23 abril, 2023

Encontro con AGA-Ucraína

Organizado e coordinado pola Biblioteca, o profesor Moncho Faílde e a profesora Alba Payo, o mércores 26 terá lugar un Encontro con AGA-Ucraína (Asociación Galega de Axuda a Ucraína) arredor da Crise en Ucraína e o desprazamento forzado da poboación, e que terá como destinatario o alumnado de HMC e de 4ºA e 3ºA da ESO.

 

O relatorio servirá para concienciar o alumnado sobre a problemática dos refuxiados ucraínos que se acheguen a Galicia, e coñecer de primeira man as penurias da sociedade civil ucraína que sobrevive en pleno conflito.

Por todo iso, levarase a cabo unha campaña de recollida de fondos para contribuír á necesidade de envío de subministración e de apoio económico, así como de axuda aos refuxiados ucraínos en Galicia.

13 abril, 2023

E seguimos compartindo experiencias

 Desde o PFPP do IES Aller Ulloa seguimos a compartir experiencias bibliotecarias. Se o mes pasado nos visitaron as compañeiras do CEIP Plurilingüe Nosa Señora da Piedade, esta vez fomos nós os que nos desprazamos ata o IES de Celanova para, da man de Isidora Gil, ver as últimas reformas da Biblioteca e mellorar os nosos PDIs. A seguir, unha breve crónica, da man de María Armada, e fotografías de Mari Ruzo e Jose Rey.

"É curioso cando alguén che di que a formación está vinculada a un espazo concreto, acostumados como estamos a que unha creación audiovisual substitúa a presencialidade. Non é máis lóxico que o docente se desprace ata o noso centro e nos explique o que se fai alí? pensaba erroneamente. Dende o primeiro momento, a coordinadora do noso equipo, coñecedora do centro e do seu traballo invalidou dita opción. 

 Ao entrar ao IES de Celanova enténdese todo: non parece un centro educativo, do que moitos, para que negalo, ás veces queremos escapar. Sentes como un privilexio a oportunidade de ter habitado por unhas horas nese lugar. Como se o talento de todos os que contribuíron á creación  de espazo estivese presente. Para a nosa sorte, e especialmente para a poboación de Celanova, o talento segue vivo e cheo de entusiasmo. Os traballos dos alumnos engalanando o corredor eran mostra recente do mesmo."





















10 abril, 2023

Coa nosa xente : María Pájaro Diéguez

Ao fío da publicación do seu primeiro libro, Quen é a nena?, e da presentación do mesmo no Círculo Recreativo Casino de Lalín o pasado 9 de abril, traemos hoxe á sección Coa nosa xente a María Pájaro.

Foto: Lapela de Quen é a nena?

Na contraportada do libro podemos ler unha breve recensión na cal María nos achega unha mirada reivindicativa que pon en valor a lingua galega e que a mantenta nos mergulla na súa lectura:

Escapamos dos fantasmas que foron acompañando a nena ata o día de hoxe.
É un libro de carácter biográfico que demostra que todos somos iguais independentemente da lingua, que ten que ser falada para evitar a súa desaparición... O libro trata da riqueza cultural dos nosos refráns e do valor de achegármonos ás persoas que realmente nos queren, afastando outras que nos desexan o mal, entre outras historias que quedan por contar...
Quen é a nena? Non vai deixarte só e será unha menciña para seguir adiante.

Salientar que María é tamén autora do deseño da portada e das ilustracións dos diferentes relatos.

 

Moitos parabéns María.

A seguir a nosa María cando o 2º do Bacharelato: 

María no curso 2010-11. Copyright IES Aller Ulloa

 

 

01 abril, 2023

Sobre viño e cervexa...

Esta vez foi Ribadavia o lugar escollido para unha clase práctica. O alumnado de 1º ano do STEMBACH, acompañado polo seu profesor de Bioloxía, Luís Guitián, puido comprobar de primeira man o proceso de fermentación industrial na bodega Viña Costeira. A experiencia, sen dúbida, axudaralles no proceso de elaboración de cervexa que están a levar a cabo no IES.

E non podían abandonar a zona sen dar un paseo polos arredores do castelo de Ribadavia. 

A seguir, as fotos que nos achegou Luís Guitián.