Amosando publicacións coa etiqueta Coa nosa xente. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Coa nosa xente. Amosar todas as publicacións

17 xullo, 2026

Coa nosa xente : Sara Piñeiro Fernández


Foto: Sara Piñeiro, in nosdiario.gal

Ao fío da exposición Truer na Galería Néboa de Lugo traemos hoxe á sección Coa nosa xente á artista visual Sara Piñeiro.

Xa no instituto Sara apuntaba maneiras como artista e como mostra a súa achega en 4º de ESO das viñetas do cantar de cego O Bicho da Sacha, coa colaboración nos textos de Daniel Currás González, Mónica Otero Iglesias e Eva Vázquez Vila, e no cal xa salienta a vea artística de Sara.

Verbo da exposición na Galería Néboa, que aínda podedes visitar ata o 24 de xullo, Sara en declaracións a Nós Diario afirma: Para min o exercicio expositivo é parte do proceso de creación. Moitas pezas collen a súa forma definitiva no propio espazo.

Cartel da exposición Truer

Por parte, Sara foi unha das artistas beneficiarias da residencia Novos Valores 2026, que conta coa colaboración do Centro de Residencias Artísticas, o Museo de Pontevedra, a Bienal de Pontevedra e a Walter Leblanc Fundación; co seu proxecto Esas estupendas materias duras.

Moitos parabéns Sara polos éxitos acadados ata agora e que a vea creativa perdure en ti ao longo da túa vida artística.

A seguir a nosa Sara cando o 2º do Bacharelato: 

Sara no curso 2º de Bacharelato, 2013-14. © IES Aller Ulloa



08 abril, 2026

Coa nosa xente: Benxamín Otero


A Academia de música de España reparou no que nós xa sabiamos de vello e propón Outras trece cancións bonitas do noso Benxa e Germán Díaz, para o Premio ao mellor álbum folclórico 2026.





26 marzo, 2026

Coa nosa xente: Luís e Nuria


Grande é a ledicia cando recibimos novas de recoñecementos á nosa xente, a que compartiu as nosas aulas. Se a presenza é dobre, dobre é a alegría. Se os méritos se sitúan na órbita do ben común -neste caso, a medicina pública- o gozo multiplícase.

Esta semana, a SEPAR  distinguiu o Servizo de Neumoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) co Diamante con Excelencia, a súa máxima certificación, a que significa o cumprimento dos requisitos máis esixentes en asistencia, docencia e investigación, por parte do CHUS.

E velaí que a foto non moi difundida que atopamos en El correo gallego ábrenos un sorriso dos certos. Luís e Nuria, aí os están: o segundo dos varóns pola esquerda e a primeira pola dereita.

Luís González Taboada é o Director de Atención Hospitalaria da Área Sanitaria de Santiago e Barbanza. Nuria Rodríguez Núñez é relevante neumóloga no CHUS. El encádrase na primeira promoción do BUP (1975-79), ela na penúltima (1995-99): vinte anos de historias mil e de alegrías, como esta, para compartir.

Hoxe non publicamos as fotos da ficha de COU, senón as de 1º de BUP:


Como a Fernando de Quián non lle gustou a resolución destes, coteneou en "melloralas":




Parabéns, Nuria. Parabéns, Luís.

17 novembro, 2025

Coa nosa xente : Miguel Gulín Castro

Ao fío do logro de ser o número un na oposición ao Corpo Executivo do Servizo de Vixilancia Aduaneira (SVA) da Axencia Tributaria na modalidade de Navegación, traemos hoxe á sección Coa nosa xente ao graduado en Náutica e Transporte Marítimo Miguel Gulín Castro.

Miguel Gulín, Foto: Marcos Míguez / La Voz de Galicia

Durante a travesía de tres meses de prácticas nun petroleiro, foi cando Miguel tomou a decisión de se presentar ás oposicións. Verbo disto confesa en declaracións a La Voz de Galicia: Xa o vin claro, pensei que estar embarcado era unha aventura, pero con vistas ao futuro a oposición é un traballo que me daría estabilidade. Aclarando ademais o porqué da elección: A miña especialidade ten como obxectivo combater unha lacra como o narcotráfico, é algo que me enche.

E meu dito, meu feito. Ao tempo que remataba o traballo de fin de grao, comezou xa a preparar as oposicións, estudando como un tolo (tal e como Miguel lle confesa a Rocío Ramos para La Voz de Galicia) e compaxinándoo con prácticas no Centro de Comunicacións Radiomarítimas da Coruña, prácticas a media xornada. Así que, saía a mediodía e estudaba ata as once da noite. Foi un atracón.

Á parte, Miguel, desde terceiro de carreira, traballou como camareiro para dispor de autonomía económica: Estaba na Coruña, vivindo fóra da casa e quería gañar para min (sic La Voz de Galicia). Un exemplo claro de que o esforzo adoita ter recompensa.

Moitos parabéns e moito ánimo, Miguel.

A seguir o noso Miguel cando o 2º do Bacharelato: 


Miguel no curso de 2º Bac. 2019-20. Copyright IES Aller Ulloa



28 marzo, 2025

Coa nosa xente : Iria Fernández González

Iria Fernández González na actualidade / Foto cedida

Desta volta dámoslle a benvida á sección Coa nosa xente a Iria Fernández González, enxeñeira de deseño industrial e desenvolvemento de produtos, grao que cursou na Escola Universitaria de Deseño Industrial de Ferrol,
co gallo de ser a “project manager” da área de innovación de roupa Adidas.

O traballo como responsábel de conceptos para adidas innovación estao a desenvolver desde o 2022, en Herzogenaurach (Nuremberg), na sede central da compañía. Desde o seu posto é a responsábel de proxectos como o equipamento de fútbol para o mundial 2026 ou o “climacool system” (chaleco refrixerante e chaqueta illante) para Kimi Antonelli e George Russell, pilotos de Formula 1 do equipo Mercedes-AMG PETRONAS Formula One Team.

Iria presenta un currículo cheo de logros que teñen a súa orixe como deseñadora de cores e materiais en SEAT S.A. e CUPRA S.A., etapa laboral de 2014 a 2022. Verbo disto, hai que salientar proxectos como o do Seat León (2020), Cupra Formentor (2020), Seat Ibiza/Arona ((2021) ou o Concept car Cupra Raval (2023).

 

Iria cando dirixiu a organización dun workshop entre CUPRA e adidas a fin de compartir metodoloxías entre as dúas industrias e inspirar ambos os equipos cos que traballou / Foto cedida.

Iria con Kimi Antonelli (Formula 1) o pasado xaneiro de 2025 nun dos test realizados antes de lanzar o produto no Grand Prix de Melbourne / Foto cedida.

Iria con Leo Messi o pasado decembro de 2024, durante unha visita deste a Adidas / Foto cedida.

Moitos parabéns e moito ánimo no teu bo facer profesional, Iria.

A seguir a nosa Iria cando o 2º do Bacharelato: 

Iria no curso de 2º Bac. 2008-09. Copyright IES Aller Ulloa