31 maio, 2021

Cantos de Entroido de Lalín e Romances de cego. Os carteis de cordel


Seguindo o fío da literatura de cordel,
alá polo Entroido de 2011 levamos a cabo a dixitalización dos Cantos do Entroido de Lalín (I) que estivo acompañada de Santo Torrisco (creación de Anxo García) e dos Cantos do Entroido de Lalín (II), co fin de recuperar os textos elaborados ou impulsados no seu día pola A.C. “O Naranxo” para correr o Entroido. 

E agora completamos o labor dixitalizando tamén os Carteis de cego que serviron de ilustración aos Cantos do Entroido de Lalín no período que vai de 1985 a 1991. 
No seu momento desde a Biblioteca do instituto deixamos constancia de que “co seu prima satírico recollen os acontecementos máis significativos de cada ano e dan fe da vida miúda do concello de Lalín e da política local, nacional ou, mesmo, internacional”. 
Grazas a Viravolta pola doazón e grazas tamén a Damián Payo “Paío”, Antón Iglesias “Madero” e Beatriz Iglesias pola información achegada.

Botádelle unha ollada e habedes ver...

 

Pódese descargar en PDF

30 maio, 2021

Pandemias : o libro

 

E non podía faltar o libro sobre o Proxecto Pandemias:

Pandemias : a exposición


Xa podemos ver a exposición Pandemias no vestíbulo do instituto, que nos achega información escrita e visual sobre a pandemia actual e as medidas de prevención xerais, así como das trolas que hai arredor das vacinas e do que redes sociais como Instagram reflicten ao respecto; ademais dunha recreación dos virus en maquetas, de murais informativos, dun percorrido polas máis sobranceiras pandemias da historia, do reflexo na literatura da problemática das doenzas en xeral e, por último, unha recreación artística das pandemias ou enfermidades en xeral.

Parabéns ao alumnado participante e ao profesorado coordinador do proxecto: María Armada, Mar Espinosa, Luís Guitián, Raquel Honrubia, Uxía Nogueira, Marta Otero e Alba Payo.
A seguir unha reportaxe gráfica da exposición do noso fotógrafo oficial Carlos:
 










E o vídeo Lavado de mans correcto, realizado por alumnado de 2º FPB.

 


29 maio, 2021

Encontro con José Palacios Aguilar : o acto

O venres, 28, tivo lugar o programado Encontro co doutor en Educación Física José Palacios Aguilar do alumnado de 4º da ESO de Bioloxía. O relatorio-obradoiro serviu para adestrar o alumnado en RCP e primeiros auxilios. Desenvolvéndose as dúas sesións dun xeito áxil e ameno e con total implicación do alumnado.

A organización e coordinación do Encontro correo a cargo de Raquel Honrubia, quen nos achega a seguinte reflexión:

Foi unha actividade moi práctica, penso que non lles deu tempo a se aburriren. O obradoiro comezou coa explicación da cadea de salvamento, facendo partícipe o grupo, e logo, pasouse á práctica, centrándose bastante na RCP e insistindo na importancia de que a reanimación fose de calidade (mesmo trouxeron manequíns con sensores que avaliaban a calidade da comprensión e descomprensión e, por suposto, tamén o ritmo). A maiores, puideron ver como se coloca un desfibrilador, e remataron practicando a manobra de  Heimlich (isto gustoulles bastante, porque como son xente teatreira, aproveitaron para representar a afogamento). Ambos grupos estiveron moi atentos, e participaron con preguntas moi interesantes. Paréceme que foi boa idea ter organizado este obradoiro. 

A seguir unhas fotos do encontro-obradoiro:
 



 

 

Dobre Encontro con Antía Yáñez : os actos

O venres, 28, tivo lugar o dobre encontro programado dos Clubs de lectura con Antía Yáñez, ao fío da lectura de Senlleiras por parte dos Club de Bacharelato e do profesorado e d'O misterio de Portomarín polo Club de 1º e 2º da ESO.
En ambos casos o encontro resultou ameno participando activamente os diferentes clubs, sobre todo os máis cativos que amosaron moita complicidade coa escritora.
A seguir unhas fotos do acto cos de Bacharelato e profesorado:


E cos máis cativos:



Posando co Club de lectura de 1º e 2º da ESO

 As fotos, como non, son de Carlos, iso si, coa colaboración de Uxía.



28 maio, 2021

VIII Concurso Literario Mª Vitoria Taboada : a entrega de premios

Hoxe tivo lugar a entrega de premios do VIII Concurso Literario Mª Vitoria Taboada, e por segunda vez o acto de entrega estivo condicionado polas medidas anti-COVID-19. Agardamos o próximo curso poder celebrar a entrega de premios co cerimonial que se merece.

No entanto, puidemos contar coa impagable presenza de Antía Yáñez que lles fixo entrega ás persoas premiados dos agasallos:

Lembramos as persoas gañadoras: 

1º premio na categoría de poesía, ANDREA SEGADE ROZAS polo conxunto de poemas titulados, respectivamente, Alma ambulante”, “Soños” e “Aparencias.

Antía Yáñez facendo entrega a Andrea do seu premio

 1º premio na categoría de relato curto, ANA NOVO CUÑARRO polo relato "Natureza".

 

Ana co premio entregado por Antía Yáñez

Accésit na categoría de relato curto, VICENTE JOSÉ MOSQUERA VALERO polo relato titulado "A primeira visita do Camiñante do Abismo ao seu fogar.

 

Vicente co premio recibido de mans de Antía Yáñez

Posando con Antía tras recibir os seus premios

Lembrar que o libro cos textos premiados está en proceso de elaboración, pendente das ilustracións do alumando do Bacharelato de Artes.

 


Galiciencia 2021

 

Unha vez máis o noso centro presenta proxectos ao certame científico Galiciencia que se desenvolve en liña, neste caso son tres os proxectos presentados na categoría de Secundaria:

1. Os riles , máquinas perfectas, proxecto presentado polas alumnas de 1º do Bacharelato Aroa Fernández Fernández e Noa Fernández Iglesias, coordinadas pola profesora Natalia Fernández.

2. Teiki. 2.0. Sistema automatizado de pedidos, proxecto realizado polas alumnas de FP Laura Cancela Castro e Andrea Estefanía Solís Iglesias, coordinadas polo profesor Antonio Javier Lozano Formoso.

3.  Sillu. Sistema de vixilancia para o gando, proxecto desenvolvido pola alumna Ann Jolie Lourido Pose e o alumno Adrian Hermida Rozas, coa coordinación do profesor Antonio Javier Lozano Formoso.

No  blog Toc-Toc-A-Ciencia podedes ver os vídeos de presentación dos proxectos.

Parabéns e moita sorte.

Encontro con Marcos Calveiro

O luns, 31 de maio, terá lugar un Encontro co escritor Marcos Calveiro do alumnado de 1º do bacharelato A arredor das novelas Fontán e O xardineiro dos ingleses, e como ramo ás actividades conmemorativas do 17M.



 

Día mundial do brincar

Hoxe, 28 de maio, celébrase o día mundial do brincar, un dereito establecido na Convención sobre os dereitos das nenas e os nenos, o instrumento de dereitos humanos con maior aceptación na historia universal.

KINDERSPELEN = XOGOS DE NENOS (1560): Pieter Bruegel, o vello. Kunsthistorisches Museum, Viena

É bo día para propoñervos media ducia de vellos compañeiros do noso catálogo:
El placer de jugar juntos, Xesús R. Jares.
Xoguetes e sons da natureza, Jaime López Picallo (coord.).
Juegos de calle multiculturales, Severino Ballesteros.
O libro dos xogos populares galegos, Paco Veiga.
Chirlosmirlos. Enciclopedia dos xogos populares, Antón Cortizas.
Tastarabás. Enciclopedia de brinquedos tradicionais, Antón Cortizas

Por certo, trasladámosvos o reto da Biblioteca Hans Christian Andersen: Cantas brincadeiras identificas no cadro Pieter Bruegel, o vello? Hai oitenta e seis.

E personaxes... Cantos che parece que hai? Máis ou menos de douscentos cincuenta.
 


27 maio, 2021

Ao fío do encontro con Adela Otero

O pasado luns, 24, como xa demos conta no seu momento, tivo lugar o programado Encontro, máis ben reencontro coa que foi alumna do noso IES Adela Otero, quen expuxo  a través do relatorio titulado “A viaxe do audiovisual” a súa experiencia académica e profesional: 
Como foron os seus estudos no Grao en Comunicación Audiovisual na USC, os distintos proxectos persoais e profesionais que realizou nese tempo e as súas expectativas de futuro, unha vez presente o proxecto fin de grao.

 

Pois ben, ao fío de dito encontro parte do alumnado asistente de 1º do Bacharelato de Artes achegounos as seguintes reflexións:

Grazas á charla, a miña perspectiva sobre os estudos de comunicación audiovisual cambiou para ben, xa que pensaba que dita carreira era moito máis diferente do que realmente é. A esta percepción contribuíron os proxectos (interesantes e mesmo divertidos) que Adela desenvolveu. Ademais puidemos informarnos de máis carreiras relacionadas co mundo artístico
Samuel Portas.

Encantáronme os seus traballos, por certo moi entretidos. En particular os proxectos persoais, pero tamén os musicais.
 Cristina Fandiño.

O Grao de Comunicación audiovisual, logo da información recibida, paréceme unha opción a ter en conta á hora da escolla dunha carreira universitaria, en xeral, moi útil. 
Os proxectos de Adela, sobre todo a curta Calma, resultáronme tremendamente interesantes, ademais de moi traballados, tanto na imaxe coma no son. As ideas son moi creativas e orixinais. 
A charla, en xeral, pareceume moi útil e necesaria, pois falaba a voz da experiencia. Ademais, fíxose moi amena e agradable de escoitar, ao intercalarse con vídeos e demais traballos.  
Ana Novo.

Pareceume moi interesante e, se non tivese a idea de estudar un grao superior de ilustración, pensaría na opción de estudar Comunicación audiovisual. 
Os seus traballos cualificaríaos de preciosos, tanto pola estética como polo estilo propio que ten ao gravar. 
Realmente gustoume. Explícase moi ben e pareceume bastante interesante, ademais de que foi unha axuda para a xente que queira estudar algo parecido ou o mesmo, tamén puidemos ver as distintas saídas que poden ter 
Nancy Suerio

En si a charla estivo moi ben. Ensinounos os traballos que realizou e explicounos como os desenvolveu. Á parte de que me gustou por ter sido alumna deste centro
Elías López Leite

VIII Concurso Literario Mª Vitoria Taboda : entrega de premios

O venres, 28, nun sinxelo acto condicionado polas medidas anti-COVID-19 terá lugar na Biblioteca a entrega de premios do VIII Concurso Literario Mª Vitoria Taboada.
Contaremos coa presenza de Antía Yáñez, que fará a entrega de premios, no marco da conmemoración das Letras galegas.


Exposición : Pandemias

A partir deste xoves, 27, poderemos ver no vestíbulo do instituto a Exposición Proxecto Pandemias, iniciativa interdisciplinar que nos achega información de forma moi atraente e sintetizada sobre o mecanismo de infección do SARS COV2 e as medidas de prevención xerais. Así mesmo poderemos informarnos das trolas que hai arredor das vacinas e do que as redes socias como Instagram din a respecto das pandemias. Complétase o proxecto cunha recreación dos virus en maquetas, con murais, cunha visión das máis sobranceiras pandemias da historia, do reflexo na literatura da problemática das doenzas en xeral e, por último, unha máis que interesante proposta de recreación artística das pandemias ou enfermidades en xeral.
Claro é o obxectivo de concienciar o alumnado do coñecemento da problemática e de que sexa activo partícipe da dinámica solidaria.