30 maio, 2012

A Marela BD

Pouco e pouco, a Banda Deseñada vai gañando terreo nos nosos itinerarios lectores, nas recomendacións do profesorado, nos intercambios de opinións do alumnado, nos préstamos para a casa..., e -en definitiva- na nosa actividade bibliotecaria.

Preme na imaxe para velo en mosaico
Así é que nos decidimos a ensaiar un blogue (Marela BD) dedicado en exclusiva aos cadriños. Comezamos con algunhas das penúltimas adquisicións e, conforme nos vaiamos facendo unha idea máis precisa de como queremos estruturar a información, iremos engadindo títulos e referencias.

Podédelo ir vendo e enviándonos as vosas suxestións.

24 maio, 2012

Nova flor de romances

Por fin, xa está aquí a "Nova flor de romances de cego, parte 1 e 2" do alumnado que no curso 2010-11 estaba en 4º de ESO. Por problemas de tempo non puidemos montar a exposición no recibidor do instituto até agora. No entanto, o esforzo paga a pena. Literatura popular e libro dixital compartindo o irreverente pracer do sarcasmo adolescente.

23 maio, 2012

16 abril, 2012

Encontro con Ignacio Vilar

Aínda cos pousos do Anirmau no padal, temos a oportunidade de seguir co tema do cine. Neste caso, grazas á posibilidade de encontrarnos con Ignacio Vilar, sen dúbida, unha das voces máis cualificadas para falar de cine en Galicia.

Ignacio Vilar (Petín de Valdeorras, 1951) é produtor e director cinematográfico.

Fundador de Vía Láctea Filmes (1991), ademais de diversos documentais rodou, en 2008, a exitosa Pradolongo, a súa primeira longametraxe.

Agora regresa ao mesmo formato con Vilamor.

Sobre como producir e elaborar unha película, falaranos este venres, ás 12.30, no Salón de Actos.

Con el estarán algúns dos actores que participaron en Vilamor. 

[ Adiviña: Que terá que ver a película Vilamor coa novela de Jaureguízar, A cova das vacas mortas]

Encontro con Xosé Neira Vilas

Será o próximo luns (23 de abril), ás 12 no salón de actos do instituto.

Non se sabe quen nos puxo o de "marelateca". Enténdese que nolo puxeron polo nome do Boletín, primeiro, e deste blogue, despois. Sábese (ou debería saberse) que ese nome, A Marela Tarabela, remite á noveliña de Neira Vilas. Ese foi o noso xeito de homenaxealo a el e a Anisia. Por iso nos soa tan ben o de Marelateca. Por iso nos resulta tan especial a visita do luns.

Por iso nos gustou elaborar un monográfico da Marela Tarabela (impresa) sobre Memorias dun neno labrego e por iso nos apetece compartilo convosco en PDF.