30 xullo, 2022

Premio Rebulir Cultura Galega 2022

E seguimos con premios para as xentes dezás, neste caso para recoñecer o labor de Celso Fernández Sanmartín. Celsiño, como é coñecido pola zona, acaba de recibir o XI Premio Rebulir da Cultura Galega "por preservar e difundir a tradición oral galega desde o respecto, e levar os contos do noso rural a diferentes escenarios, poñendo en valor a creatividade propia". 

Se queredes comprobar como Celso leva eses contos do noso rural a diferentes escenarios só tedes que acudir a algún dos seus espectáculos. Pero mentres tanto podedes gozar da lectura dalgunha das súas obras escritas. Desde a Biblioteca Mario Pereira recordámosvos a nosa última recomendación do autor lalinense: A cama de meu avó Manuel Sanmartín Méndez.

                                                                                                                https://www.facebook.com/FestivalInternacionalRebulir/

28 xullo, 2022

Ana Cabaleiro, I Premio Exeria

Ana Cabaleiro, a escritora de Saídres que tan ben coñecen os nosos clubs de lectura acaba de recibir o I Premio Exeria de proxectos de creación literaria, convocado polo Concello de Santiago de Compostela en colaboración coa Residencia literaria 1863 e o Consulado Xeral de España en Xerusalén.

Tal e como se recolle na convocatoria deste galardón, "o premio ten unha dotación económica de 3.000 euros ademais dunha estadía para creación literaria na residencia Al Mamal na cidade de Xerusalén durante o mes de agosto." Alí a autora silledense terá tempo para que Shukram, o proxecto que presentou ao premio, se convirta noutra das súas obras.

Desde A Marela non podemos máis que facerlle chegar os nosos parabéns, recordando a boa xornada que compartiu cos nosos clubs e a súa magnífica predisposición no roteiro literario de As Ramonas. Deixámosvos aquí o enlace do itinerario lector que compartimos con ela no mes de abril.

   https://www.facebook.com/ana.cabaleiro.52
                                                                                         


22 xullo, 2022

40 aniversario de Viravolta

Empezamos no medio dun deserto e había que inventalo todo de inicio, confésalle Julio Balado, un dos tres integrantes actuais de Viravolta, a La Voz de Galicia.

https://viravoltatiteres.wordpress.com/

Que nos achega información sobre o evento: A compañía lalinense de títeres Viravolta cumpre neste ano catro décadas de vida, unha bagaxe importante plagada de fitos e toda unha vida profesional para Anxo García, Julio Balado e Pilar Álvarez. Os tres son a alma de Viravolta, pero como contaba onte Julio Balado «non sempre fomos tres». Inicialmente, explica, «eramos un grupo de teatro» de xente nova pero a xente que estaba con nós facendo teatro marchou a estudar, desapareceu. Quedamos sen actores e as marionetas empezaron a facer de actores. Fixemos as marionetas e naquel momento estabamos nós os tres, Paío e Manuela Buxán. Comezamos os cinco, logo quedamos catro e despois quedamos tres»...

Pilar, Julio e Anxo in https://viravoltatiteres.wordpress.com/espectaculos/


Desde a Marela moitos parabéns á xente de Viravolta que foi e que aínda é neste corenta aniversario que agardamos lles dea novos folgos para seguir ofrecéndonos o seu bo facer no engaiolante mundo dos monicreques. 
Aproveitamos a ocasión para lle dar as grazas a Viravolta polas constantes deferencias cara á nosa biblioteca e para recuperar vellos documentos sobre a historia de Viravolta:

Viravolta no II Festival de Titiriteiros Galegos

Cartel do 15 aniversario de Viravolta

E mirade este artigo no Praza!

19 xullo, 2022

1500 nomes galegos


A RAG ofrécenos en liña a A Guía de nomes galegos. Recolle máis de 1500 nomes de persoa, coa súa etimoloxía, historia, motivación, hipocorísticos, frecuencia ou distribución xeográfica.

Ademais podemos descargar dúas relacións con todos o nomes ben masculinos, ben femininos recollidos.