16 maio, 2022

IX Concurso Literario Mª Vitoria Taboada : o veredicto

O xurado do IX Concurso Literario Mª Vitoria Taboada acordou por unanimidade outorgar os seguintes premios:

1º premio na categoría de poesía para ANDREA SEGADE ROZAS polo conxunto de poemas titulados, respectivamente, Concúbito”, “Afliçâo” e “Compaña de chorimas; por describir a fisicidade absoluta coa que se vive o erotismo e os estados de ánimo máis extremos (desesperanza / esperanza) cunha precisa e rica expresión lingüística, amparada na natureza en moitos dos seus versos como fonte de metáforas.

1º premio na categoría de relato curto a ANA NOVO CUÑARRO polo relato "A Cuba do 36", unha perspicaz e inusual recreación das imprevisíbeis consecuencias das políticas de odio, vinganza e represión da ditadura franquista, orixe de comportamentos indesexábeis nunha sociedade condicionada polo medo.

O xurado considerou deixar deserto o premio de sketch teatral.

 

A entrega de premios terá lugar na Biblioteca do instituto, o 18 de maio, ás 12:00, nun breve acto, condicionado aínda pola pandemia.

A edición do libro cos textos premiados estará acompañada de ilustracións que realizará o alumnado do Bacharelato de Artes e que presentaremos no seu momento.

A seguir os textos premiados (o cartel da portada é obra de Iria Donsión Fernández):

 

Moitos parabéns!

15 maio, 2022

Ao fío de... Exposición de carteis do Día do libro

O 23 de abril celebramos o Día internacional do libro e dos dereitos de autor, e o noso alumnado de Artes aproveitou para facer unha clase práctica coa súa profesora de Deseño, María Armada, e criticar, de maneira construtiva, os diferentes carteis, tal e como deixamos constancia no seu momento (ver enlace).

Agora xa vos podemos achegar as súas propostas para o cartel do Día do libro 2023. De momento son bosquexos, así nolo recordan os seus autores e autoras. Polo deseño definitivo teremos que esperar ata abril.










 Estes bosquexos xa teñen o seu sitio nos corredores do Instituto, a carón da figura homenaxeada nestas Letras Galegas 2022.




13 maio, 2022

Letras Galegas 2022

FLORENCIO DELGADO GURRIARÁN (Córgomo, Vilamartín de Valdeorras, 1903) foi un deses nosos escritores que despois do 36 tiveron que fuxir de Galicia posto que "xa tiña escrito poemas de interese sociolingüístico e político, mais algún traballo en prosa coa agulla crítica posta na política caciquil e centralista". Tras pasar por Francia (1939) acabará no exilio mexicano.

Tal e como sinala Ricardo Gurriarán "salientamos o papel de Florencio Delgado Gurriarán como figura integradora e unitaria dentro do corpo activo do exilio, sen perder a identidade galeguista, ao tempo de servir de ponte co interior. Neste sentido foi importante o seu interese para abrir as publicacións a colaboradores externos e para que fosen máis alá do ámbito literario, cunha teima especial pola pureza e a unificación lingüística".

O alumnado integrante dos nosos clubs de lectura ABCD e  Rabo Rizado quixo participar na homenaxe ao escritor valdeorrés, colocando os carteis polo centro. 




Pola súa banda, o alumnado de Deseño pegou os seus bosquexos para un futuro cartel publicitario. Xa temos o adianto do que pode ser o cartel do Día do Libro 2023.





02 maio, 2022

Marela para "Golpes de luz"

Ao fío da elección por parte do Club de lectura do profesorado da lectura da novela Golpes de luz de Ledicia Costas, editamos unha nova Guía de lectura, a nº 19, que se corresponde coa Marela nº 31, dedicada neste caso á antedita novela, e que o Club de lectura cualifica de thriller cun forte compoñente social narrado por tres xeracións con diferentes formas de entender o mundo polas súas circunstancias vitais e a súa idade, pois Luz non é unha avoa como as demais, sendo a figura matriarcal dunha familia que nos fai rememorar os tempos da infancia e na que Luz marca o ritmo desta trama grazas ao seu fiel compañeiro: o martelo. Presentándonos un retrato denso e profundo dunha familia na que o lector pasa a formar parte dos diferentes matices de perspectiva persoal e de franxas de idade.

Lembrade que podedes descargala en PDF.


 Para máis información visitade o Wikirmau.