Un excelente guión e un prodixioso
desenvolvemento gráfico: non cumpriría engadir máis nada ao
comentario sobre “El Ángelus” (Norma: 2012), unicamente xustificar os
adxectivos empregados.
Clovis, o protagonista, é un visitador
médico de 45 anos, engulido polo seu traballo e case un inmigrante
inadaptado na súa familia: “¡Si ni siquiera
sabes encender el lector de DVD!¡Eres un retrasado! ¡Un
pitecántropo! /.../ ¡Mis amigos tienen padres como tú, incluso más
viejos, y no hay ninguno que no tenga móvil, que no sepa usar el
ordenador y que aún utilice la guía de teléfonos! ¡La guía! ¡Por
suerte en el cole nadie lo sabe, o me moriría de vergüenza!”
-bérralle o seu fillo adolescente, ao descubrir que Clovis, por
impericia, lle bloqueou o computador, mentres trataba de imprimir
L'Angélus de Millet.
L'Angélus é a chave que lle permitirá
a Clovis abrir os subterráneos por onde transitara e nos que foran
quedando soterradas as outras posibles direccións da súa vida.
Fascinado polo cadro de Millet, o noso protagonista descobre que Dalí comparte a súa fascinación e mesmo a eleva a auténtica obsesión, así que se decide a investigar. Investigará e descubrirá. Descubrirá as claves da relación Dalí / L'Ángélus e descubrirase a si mesmo debaixo da morea de rutinas que o esmagaban.
Millet, Dalí, Morris (si, o de Lucky Luke)... impulsos irracionais,
teimas incontroladas, segredos familiares, rumores fosilizados,
rumores novos, xiros e reviravoltas suficientes para crear unha gran
trama folletinesca..., a cantidade de recursos e referencias
narrativas que Giroud dispón é tan grande como o risco de acabar
tecendo unha selva inextricable, na que se puidese perder o lector.
Non sucede iso: Giraud estende e dosifica o real, o realista, o
sorprendente e o imprevisible de tal xeito e con tal elegancia que o
lector queda rapidamente atrapado na rede e déixase guiar ata o
(innecesario?) desenlace. Polo camiño, o lector pode atoparse con
suxestións para a reflexión sobre a arte e a creatividade, sobre a
enfermidade e a vida, sobre as relacións sociais e os conflitos
familiares, sobre a renuncia ou a reivindicación...
Claro que a eficacia do guión é
difícil de imaxinar sen o tratamento gráfico de Homs.
Desde grandes
planos panorámicos ata ínfimos detalles ou obxectos debuxados pormenorizados ao extremo, desde os estados psicolóxicos ata as continuas rupturas
temporais, o lapis e as cores de Homs reflicten, completan e reforzan
o guión de Giraud.
No material adicional o debuxante explícanos
algúnhas claves do uso e construción da liña e a cor. Paga a pena
ler esas explicacións e regresar á obra para agradecelas e
constatar a súa eficacia. Igualmente resulta agradecido comprobar como os cambios de luz e de brillo acompañan e reforzan cambios de situacións, de escenas, de espazos ou de tempos.
Como Giraud co guión, Homs desprega un
amplísimo repertorio de recursos, sen caer na exhibición gratuíta,
nin na estridencia.
Polo demais, fixádevos na capa. Clovis
e a profesora de arte do seu fillo contemplan un puzle.
Fixádevos ben. Non só faltan pezas por colocar, senón que falta
xente, polo menos a mirada dunha terceira persoa, alguén que ten
algunha pista para colocar algunha das pezas, se cadra algúns de
vós...