16 decembro, 2022

Encontro con Emma Álvarez Conde

O vindeiro 19 de decembro estará de volta nas aulas do IES Aller Ulloa Emma Álvarez Conde, mais desta vez xa como muller traballadora. Da man desta ex-alumna, os rapaces e as rapazas de Tecnoloxía e Enxeñería I, Tecnoloxía Industrial II, Debuxo Técnico I e II e Desenvolvemento de Aplicacións Webs  resolverán as posibles dúbidas sobre o estudo no Grao de Enxeñería Informática. 

O luns darémosvos conta do encontro.


 

A seguir e ao abeiro da sección Coa nosa xente, recordamos a Emma de cando o seu paso polo 2º do Bacharelato.

Emma. Curso 2016-2017. Copyright IES Aller Ulloa

14 decembro, 2022

Periplo compostelán do alumnado de Artes

Este martes 13, o alumnado do Bacharelato de Artes do IES Aller Ulloa visitou un centro de estudos superiores vinculado a dita opción de Bacharelato, tal e como vén facendo nestes anos, organizado polo Dpto de Debuxo.

Nesta ocasión o centro escollido foi o Mestre Mateo, en Santiago de Compostela. Alí, alumnado e profesorado, visitamos as diferentes instalacións de escultura, xoieiría, fotografía, deseño de produto e moda.

Nuria, alumna do 2º ano do Bacharelato non sabía o que lle interesaba máis. Foi curioso observala fóra da súa calma habitual. 

Pola súa parte, Malena sorprendeuse ao poder probar un dos tallos feitos a partir de botellas de plástico de refresco, pareceulle realmente enxeñoso e confortable.

E para Jesús o relevante foi o taller de madeira.

No último obradoiro coincidimos cunha ex-alumna do noso centro, Iria, que está cursando o segundo ano de Deseño de Moda.




Por outro lado, ao chegar á cidade, fixemos unha parada no museo Gaiás. Visitamos as tres plantas do mesmo, onde Laura, abraiada e inmersa na Arte Contemporánea, apuntou que certas zonas parecían sacadas dun soño.





Tralo xantar, a nosa derradeira actividade da xornada foi unha visita guiada á Fundación DIDAC, adicada a divulgar o Deseño e a Arte Contemporáneos.


Texto: María Armada; Fotografía: Mari Ruzo

07 decembro, 2022

Campo Lameiro

Este mércores, o alumnado de 1º da ESO do noso IES, tivo a oportunidade de gozar dunha clase de Historia diferente, totalmente lúdica e práctica, xa que pasaron a mañá no Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro.

Nada máis chegar ao Parque dirixíronse á área arqueolóxica, onde escoitaron as explicacións sobre uns dos petróglifos máis coñecidos de Galicia.  A seguir participaron nun obradoiro de cerámica, para tratar de achegarse ao modo de vida das xentes daqueles tempos, e cada un coa súa pericia, foi modelando e convertendo a arxila nunha peza que levou, como recordo, para a súa casa.

Emulando aos homes de hai 4.000 anos, agora nenas e nenos, participaron no obradoiro de caza na Prehistoria, e xa de maneira pasiva, asistiron á exhibición de lume.

Aquí vos deixamos algunhas das fotografías que nos fixeron chegar as profesoras acompañantes: Eva Álvarez, Marta Otero, Alba Payo e Mari Ruzo.













06 decembro, 2022

X Concurso Literario Mª Vitoria Taboada de poesía, relato curto e sketch teatral

O IES Ramón Mª Aller Ulloa convoca o X Concurso Literario Mª Vitoria Taboada de poesía, relato curto e sketch teatral, dirixido ao alumnado de ensino secundario, ciclos formativos de grao medio e FPB matriculados en centros da Comunidade Autónoma de Galicia. 

O cartel da convocatoria é obra de Sara López Rodríguez, alumna do 2º do Bacharelato de Artes

A seguir as bases da convocatoria:

 


01 decembro, 2022

Xa somos Radio na Biblio!

 Tal e como publica a páxina de Bibliotecas escolares de Galicia, desde onte mesmo, de maneira oficial, pasamos a formar parte do grupo de centros educativos que contan con Radio na Biblio. Desde principio de curso, a profesora María Jesús Barcala está gravando podcasts co seu alumnado, pero agora poderán dispor de asesoramento, a través de obradoiros, e do material específico para traballar con máis comodidade.

Tamén hoxe a prensa local se fai eco da noticia, tal e como podemos ler nas páxinas de Faro de Vigo, na súa edición local.