Amosando publicacións coa etiqueta Ao fío de.... Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Ao fío de.... Amosar todas as publicacións

26 novembro, 2022

Ao fío de... 25 N

Pasou o día... e esperamos que as actividades levadas a cabo polo alumnado de 4º da ESO A e C e 1º do Bacharelato servisen para concienciar da necesidade de acabar coa lacra do maltrato contra as mulleres.

O primeiro en mostrar o seu traballo foi o grupo de 1ºC, coordinado pola profesora de Lingua e Literatura galegas, Uxía Nogueira. Unhas cartolinas recollían o nome das mulleres asasinadas neste 2023 e un dato sobre a súa morte que, a cada un deles e cada unha delas, lles pareceu estarrecedor. Lían en voz alta o nome da muller e colocaban a cartolina sobre unha cadeira baleira, simbolizando deste xeito esas 40 vidas arrebatadas no que levamos de ano.

A continuación, o grupo de 4º da ESO C, coordinado pola profesora de Xeografía e Historia, Alba Payo, leu unha selección de textos narrativos e poéticos nos que se denuncia a violencia machista exercida contra as mulleres. Podedes ver a escolma neste enlace.

Finalmente, as rapazas de 4º da ESO A, guiadas pola profesora de Inglés, Saleta Fragueiro, leron as cartas que elas mesmas escribiran, dirixidas a persoas, ficticias ou non, do seu contorno: nais, irmás, amigas... posibles vítimas desta lacra social. Algunha das misivas fixo que os ollos do público se embazasen de emoción, dor e rabia.

Aos que nos ledes, aínda que non puiderades estar alí, só vos queremos dicir o mesmo que Saleta lle pediu ao noso alumnado: "Rapazas: querédevos moito, respectádevos e facédevos querer e respectar. Rapaces: confiamos en vós"

Deixámosvos aquí algunhas das fotografías que a profesora do Dpto. de Artes, Mari Ruzo, nos fixo chegar. Os lazos son traballo do voluntariado da Biblioteca e da profesora de Bioloxía Ana Penas, e do son encargouse o profesor de Inglés Manuel Conde.
















25 novembro, 2022

25 N : Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller

Un ano máis, como cada 25 de novembro, celebramos o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, sempre coa esperanza de que sexa o derradeiro. E facémolo lembrando as vítimas da violencia de xénero, mulleres anónimas, que polo feito de seren mulleres sufriron a terríbel lacra da violencia machista. 

A Biblioteca faise eco das diferentes actividades a desenvolver para conmemorar o 25N:

Cadeiras baleiras, por 1º Bach C
Cartas contra a violencia, por 4º C 
Voces poéticas e narrativas contra o maltrato, por 4º A

A maiores, desde A Marela, propoñémosvos contra a violencia de xénero dúas suxestións:  A breve escolma poética e narrativa, Voces contra a violencia de xénero

A curta de animación Teatro de la injusticia realizada polo Instituto Navarro para a Igualdade e o Concello de Ansoáin.

 

11 abril, 2022

Ao fío do... Encontro con Juan Gestal

O profesor Juan Jesús Gestal ofreceu ao alumnado de Cultura Científica de 4º da ESO unha soberbia conferencia sobre un dos acontecementos históricos que deixará pegada na experiencia vital de todos nós: a COVID 19.
O profesor debullou a evolución do virus dende a súa aparición hai xa dous anos en Wuhan ata as últimas novidades en canto a medidas e coñecemento científico deste coronavirus. E case máis importante, desmentiu trolas que circulan polas redes sociais e teorías conspiracionistas.
Para o noso acougo, e aínda que dixo non ter unha bóla de cristial, augura unha normalización da vida cotiá máis cedo que tarde, debido por un lado á inmunidade que nos ofrecen as vacinas e por outro á maior capacidade de contaxio da variante ómicron que xerou inmunidade de xeito natural a aquelas persoas que contraeron a enfermidade.
Aínda que OLLO! “O virus xa nos enganou dúas veces” pero desta volta é máis optimista, o tempo é un aliado e a circulación doutros virus respiratorios unha boa nova.
Alba Payo Froiz, profesora de Historia






E antes de marchar de volta á USC aínda tivo tempo de dedicarnos a súa última publicación, Pandemias. As epidemias que asolaron a humanidade, publicado por Bolanda.




12 marzo, 2022

Ao fío do Encontro con Antón Iglesias

O artista lalinense Antón Iglesias Fernández reuniuse co alumnado do Bacharelato de Artes na aula taller do noso instituto. No decurso da charla os alumnos e as alumnas realizaron unha serie de apuntamentos sobre a relación do artista coa pintura ao longo dos seus máis de corenta anos de traballo.
Aquí vos deixamos algunhas das súas opinións e algúns dos seus debuxos, así como fotos do encontro.   
Francisco Otero, profesor do Dpto. de Artes Plásticas

"O que máis me gustou da charla foi o interese que transmitía ao contarnos a súa vida e a súa traxectoria artística." 
Alazne Solís, 1º Bac. B

"A charla foi moi interesante porque traballa empregando diferentes técnicas: colaxes (mesmo empregou nalgún momento os apuntamentos da súa filla), pinturas ao óleo e acrílico. Os seus debuxos evolucionaron co paso do tempo e participou en moitos concursos e exposicións."
Carmen Donsión, 1º Bac. B

"O que máis me gustou foi que trouxo as obras que fixo e que as explicou moi ben." 
Paula Méndez, 1º Bac. B







11 marzo, 2022

Ao fío do Encontro con Avelino Cerdeiras

Avelino Cerdeiras, como especialista en Xestión de Recursos Humanos, orientou o alumnado e deulle pautas para enfrontarse a unha entrevista de traballo, explicándolles que datos e comportamentos son a día de hoxe os que máis chaman a atención dos entrevistadores.

O encontro resultou moi produtivo xa que lles aclarou aos mozos e ás mozas dos nosos ciclos superiores, que están a piques de incorporarse ao mundo laboral, as dúbidas que tiñan
sobre o proceso de selección de persoal e analizou con eles as súas inquietudes ao respecto.

Acompañando a Avelino regresou ao instituto Chus García, xerente da Asociación de Empresarios de Deza, para informar sobre os servizos que esta asociación lles pode ofrecer aos recentemente titulados.








17 febreiro, 2022

Nee Barros: o alumnado opina

 Nee presentou a actividade coma un espazo para a conversa e o intercambio de opinión afondando no concepto de "identidade" a partir das diferenzas entre sexo biolóxico, xénero asignado, identidade de xénero e expresión de xénero.

Carmen Frade, titora do grupo




Poder compartir esta conversa con Nee é algo que tamén deberían vivir o resto grupos do centro. É importante que aprendamos máis sobre un tema como o que trata o autor no seu libro Identidade: que a diversidade de xénero é moi ampla, e que non  podemos xulgar a ninguén por se diferente ao que a sociedade considerou normal en séculos anteriores. 
Tamén me causou moita admiración a maneira de concetar con nós que tivo Nee, a súa forma tan respectuosa de explicar, preguntar e aceptar opinións de todo tipo. Creou un ambiente no que nos sentimos cómodos e cómodas.
Noa Iglesias




A conversa que mantivemos con Nee sobre Identidade resultou moi interesante e era moi necesaria para todos aqueles que non entenden certos temas, ou conceptos, relacionados co colectivo LGTB+. Née é unha gran persoa e merece toda a visibilidade quen xa adquiriu.

Inés Benito




A charla sorprendeume positivamente pola boa comunicación entre Nee e nós. Gustoume que se parase a explicar os termos relativos á comunidade LGTB+, xa que tivo en conta que non todos contamos coa mesma formación no tema.
Radoslaw Lisiecki




A charla de Nee pareceume moi intersante, aportando moita información, posto que en todo momento respondeu as nosas dúbidas. Resultou moi agrabable coñecelo.
Lucía Gutiérrez




A actividade pareceume moi informativa porque, ademais de descubrir cousas sobre o autor e certos significados e referencias do libro, aprendemos a importancia que ten estar ao tanto das persoas que nos rodean día a día, así como respectalas e mostrar interese polo coñecemento de identidades de xénero das que nunca escoitaramos falar, ou das que sabemos moi pouco. Realmente Nee axudoume a entender moitos conceptos dos que estaba desinformada. Foi unha boa experiencia.
Belén García

Fotos de Carmen Frade


30 novembro, 2021

Claudia Alonso : o reencontro

Do reencontro con Claudia Alonso sobre O percorrido dunha estudante de arquitectura achegamos as seguintes reflexións:

Sempre encontro interesante a visita de ex-alumnos ao centro, especialmente se os seus estudos teñen certa vinculación coas materias que imparte o Departamento de Debuxo. Nesta ocasión, Claudia fixo un resumo en primeira persoa da súa formación como arquitecta e das expectativas laborais futuras.

María Armada

A charla sobre arquitectura resultoume moi interesante e entretida aínda que as miñas decisións no ámbito académico non me vaian levar por esa carreira. Considéroa unha boa forma de orientación para quen queira estudar arquitectura, xa que os consellos dados pola relatora son, na miña opinión, moi útiles.

Ana Novo  

Pareceume unha charla interesante, pois explicou e aclarou determinados temas con relación á universidade que teñen relevancia para a nosa futura formación, e que nos axudarán na elección do camiño profesional da arquitectura.

Miguel Cudeiro