o Día da Ilustración está dedicado á figura de Xesús “Chichi” Campos, que deixou fonda pegada como debuxante, humorista, columnista e guionista. A este respecto, desde A Marela recomendamos o documental Chichi Campos e mais eu, realizado polo seu fillo Nico Campos, e o vídeo-homenaxe Día da Ilustración 2024: Xesús (Chichi) Campos, produción da AGPI e da Dirección Xeral de Cultura da Xunta de Galicia.

 

E a fin de conmemorar tal Día da Ilustración o alumnado de 4º da ESO e de 2º do Bacharelato, partindo dunha idea orixinal da profesora Mª Carmen Frade Gómez e coordinado pola propia Carmen e a profesora Uxía Nogueira, en colaboración coa Biblioteca, desenvolveu como actividade complementar As nosas cousas, creación baseada no libro de relatos Cousas de Castelao, que deu como resultado a exposición das diferentes propostas das e dos 145 alumnas e alumnos que conforman os dous cursos, que se poderá ver desde o 29 de xaneiro, na entrada do IES; así como a edición dixital e en papel dunha antoloxía dos diferentes relatos ilustrados.

A seguir fotos da exposición:

 







E non podía faltar o libro dixital como ramo ao Día Ilustración:


24 xaneiro, 2024

Marela BD: 1500 entradas


Esta semana a Marela BD completou 1500 entradas (con máis de 5000 ligazóns e referencias críticas) que se corresponden cos 2040 rexistros de banda deseñada do noso catálogo. O blog naceu no curso do 2012/2013 para responder a unha reconsideración da BD na biblioteca e no proxecto lector.

Ata entón, dispoñíamos dunha pequena colección formada por aluvión, sen ningún tipo de directriz. Procedía de doazóns institucionais e, mesmo, persoais, de promocións de xornais ou ofertas editoriais, de adquisicións do Equipo de Normalización ou dalgunha petición concreta do profesorado, ben atendendo a gustos persoais, ben a usos concretos e esporádicos na aula.

O resultado era unha colección descompensada, con moi boa presenza de BD en galego, dalgúns clásicos da liña clara (Astérix, Lucky Luke e Tintin) e de personaxes de Bruguera (especialmente, Mortadelo e Filemón), pero pouco máis.

Naquela altura o PL permitinunos condensar unha serie de propostas para o uso da BD, para iso cumpría ampliar e equilibrar a colección, na procura de, por unha parte, termos ben representados os grandes xéneros e autores do medio e, por outra, cubrirmos un amplo abano de necesidades que van desde a lectura lúdica ou material de apoio para diversos contidos curriculares, ata material fundamental para as competencias plásticas e audiovisuais.

Para iso, partimos de dúas seleccións (unha elaborada polo Equipo de Apoio, outra polo autor Fran Bueno) que fomos completando pouco e pouco. Cuantitativamente, significou que arredor do 2012/2013 adquirimos 220 volumes (había 328).

A necesidade de manter información directa e constante (con alumnado e profesorado) sobre o medio, convidounos a deseñar o blog Marela BD.

Hoxe, a Marela BD é case un catálogo en liña que nos axudou sistematizar o fondo e as necesidades e nos permite aproximacións críticas ás obras.

15 xaneiro, 2024

XVI Olimpíada do saber

Volven as Olimpíadas á Biblioteca Mario Pereira: premios en metálico, coroas de loureiro e até unha viaxe. Forma o teu equipo e pide na Biblioteca a folla de inscrición.

Non te demores, empezamos o luns 29 de xaneiro.



10 xaneiro, 2024

Escritura cuneiforme

Baixo a coordinación da profesora Alba Payo, o alumnado de Xeografía e Historia de 1º da ESO participou nun obradoiro de escritura cuneiforme, propia da civilización mesopotámica.

Tal e como fixeron os sumerios hai máis de 5.000 anos, as nosas rapazas e os nosos rapaces traballaron as táboas de arxila fresca cun punzón, ou estilete, que ao ser apretado contra o material brando ía deixando marcas en forma de cuña, elaborando así os seus propios pictogramas.

O resultado final deu lugar a unha exposición que se poderá contemplar no vestíbulo do IES Ramón Mª Aller Ulloa desde este martes 9 de xaneiro ata o vindeiro 23. Como adianto, imaxes dalgúns deses textos.










06 xaneiro, 2024

Portas de Nadal, o libro

Faltaba o libro que recollese a actividade Portas de Nadal e xa temos connosco a edición dixital. No mesmo podemos ver as diferentes Portas de Nadal complementadas cuns breves textos descritivos das mesmas.
Portas de Nadal cociñouse ao abeiro da idea da profesora Ana Penas Facorro, quen coordinou a actividade contando co desinteresado apoio dun grupo de profesorado que colaborou na realización do Nadal no centro.
Por parte, xa na Marela demos conta de que as Portas mellor valoradas segundo o criterio do xurado foron as de 4ª da ESO A e 3º da ESO B, coordinadas por Gonzalo Ballesteros e Sylvia Cea, respectivamente.
Con todo, parabéns para todas aquelas persoas que colaboraron na decoración das diferentes Portas.
A seguir o libro das Portas de Nadal: