30 xullo, 2021

Rescatando patrimonio. 1990 : I Concurso de Cartas de Recomendación

A altura de 1990, a Asociación Cultural O Naranxo tivo a brillante idea de convocar un concurso de Cartas de Recomendación que agora reeditamos, ao dar con elas nesta nosa tarefa por recuperar vellos documentos de Lalín e Deza.
E ao abeiro da publicación da revista underground Trapa, iniciativa de Viravolta, cuxo primeiro número data de 1983, como Boletín da Escola Técnica Superior de Coñecementos Inuteis (ETSCI) e que tivo entre os seus artífices e colaboradores os cinco pioneiros de Viravolta (Pili, Noli, Julio, D. Payo e Ánxel), para anos despois converterse en boletín da A.C. O Naranxo, e concretamente do seu número 8, editado en 1991, a A. C. O Naranxo distribuíu nun supletorio as cartas galardoadas no 1º Concurso de Cartas de Recomendación. 
Na publicación dixital das cartas damos conta da información recollida no seu momento en La Voz de Galicia de 26 de xuño e de 19 de xullo de 1990, sobre a convocatoria e os motivos. 
Hai que lembrar que o premio non era cousa menor, pois a persoa gañadora ocuparía un cargo honorífico na sociedade O Naranxo durante un ano. Canto aos motivos salientar o eco que a nivel de Galicia acadou o concurso, informando do mesmo ata a propia TVG, tal e como se le en La Voz de Galicia desa altura:

 “José Ramón Paniagua Gutiérrez, alias el Pañi (sic) , y, a la vez, secretario de la Asociación Cultural O Naranxo de Lalín, apareció el pasado martes ante las cámaras de la Televisión de Galicia en el programa Crocante que presenta Alberto Avendaño. El tema no era otro que el Concurso de cartas de recomendación que la citada asociación ha convocado después de que el actual presidente de la Xunta, Manuel Fraga, dijera «que las cartas de recomendación entran dentro de la tradición popular»” (Lalín. Redacción, por M. Garabantes).

Sen dúbida que unha boa maneira de lembrar a activa vida cultural de hai anos é botando man destes vellos documentos que son xa parte da historia local, e que neste caso amosan a vixencia e a tradición das recomendacións. Unha boa escola para a vida.

 


13 xullo, 2021

Lalín : recuperando a memoria histórica local

Nesta nosa teima por recuperar vellos documentos da historia local e aproveitando que o tempo de verán é propicio para o rebusque e a organización de vellos papeis que se van acumulando co paso do tempo, batemos cun dos boletíns da CAL : Follas de Cal, nº 2. 
Corría o ano 1988 e a política municipal fervía coa activa participación de xente nova. Aínda estabamos nos albores da democracia. 
A seguir, para nostálxicos e estudosos da historia local este incisivo número 2 de Follas de CAL .

O preludio:

As elección municipais tiveran lugar o ano anterior, concretamente o 10 de xuño, e de resultas formouse unha corporación integrada por 20 homes e só unha muller, o que dá conta da verdadeira dimensión da cativa presenza da muller na vida política. É máis, se desbotamos a candidatura do PTG-UC, composta por xente allea ao concello de Lalín, a porcentaxe de mulleres presentes nas candidaturas municipais só acada o 13,56%. 

A seguir unha pequena mostra gráfica das candidaturas, a color e en branco e negro. A maioría das persoas candidatas xa están identificadas, e as que non, a ver se sodes quen de recoñecelas.

    

 


 E os resultados:

https://www.datoselecciones.com/elecciones-municipales-1987