Amosando publicacións coa etiqueta Astronomía. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Astronomía. Amosar todas as publicacións

08 outubro, 2019

Apollo XI. A misión en fotos.


Como actividade complementaria á conmemoración da chegada do ser humano á Lúa, no recanto Toc-TocA Ciencia podemos contemplar a Exposición fotográfica da misión Apollo XI, acompañada de fondos documentais da biblioteca.

A seguir unha mostra gráfica do evento:






21 maio, 2019

06 decembro, 2018

Contaminación luminosa. XXXI Congreso ENCIGA [5]

A Agrupación Astronómica Coruñesa Io prestounos a exposición itinerante "Contaminación Luminosa" que colocamos no primeiro andar, xunto aos manuscritos de Don Ramón Aller.





A continuación o resumo que Martin Pawley nos enviou para o libro do Congreso.


"A través de tres paneis de gran formato a dobre cara profusamente ilustrados, a mostra explora o impacto na saúde e no medio ambiente do abuso da luz artificial pola noite, así como a dilapidación de enerxía e diñeiro que supón. Tamén reflexiona sobre a perda cultural asociada á desaparición do firmamento nocturno e apunta solucións, moi fáciles de executar, para garantir unha iluminación eficaz e sostíbel".

Boletín das ciencias, 86, 24, Agrupación Astronómica Coruñesa Io




04 decembro, 2018

Inéditos e outros manuscritos de Ramón M. Aller. XXXI Congreso ENCIGA [4]









"A actividade central da nosa celebración  do 2009, Ano Internacional da Astronomía, foi unha exposición á volta de manuscritos de D. Ramón Aller,  cedidos por D. Victorino Gutiérrez Aller, sobriño do sabio. Aquel mesmo curso, D. Vitorino fixo doazón dos documentos ao instituto. Entre eles, encóntranse tanto inéditos, como borradores ou primeiras versións de obras xa coñecidas, ademais de notas e apuntamentos diversos.
Naquel momento expresamos, no blogue A Marela tarabela, a emoción que tal doazón nos produciu: “Pensabamos que tiñamos algúns libros valiosos, pero agora temos... que temos? Como lle chamamos? Un tesouro? Como o imos administrar? Só somos unha Biblioteca Escolar! Estaremos á altura? A reflexión ten que ser máis longa e así o faremos. Mentres tanto, moitas graciñas, graciñas de corazón, Victorino!” Hoxe renovamos a expresión de gratitude.
En 2016, mostramos novamente este material, con motivo do 50º cabodano de D. Ramón. A principal diferenza entre as dúas celebracións radicou en que, nesta última, xa dispoñamos das experiencias de Toc TocA Ciencia, polo que puidemos presentar un espectro moito máis amplo e variado de actividades.
A exposición que, co gallo do congreso de ENCIGA e o centenario da publicación de Algoritmia. Principios fundamentales de la ciencia de los números, recuperamos no primeiro andar, fai un percorrido pola actividade científica de D. Ramón a través dos seus textos.
Entre outros manuscritos de don Ramón, forman parte da exposición os seguintes inéditos:
        [“Primeiro caderno de observacións”]: Álbum (13x20 cm.), coas observacións realizadas entre o 7-11-1917 e o 15-6-1923. Son 45 debuxos autógrafos e anotados.
        Registro del observatorio astronómico/ Ramón Mª Aller Pbro. . Lalín. Comienza en: 31 de agosto del año 1924. A.M.D.G. [Manuscrito]. 200+1 p. + 41 debuxos (10x13 cm.) anotados, br. e n. e cor; 21 cm. Trátase dun caderno no que se recolle a vida do Observatorio desde o 31 do 8 de 1924 ata o 18 do 9 de 1926.
        Registro de observaciones verificadas en Lalín. [Manuscrito]. 200 p. (das que só están utilizadas 52), 21 cm. Trátase fundamentalmente dun caderno con diversos cálculos matemáticos datados entre o 31 de agosto de 1924 e o 11 de xaneiro de 1925, asociado ao anterior.
        Observatorio astronómico de Lalín: Registro de las observaciones desde el día 24 de septiembre de 1926.[Manuscrito]. [200 p. + 2 caderniños (de 20 p. cada un) + 41 debuxos (10x13 cm.) anotados, cor; 21 cm. Trátase dun caderno no que se recolle a vida do Observatorio desde o 24-9-1926 ata o 30-8-1927.
        Cuaderno registro de observaciones: Comienza en 31 de agosto del año del Señor 1927. [Manuscrito]. 230 p. Il. cor; 21 cm. Trátase dun caderno no que se recolle a vida do Observatorio desde o 31 do 8 de1927 ata o 1 do 6 de 1929".
Boletín das Ciencias,86, 27. Pereira Fdez, Mario; Paio Cangado Xosé.

27 novembro, 2018

Astronomía na aula. XXXI Congreso ENCIGA [1]

O XXXI congreso de ENCIGA animounos a compartir algunhas das actividades e exposicións que fomos confeccionando desde que puxemos a andar o Toc-toc. Irémolas lembrando estes días, acompañadas do texto publicado no programa do Congreso.
Polo demais, o noso agradecemento a todos os participantes, relatores e conferenciantes, á dirección de ENCIGA e a Paulino, o seu presidente. Para as compañeiras que toman o relevo: moitos ánimos.







" A Axencia Espacial Europea, a través de ESA Education, ofrece numerosos recursos e diversas actividades de formación para profesorado de primaria e de secundaria, cos que pretende achegar a astronomía e a investigación espacial ás aulas. 

Tras participar no ESA Summer Teachers Workshop de 2015 xurdiu a idea – xa compartida no XXVIII congreso ENCIGA celebrado en Sarria -  de realizar este proxecto co alumnado da materia de Cultura Científica de 1º de bacharelato no curso 2015/2016  no marco das actividades do 50 cabodano de don Ramón Aller.
Nesta exposición resúmense os dous traballos realizados: modelo dun sistema binario e  demostración experimental da segunda lei de Kepler. Ambos os proxectos consistiron nunha pequena demostración experimental que serviu de pretexto para realizar unha indagación na Internet e en bibliografía especializada, así como para elaborar vídeos con Camtasia Studio e pósters en formato dixital co software Open Office Draw. Incidiuse na importancia de citar as fontes empregadas así como a autoría das imaxes.
Empregáronse aproximadamente dez sesións de clase, dúas para o traballo experimental e oito para a busca de información e elaboración de materiais. Dado que as sesións se impartiron no laboratorio e na aula de informática, a avaliación do proxecto, que resultou moi satisfactoria, puido realizarse ao longo de todo proceso".
Boletín das Ciencias,86, 23. Reboiro López, Ana

23 xullo, 2018

60 anos da NASA con Debussy

Co gallo da celebración do seu 60º aniversario, a NASA, asociouse coa National Symphony Orchestral para presentar o concerto "NSO Pops: Space, the Next Frontier". Imaxes da NASA ilustran a música. Entre elas, o "Clair de Lune" ("Luar") de Claude Debussy. O vídeo é  obra de Ernie Wright, visualizador de ciencia da NASA.




This visualization attempts to capture the mood of Claude Debussy's best-known composition, Clair de Lune, along with visuals of the moon captured by NASA's Lunar Reconnaissance Orbiter.
Credits: NASA/LRO/Ernie Wright

21 febreiro, 2018

Nas aulas de Hipatia

Teón de Alexandría (Sandra Blanco) presentounos, na entrada do instituto, a súa filla Hipatia (Rosa Núñez), considerada como a primeira muller astrónoma e matemática da historia.


Un día calquera de principios do século V, Hipatia imparte clase aos seus discípulos. Sinesio de Cirene (Alba Otero), Orestes (Semahel Polo) e Hesiquio de Alexandría (Hugo Pérez), ademais de se volveren sorprender coas explicacións astronómicas, tiveron o privilexio de ser os primeiros da historia en veren un  densímetro, invención da súa mestra.




Están marabillados e felices, así que, ao rematar a clase, celébrano bailando o Epitafio de Seikilos.


18 febreiro, 2018

Con Margarita Salas, Josefa Yzuel e María Blasco


Malia non poderen vir de "corpo enteiro", grazas a Fran Otero e a xente de BAC Artes, puidemos contar con tres das  científicas máis relevantes de España. Ben se poden ver no noso laboratorio en miniatura. Son a bioquímica Margarita Salas (Canero-Asturias, 1938), a óptica Josefa Yzuel (Jaca, 1940) e a bióloga e directora do CNIO, María Blasco (Alacant, 1965).




No super atril, máis información sobre elas:



Ao pé, unha pequena selección de libros, películas e documentais arredor da muller e a ciencia.


Cerca, unha "photo call" para que calquera se puidese sentir "muller científica". Unha vez máis, obra de Fran e os seus.

 
2º de ESO case sempre mostra grande interese en resolver os cuestionarios que preparamos. Aquí, ás voltas co de Astrónomas que fixeron historia.








30 xaneiro, 2018

Astrónomas que fixeron historia

Coas láminas do calendario Astrónomas que fixeron historia, argallamos unha pequena exposición para celebrar o 11F.


Acompañámolas dalgunhas suxestións en diversos formatos e dun cuestionario que podedes dexergar no tríptico co que acompañamos habitualmente as exposicións.
 

13 outubro, 2017

Todocosmos

No marco do Programa Todocosmos de divulgación astronómica en Galicia desenvólvese esta actividade na que participa alumnado do noso IES xunto con alumnado polaco de intercambio de Zielona Góra.