06 novembro, 2014

Catálogo oneroso de beleza gratuíta

Imaxe: Tebeosfera.com

Inquietante e sedutora. Así é Catálogo oneroso de beleza gratuíta de Fran Bueno. Cada páxina preséntase como un ficha e cada ficha vén resultando un instante, ou mellor, unha instantánea (de viaxe) de vida (e territorios adxacentes).

Poderíase dicir que non hai progresión, que falta a secuencialización e que iso supón toda unha negación da chamada arte secuencial, un atentado en toda regra contra os alicerces da BD. Se así fose, nada alarmante acontecería: a arte dos cadriños ten madureza abondo como para admitir calquera experimentación e Fran Bueno suficiente pericia para ensaiala.

Con todo, non é o caso: Fran Bueno experimenta, pero non fulmina a construción secuencial. Na vida hai secuencia e simultaneidade, e malia o formato libro impornos certa linealidade na lectura, en Catálogo oneroso... atopamos unha proposta máis arriscada: velaquí está unha vida na que, como en todas, todo o que sucede sucédese, solápase e acontece ao mesmo tempo -semella dicirnos a cada paso, mentres mira de reollo para o tempo, ese mentireiro tan amado das artes narrativas.

Pensemos nun viaxeiro de hai cen anos enviando postais e fotos de fotógrafos ambulantes desde cada lugar en que pare. Alguén as recibe e acaba por gardalas nunha caixa, sen ningunha orde. Iso é unha tarefa que deixa para os que veñan despois. Cadaquén tratará de ordenalas, reconstruíndo a viaxe ou a esencia da viaxe. Os instantes e instantáneas aparecerán barallados de diferentes xeitos e cada ordenación acollerá, dentro de si, centos, miles de momentos imaxinados por cada un dos que a realiza. Algo así fai Fran cun ferrado de fragmentos de vida, presentados en 46 fichas.

Así e todo, o autor -nun pequeno (grande) exercicio de virtuosismo- vai enfiando tales fragmentos con fino e tenue fío. Descubrilo (ollo: non resulta nada críptico!) é un delicioso bocado que se lle ofrece ao lector e, sobre todo, é unha invitación a ir e volver sobre o libro, a abrilo ao chou ou a buscar secuencias... a xuntar escenas por temas, por motivos, por exercicios "metacomiqueiros", por "xéneros", por ducias de criterios que podemos idear... En cada ficha hai o xerme dun conto, dun poema, dunha viaxe ao futuro ou dun mergullo na historia (con h e con H). Así é a caixa que nos preparou Fran coa -iso si- parte amable da vida: seleccionando instantáneas amables, pousando tenrura no cotián, deborcando un delicado humor sobre o concreto e o abstracto, todo iso e máis para propoñernos un exercicio de liberdade lectora: ídeo barallando e creade unha chea de vidas amenas.

Imaxe: Komic
Que non poderemos imaxinar a partir da primeira ficha? É unha azucena que evoca o estilo das vellas láminas de natureza (cantas homenaxes á historia da ilustración!) e que se acompaña deste texto:
[Unha flor] Este é o catálogo de beleza gratuíta, e esta é a sua primeira entrada. A máis fácil, a máis manida e obvia. Pero por favor párate a botarlle un ollo no parque, no campo ou nunha maceta. [Párate e mira as flores] [Son gratis]
  Cantos miles de imaxes non nos poderemos figurar para as tres últimas fichas, reducidas a tres únicas palabras:
A XUSTIZA, A PAZ, A ESPERANZA
E a parte gráfica? Estamos ante un  debuxo claro e harmónico na diversidade de recursos e  mesmo de estilos que interpreta. Un grafismo tan igual e tan diferente dunhas fichas a outras como o pode ser un día fronte ao que o sucede, tan diverso e tan semellante como o pode ser cada día en si mesmo ou en comparación con calquera outro... Acaso non era iso a esencia do libro?

CODA: O xogo  autor / narrador(es) que se nos propón é complexo e fascinante. Esbozalo precisaría de máis liñas que as que ata agora se usaron. Se cadra noutra ocasión...

Polo demais,
Fran, aí atrás aproveitabamos a nosa felicitación polo premio para agradecerche a túa axuda á hora de construírmos a nosa colección de BD. Podémonos repetir? Parabéns e graciñas, Fran,  por ofrecernos esta obra extraordinaria.

1 comentario:

Anónimo dixo...

Precioso libro é máis precioso ainda o comentario. Antonio.