10 decembro, 2009

Todas as Marelas

Aínda non pasaron nin catro anos desde que apareceu a primeira Marela Tarabela (a orixinal, a impresa)  e parecen catro séculos.

A Marela obedecía ao proxecto de transformación dunha biblioteca pasiva a unha biblioteca activa. Nese sentido, cumpriu, para nós, un papel moi importante: serviu para facer visible a Biblioteca ante a comunidade docente e tamén para que nós, o Equipo de Apoio, puideramos ver o noso traballo.

Foron catro anos densos, moi densos, a por de información, formación e ferramentas que fomos descubrindo. Catro anos, catro séculos! Con todo, a Marela segue aí. Os seus obxectivos non son os mesmos que definiramos ao principio, pero segue sendo un soporte que a Biblioteca pon a disposición de quen queira utilizalo. Aí segue sendo, tamén, o símbolo dun cambio que un día quixemos dar.

Comprácenos, pois, poñela a disposición de quen queira. Aquí a está.

E agora, o meu... (Made in Galiza, de Séchu Sende)

O libro "Made in Galiza" consta dunha serie de relatos breves; en todos eles temos como tema principal a nosa lingua e o uso desta. Podemos ver que se está producindo un desuso do galego, por exemplo hai pais que falan o galego pero pola contra ensínanlles castelán aos seus fillos. A que se debe isto? A ideoloxía das novas xeracións que consideran o galego como unha lingua inferior.

Gustoume moito este libro porque fainos reflexionar sobre a nosa lingua e a súa situación: queremos que nun futuro o galego non exista? ¿Que sexa unha das moitas linguas mortas que existen? Entón, temos que reaccionar e non permitir que isto suceda.
Verónica Ledo Lançao

09 decembro, 2009

O meu comentario sobre "Made in Galiza"

Neste libro o autor case en todos os contos defende a nosa lingua. Desde o meu punto de vista foi un libro fácil de ler, entretido e moi bonito. No fondo, este libro tamén serve para dármonos conta do que a nosa lingua sufriu e segue sufrindo polos prexuízos que existen na xente; por exemplo, no conto no que fala do botellón móstranos o diferente tipo de pensamentos sobre a lingua: por un lado, están os que a defenden como algo seu; por outro, os que pasan do tema e, por último, e como non, os que aínda pensan que o galego é unha lingua inferior ás outras.

Á parte do tema da lingua, o autor fala doutras cousas e xoga co imposible, como no conto dos dous anciáns que falan e no que un lle di ao outro que vén dun país que non existe e a señora lle responde que ela volve á terra que sempre quixo volver. Neste conto tamén fai referencia á morriña por parte da señora.

Gustoume o libro xa que é unha maneira divertida de poder ver a importancia da nosa lingua e, incluso, da nosa paisaxe e grazas a el deime de conta de moitos desprezos que lle facemos á nosa lingua e que, como non, todos deberiamos corrixir.
Mª Teresa Lorenzo Gil

07 decembro, 2009

Comentario sobre "Made in Galiza"


Made in Galiza é un libro de relatos breves no cal o autor, Séchu Sende, trata os problemas da lingua galega con moita retranca e humor, como, por exemplo, no conto "Estudo sociolingüístico sobre a mocidade baixo os efectos da droga", onde clasifica cun toque de humor os adolescentes segundo o seu grao de compromiso coa lingua galega, reflectindo á vez os problemas entre galego e castelán nestas idades.

O autor fainos cavilar e formularnos preguntas, situacións, etc. das que non nos decatamos na vida cotiá; así, no relato "Madrith" sitúanos no suposto de que en España se deixase de falar o castelán, que fose substituído por outro idioma e que estivese mal visto falar a lingua castelán. Con isto trata de presentarnos a situación actual de Galiza facendo que nos choque, cousa que na vida real non nos formulamos.

Tamén nos amosa como o galego é símbolo de identidade de todos os que vivimos nesta terra; así, no conto "Unha imaxe vale máis" ensínanos como a lingua galega, simbolizada no conto co álbum de fotos, vale máis que calquera ben material, xa que a lingua é un vínculo co noso pasado.

Por todo isto, o libro gustoume, xa que se fai ameno de ler debido a súa estrutura en breves relatos e pola súa retranca.

Pablo Zobra

Podedes ver aquí o encontro que mantivemos con Séchu Sende a propósito deste libro.

04 decembro, 2009

LerENvenres (II): "A Arrasadeira", de Blanco Amor

No ano 65, a editorial Galaxia publicou esta pequena escolma de contos na que aparecen mostras de Castelao, Otero Pedrayo, Dieste, Blanco Amor, Fole e Cunqueiro; as ilustracións (portada, dentro e contra) son de Xohán Ledo (a quen, por certo, a editorial homenaxeu hai dous anos como merecía).

Comprou, supoño que sería el, meu pai o libro antes de que eu nacera. Unha vez nacido, aínda pasarían, supoño tamén, como uns dez anos ata que de bico nos pés sobre un taburete habería de descubrir o que agochaban as portas de arriba duns, entón, inmensos armarios-cama de cor vermella.

Había alí un ordenado caos, resto dunha vella mudanza, de moitos libros; case todos de miña nai, que para iso é de ciencias: novelas e máis novelas (vexo agora, diante de min, cousas de Somerset Maugham, Lo que el viento se llevó, Anna Karenina...) e, incluso, libros nunha lingua certamente estraña...

O que le, le de todo. E todo foi sendo lido, sen prexuízos de xénero, orixe, condición, tamaño ou lingua. Ler de todo. Cicais só un rapaz pode facer tal cousa.

E alí apareceu de súpeto, a carón de algo de Cunqueiro, Castelao, Curros, Rosalía, este libriño de letra grande e historias interesantes. Castelao (o cicais de antes aprendino del), falaba dos rezos dunha muller polos afogados no mar; Pedrayo, da custión entre o Bicho e o siñor Estebo dos Inxertes; Dieste contaba un conto de Reis; Fole falaba de lobos, para que vexásemos como traballan os lobos á xente; e Cunqueiro, do reló de area que Merlín amañou para don Felices. Estaban ben.

Pero ben, ben, ben, estaba o conto de Blanco Amor, "A Arrasadeira". E estábao porque fixo comigo o que moitos din que fai a literatura: facer vivir outras vidas, secretamente desexadas aínda que racionalmente rexeitadas. Recordo perfectamente o proxectar as personaxes sobre min mesmo e algúns dos meus compañeiros do colexio, e sentir as sensacións de Toniño de Cobas, as súas mesmas ansias de facer o que eles facían, e a frustración de nen sequera poder contar coa sua amizade para, polo menos, chegar a vivir dos seus contos o que eles vivían na realidade. E aínda que nunca cheguei a facer o que Toniño chegou a facer, quedei contento co remate do libro; aí cando un home con carabina, referíndose aos rapaces, di eso de tan bós son uns como os outros. Pensei entón, como penso agora, que se non ía, ou vou, ás arrasadeiras é, sinxelamente, porque non quero. Porque, como diría o outro, that's the question.

C.M.