20 maio, 2025

XII Concurso Literario Mª Vitoria Taboada de poesía, relato curto e sketch teatral

 O Instituto Ramón Mª Aller Ulloa convoca o XII Concurso Literario Mª Vitoria Taboada de poesía, relato curto e sketch teatral, dirixido ao alumnado de ensino secundario, ciclos formativos de grao medio e FPB matriculados en centros da comarca dezá. 

O cartel da convocatoria é obra de Elba Couso Patiño, alumna de 2º do Bacharelato do no noso IES.
A seguir as bases da convocatoria

01 maio, 2025

Marela para "Tras do Ceo"


Ao fío de elixiren, no Club de lectura LeACasa, a novela Tras do Ceo de Manuel Rivas, editamos unha nova Guía de lectura, a nº 21, que se corresponde coa Marela nº 34. É un monográfico dedicado á antedita novela, e que integrantes do Club de lectura cualifican de libro recomendábel para unha persoa adulta que sexa quen de entender a idiosincrasia do rural galego e o respecto polos animais, e que partindo dunha trama aparentemente sinxela se vai dirixindo a pasaxes violentas, mesturadas con escuridade, que en ocasións parecen quedar inconclusas e quizais cargadas dun exceso de temática desapiadada e inesperada que non resultan fáciles de ler. Unha crítica da sociedade actual, machista, corrupta, sen ética nin escrúpulos, na que o fío condutor, o gran Dombodán, vai cambiando ao longo da novela, por caso a percepción clásica de xénero que ten das mulleres, sobre todo de súa irmá...


Máis información no Wikirmau.

 

29 abril, 2025

Mapa Sociolingüístico do Centro (MSC-2024)

BERSANI, Andrea: Cela. [Aquí]

No primeiro trimestre do curso 2024-2025 realizamos entre o alumnado  (ESO, bacharelato e da FPB) unha enquisa sobre a situación sociolingüística do centro canto a lingua inicial e habitual e usos lingüísticos, a través de enquisas de método cuantitativo con preguntas pechadas ou estandarizas.

O traballo de campo concretouse no Mapa Sociolingüístico do Centro (MSC-2024), elaborado polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega (EDLG) e o Equipo de Traballo da Biblioteca, coa colaboración da Dirección e do profesorado titor.

Da análise dos resultados salientamos a perda de identidade da lingua galega, se comparamos as porcentaxes de só galego ou máis galego como lingua habitual (55,3%) con só galego ou máis galego como lingua inicial (59,2%), é dicir, un descenso de case 4 puntos canto á lingua inicial; o que reproduce a situación “macrodiglósica” ou de “dobre diglosia superposta” que estamos a vivir.

A seguir o informe do MSC-2024:


12 abril, 2025

Boa vía, profesor Hermida

Foto cedida pola familia

Hoxe deixounos, aos seus 96 anos, o profesor José Luis Hermida.

Profesor do Instituto Ramón M. Aller Ulloa desde 1954  ata a súa xubilación, foi un excelente compañeiro que dilatou o seu maxisterio moito máis alá das súas clases de electricidade.

Con el aprendemos a entrega colaborativa e a achega a toda actividade para a que o requerían os diversos departamentos. El era o fotógrafo que, en actividades extraescolares, ofrecía os seus coñecementos ao alumnado interesado no encadramento ou no revelado; el era o sempre disposto operador que botaba as películas (case sempre de francés) naquel histórico proxector de 16 mm; el era a xenerosa pericia que nos arranxaba calquera trebello que a nosa torpeza derramaba a cada pouco; el era o paciente profesor que sumou miles de horas de afabilidade na biblioteca; el era o xesto cordial que en momentos tensos nos devolvía á tranquilidade e á reflexión.


Ese sorriso, ese da foto, acompañounos moito tempo e ben describe a súa condición de home bo e profesional íntegro.

Boa vía, profesor Hermida.