10 decembro, 2013

Vitoria, o noso premio

Chegou, miudiña,  alá polo outono de 1976. Viña para primeiro de BUP xente de moitas partes, de todos os mundos de Deza e aínda máis. A xente temíase por descoñecemento e, por descoñecemento, o instituto semellaba un espazo ameazante. Ela non tiña outra defensa que a súa fraxilidade e un sorriso persistente. Tamén traía o seu exercitiño secreto.

O regreso produciuse no 87 (pouco máis de sete anos fóra da casa). E desde aquela... Tanto tempo e tan pouco! Tan miúda, tan fráxil! Aí atrás, nun dos encontros de PLAMBE unha antiga alumna preguntounos por ela. Foi quen me aprendeu a ler, ler, alá naquela Literatura de COU. É a que le -dixémoslle, e así era. Na distribución de funcións que fixemos ao constituírmos o primeiro equipo da biblioteca, a ela correspondeulle (a ela e a Avelina) o traballo invisíbel. O traballo que seica non era traballo. -Chegou este par de libros. E como non era traballo: -Queres que os mire? E como non daba traballo: -Mira... E ao cabo de dous ou tres días xa os traía de volta e debullados. -Que? -Están ben... Raramente variaba a resposta verbal e non me quedaba outra que descodificar o seu informe a través da abertura do arco do pescozo coa cabeza, da amplitude do sorriso e da dilatación da pupila. Despois de tanto e tan pouco tempo, eu xa non me tiña que esforzar moito para interpretar toda aquela xeometría coa que ela evitaba dicir mal dun libro.

No curso pasado, a ELA, a terríbel e terrorífica ELA, asaltou o seu corpo e, como couza doente e puta, botouse a rillar na súa musculatura esquivia. Pensamos se a súa fraxilidade a podería defender de novo. Quixemos crer que a súa facultade de volverse invisíbel abondaría para facerse descoñecer pola doenza. Empeñámonos en que en que había valer de algo invocarmos o seu exército secreto. Ai aquel seu exercitiño de letras e formigas, de liñas e ringleiras e de páxinas, e de páxinas, e de libros, de moitos libros!
Non creo que esta imaxe marcialota lle gustase moito, pero eu trataría de llo explicar: e logo non foron todas esa letras como soldadiños as que te protexeron do mundo e te levaron a vencer o descoñecemento? As que che dixeron que todos, cada primeiro día deste curso que comeza todos os días, eramos e somos tan fráxiles coma ti? E ela erguería a cabeza como nunca e, como nunca, abriría o sorriso e dilataría as pupilas, e dilataríaas ata que nelas se reflectisen todos os libros lidos e todos os que, malpocados, quedaron por ler.

Vitoria foi o noso premio e, neste ano que nola levou, convocamos un premio co seu nome. (Premede)