09 maio, 2021

Encontro con Álvaro López Valiñas

O vindeiro 13 de maio, o alumnado de 1º do Bacharelato de Ciencias terá un Encontro co biotecnólogo molecular Álvaro López Valiñas (xente de noso). O relatorio leva por título "Microbioloxía e patóxenos".

No cartel promocional damos conta do contido do relatorio:



08 maio, 2021

Xadrez de alto nivel con David Lariño Nieto, campión de España

Onte, 7 de maio, visitou o noso instituto o Gran Mestre de Xadrez David Lariño Nieto, campión de España absoluto na modalidade de clásica e varias veces na modalidade de xadrez rápido. O propósito da visita foi o de compartir experiencia e o de xogar ao longo da mañá unhas partidas simultáneas co alumnado de 1º da ESO que ten como materia optativa Xadrez, ademais de botar unhas partidas de exhibición  de xadrez relampo. 
A actividade estivo organizada e coordinada polo profesor de Xadrez, Santiago Cerviño.
Podemos ampliar a nova en La Voz de Galicia e en DZ Dixital, que a titulou "Gambito de dama no IES Aller Ulloa".
A seguir unha mostra do evento:
 




07 maio, 2021

Encontro con Alba Rozas : o acto

  Hoxe tivo lugar na Biblioteca o programado Encontros dos Clubs de lectura coa escritora Alba Rozas, ao fío da lectura de A caída de Guiomar. O alumnado do Club amosou moito interese e curiosidade, sobre o libro e sobre a propia autora.

A seguir unhas fotos do Encontro:










VIII Concurso Literario Mª Vitoria Taboada : o veredicto

O xurado do VIII Concurso Literario Mª Vitoria Taboada acordou por unanimidade outorgar os seguintes premios:

1º premio na categoría de poesía para ANDREA SEGADE ROZAS polo conxunto de poemas titulados, respectivamente, Alma ambulante”, “Soños” e “Aparencias; por conseguir expresar, coa precisión dunha eficaz linguaxe poética próxima ao sentencioso, sensacións universais coma o desconcerto ante o paso do tempo, e os medos e renuncias que nos xera a procura da felicidade.

1º premio na categoría de relato curto a ANA NOVO CUÑARRO polo relato "Natureza", porque consegue, en poucas liñas, construír un personaxe fascinante e abordar cunha brillante metáfora toda unha forma de entender a arte, ou a mesma vida.

Accésit na categoría de relato curto para VICENTE JOSÉ MOSQUERA VALERO polo relato titulado "A primeira visita do Camiñante do Abismo ao seu fogar", por articular en poucas páxinas (que prometen ulteriores desenvolvementos) un mundo fantástico orixinal, grazas ao manexo dunha rica linguaxe que crea unha atmosfera de intriga e que atende con detalle as percepcións e reaccións dos personaxes

O xurado considerou deixar deserto o premio de sketch teatral.

A entrega de premios terá lugar na Biblioteca do instituto, o 28 de maio, ás 11:20, nun breve acto, condicionado polas medidas anti-COVID-19.

A edición do libro cos textos premiados estará acompañada de ilustracións que realizará o alumnado do Bacharelato de Artes e que presentaremos no seu momento.

A seguir os textos premiados (o cartel da portada é obra de Sara Capiscol Pérez):

 

 

Moitos parabéns!

05 maio, 2021

Coa nosa xente

"Facer música vai moito máis alá de interpretar o que vén na partitura", afirma María José Rielo Blanco nunha entrevista concedida a La Voz de Galicia.

Foto: Forum Musikae

Son continuos os parabéns coa nosa xente. Neste caso, como xa vimos antes, trátase de María José Rielo Blanco, unha das máis recoñecidas fagotistas do mundo, e que estes días anda por Santiago de Compostela para impartir clases de fagot na Escola de Altos Estudos Musicais.

A nosa Mª José Rielo. A foto é a dos Cadernos do profesorado de 2º Bacharelato. Curso 2005-2006


 


02 maio, 2021

Coa nosa xente

Estamos de parabéns, de novo xente de noso acada éxito no seu quefacer profesional, neste caso trátase da neurocirurxiá María Dolores Varela Costa de quen La Voz de Galicia informa sobre a técnica pioneira en España de operar a columna desde o abdome, sendo para a persoa paciente menos invasiva e dolorosa.



Coa nosa xente

Moito nos comprace o éxito persoal da xente de noso, como Carlos García Meixide  de quen La Voz de Galicia vén de informar da concesión dunha bolsa da Fundación Barrié para estudos de posgrao no estranxeiro, concretamente na Escola Politécnica Federal de Zúric, en Suíza, durante o próximo curso. 
E entre tanto estudo e tanta investigación non se esquece das súas afeccións: o piano, o saxofón e a gaita.
 
Foto do seu perfil de Facebook

E para saber máis de Carlos aquí deixamos o enlace á entrevista que lle concedeu a La Voz de Galicia.


 


29 abril, 2021

Club de Ciencia

Comprácenos informar das actividades do Club de Ciencia que botou a andar no 2º trimestre da man de Luís Guitián, Mar Espinosa e Raquel Honrubia, profesorado encargado de supervisar os diferentes obradoiros. 

De primeiras o Club contou con alumnado de 1º da ESO tutelado por alumnado de 1º do STEMBach, so o lema “Os grandes axudan os pequenos”; e dada a boa acollida, o Club ampliouse aos cursos máis altos, facendo unha nova sección, caso da do alumnado de 4º da ESO. 

Nestes momentos, entre onte e hoxe, estanse a realizar os seguintes obradoiros:

Obradoiro de xabón con alumnado de 4º da ESO, sen tutelar. 

Obradoiro de cociña molecular tamén con alumnado de 4º da ESO, sen monitores.

Obradoiro de identificación de ósos e reconstrución dun esqueleto humano con alumnado de 1º da ESO, acompañados dos de 1º do STEMBach, como monitores. 

Obradoiro de elaboración dun ronsel para traballar sobre a densidade, igualmente con alumnado de 1º da ESO, so a tutela do alumnado de 1º do STEMBach. 

A seguir unhas fotos dos obradoiros realizados hoxe, fotos nas que se observa un entusiasmo desbordante:

 




28 abril, 2021

Encontro con Alba Rozas

O venres, 7 de maio, terá lugar na Biblioteca un Encontro coa filóloga e escritora lalinense Alba Rozas ao fío da lectura da súa novela A caída de Guiomar por parte do Club de lectura:



24 abril, 2021

Os Encontros con Educalecrín

Os encontros con Educalecrín da man de Verónica Ledo Lançao e Natalia Conzález Coego foron todo un éxito, o que fixo que se estendese a actividade a 4º da ESO, cubrindo desta forma toda a etapa educativa. Así mesmo a prensa dá conta da nova na súas páxinas de información local.
A seguir unhas fotos, do noso reporteiro Carlos, dos Encontros con 1º, 2º e 3º da ESO:
 







Fica pendente o Encontro con 4º da ESO que terá lugar o vindeiro 7 de maio:

 




23 abril, 2021

Día do Libro. "A portada son eu, somos nós" : O libro

Foto presentada por 3 ESO D

Non podía faltar o libro "A portada son eu, somos nós", actividade conmemorativa do Día do Libro. Agardamos que sexa do voso agrado.

Día do Libro : Exposición "A portada son eu, somos nós"

No acceso ao vestíbulo podemos ver a Exposición "A portada son eu, somos nós". 
A seguir unha pequena reportaxe gráfica do noso reporteiro Carlos Míguez:
 






As portadas gañadoras

22 abril, 2021

Día do Libro. "A portada son eu, somos nós" : os premios

Reunido o xurado do Concurso "A portada son eu, somos nós" acordou por unanimidade outorgar os seguintes premios:
Portada mellor completada (Quero ser escritor) a Samuel Fernández Fernández (1º da ESO D).
Portada máis orixinal (Lo que nos contaron) a Giovana de Lara (1º da ESO D).

 
Moitos parabéns aos premiados e a todas as persoas participantes na actividade da que daremos conta en breve.

 

Trama Irmau e o Día do Libro 2021

O Club de Lectura Trama Irmau, so a coordinación de Uxía Nogueira, quixo conmemorar o Día do Libro coa realización dun vídeo que nos amosa unha visión multicultural do libro. A edición é de Severiano Casalderrey.
O resultado aquí o tedes: animación á lectura dun xeito lúdico.

Odisea 2021

Na web do Instituto damos conta do éxito do alumno de 2º do Bacharelato C, Melvin Ibarra Soto no Concurso Odisea 2021 no que logrou o subcampionato. 
Moitos parabéns, Melvin!
Reproducimos tamén na Marela o vídeo no que Melvin reflexiona sobre a súa participación.
 

20 abril, 2021

Mario Pereira : en casa de seu

Hoxe tivo lugar o programado Encontro con Mario Pereira dos Clubs de lectura de 1º da ESO ABCD e Rabo Rizado arredor de "Contos para Manuela", encontro que se desenvolveu na Biblioteca Mario Pereira (espazo ideal). 
Mario, faloulles de como xurdiron os Contos para Manuela, da súa experiencia como docente e do seu facer literario. Tamén saíu ben parado das incisivas preguntas ás que foi sometido.
A seguir un par de fotos do acto:




19 abril, 2021

Día Mundial da Arte. Lugares cubo : O libro

Velaquí o libro Lugares cubo que nos amosa o traballo realizado por alumnado de 1º e 2º do Bacharelato de Artes co gallo do 15-A, Día Mundial da Arte, so a coordinación da profesora María Armada:

14 abril, 2021

Día Mundial da Arte : Lugares cubo


Celebramos, ao abeiro da coordinación da profesora María Armada, o
Día Mundial da Arte coa proposta ao alumnado do Bacharelato de Artes, da representación dun lugar que para eles significase algo, positivo ou negativo; para posteriormente escanar dita representación e encapsulala nun cubo. 


O resultado,
Lugares cubo, no deixa a ninguén indiferente.
A seguir unha pequena reportaxe gráfica da exposición:

 







En breve o libro "Lugares Cubo", conmemorativo do 15-A.