28 abril, 2017

IV Concurso literario Mª Vitoria Taboada: os premios.


Xa temos gañadores do IV Concurso literario Mª Vitoria Taboada:


Na categoría de poesía o gañador foi Diego Pereiro González polo conxunto de poemas titulados respectivamente "Chamádeme entolecido", "Son un pianista" e "Tan frío que incluso queima" pola súa pericia á hora de empregar recursos tradicionais de repetición, rimas e xogos de palabras ao servizo da expresión concisa e directa da necesidade da confirmación da propia personalidade.

Na categoría de relato curto resultou gañadora Noa Villar Gallego con "A caixa de música" pola exquisita sensibilidade coa que, a través dunha linguaxe suxestiva e simbólica, reflicte a frustrante incapacidade das persoas para non apreciar en ocasións o valor único dos seres máis achegados.

Nesta categoría de relato curto o xurado considerou outorgar dous accésits:

1º accésit para Roberto Agra Buján polo relato “Lazos de sangue” pola habilidade con que mestura unha orixinal técnica cunha complexa trama narrativa, chea de detalles de ambientación e suspense, que o converten nun logrado exemplo de relato de terror.

2º accésit para Anxo Gil Figueiras polo relato presentado “O prado dos cabalos” pola brillantez con que arremeda o mellor do clasicismo no subxénero de intriga.

O xurado considerou deixar deserto o premio de sketch teatral.

O 25 de maio, ás 12:30, terá lugar o acto de entrega dos premios na biblioteca do instituto.
  Poesía:




Chamádeme entolecido, ninguén nace tolo

Iso dixo Kase-o, non podes collelo todo oh!

Non sexas choromicas non hai colo pra todos

Só latricas vouche facer na lingua un nó



Acicálate! Ti non lle das proveito

Así cálate! Non quero escoitar o teu invento

Non me importa o que rosmes

Cara arriba me afeito

                  

Ti o máis cerca que vas estar do éxito

Vai ser unha breve calada de mérito

Ti usas como bo o que eu queimo

Non intentes resaltar no meu reino



Son un pianista en tempos de guerra

Xa non sei que queren de min…

O mundo está manexado por medo

Xa non sei que queren de min…



Ás veces que fallei e fallei

Xa non sei o que fago de min…

Síntome perdido mirando o ceo

Xa non sei o que fago de min…



Penso escapar do perigo

Xa non sei o que esperan de min…

Principios felices, nunca os finais

Xa non sei o que esperan de min…



Tan frío que incluso queima

Non o poden parar, derruba

Quere logralo, pola súa teima.



Pode ser un segredo de tumba

Ou tamén algo que relustre

Que brille como ningunha

Ou que non sexa digno de ver.

                              

A súa fortaleza fai compaña

A súa afouteza de non perderse

Algo de contraveleno que o amaña

Tanto brío e non durou nada o de quererse

Diego Pereiro González

Relatos:
 A caixa de música

A luz comezaba a entrar polos buracos da persiana, os paxariños xa piaban e un forte cheiro a café recentemente feito inundaba toda a casa. Estarriquei o brazo para chegar ao interruptor e prender a luz, levanteime da cama e puxen as pantuflas para baixar á cociña. Alí, atopei o meu avó, que estaba asubiando unha desas cancións que soamente el coñece, mentres preparaba un zume de laranxa, coma todas as mañás. 
O verán estaba xa a rematar, e faltaba soamente unha semana para volver á rutina, para regresar a ese cárcere chamado colexio, que eu tanto rexeitaba. Non quería que as clases volveran empezar porque iso implicaba que tiña que volver á cidade con meus pais, e que soamente podería ver a meu avó unha vez cada dúas semanas. Non estaba preparado para iso.
Levaba todo o verán co meu avó, que vivía nunha casiña dunha aldea perdida dos Ancares. Nun principio, eu negábame a pasar un verán enteiro naquela aldea perdida no medio do monte, pero meus pais dicían que ía ter que facelo, pois eles ían ter moito traballo este verán e non podían andar coidando de min. Por moito que lles roguei, non deron o brazo a torcer e tiven que pasar todo o verán na aldea de meu avó.
Os primeiros días foron os peores, pechábame no meu cuarto todo o día e poñíame a escoitar as únicas tres cancións que tiña no móbil. Na casa de meu avó non había nin wifi, nin televisión; soamente unha pequena radio que non funcionaba moi alá e unha caixa de música que meu avó observaba todas as noites cunha estraña luz nos ollos. Non entendía como se podía vivir así, sen ningún tipo de pasatempo.
Foi cando xa levaba unha semana na casa que decidín ir ver o que facía meu avó ao longo do día. Ben cedo pola mañá, espertaba e preparaba un café ben cargado con tres culleradas de azucre; despois saía a darlles de comer aos animais e tamén traballaba un pouco na pequena horta que tiña. Cando xa chegaba a hora de xantar, poñía a mesa e preparaba a comida. Case todos os días se deitaba un pouco no sofá da sala; el dicía que soamente descansaba un pouco, que non durmía, pero en realidade escoitábanse os seus ronquidos dende a miña habitación. Levantábase máis ou menos unha hora máis tarde e ía dar un paseo polo xardín ata que cansaba e sentaba no canto do pozo. Alí sentado podía botar horas, había días que ata se lle facía de noite. Cando xa vía que comezaba a baixar a temperatura, entraba na casa, pegábase unha ducha e facía a cea. Despois de cear gustáballe escoitar un pouco a radio ata que vía que era hora de ir para a cama durmir; desexábame as boas noites e marchaba para a planta de arriba. Había noites que ás catro ou cinco da mañá, eu espertaba para ir ao baño e escoitaba a caixa de música da súa habitación soar; sempre a poñía cando non podía durmir.
Pouco e pouco e a medida que os días ían pasando, eu pasaba máis tempo con el: axudábao cos animais e coa horta e todas as tardes sentábamos no pozo a falar, el contábame historias que lle sucederan ao longo da súa vida e eu escoitábao con gran interese.
Sen querelo, este foi ser un dos mellores veráns da miña vida.
Os días seguiron pasando e chegou o momento que tanto temía, a volta ao colexio. Non quería ter que marchar da aldea para encerrarme nun piso dunha cidade coma calquera outra, chea de ruído e contaminación, na cal non se pode respirar o aire puro da montaña.
Para ben ou para mal, os días foron pasando; ata que chegou a primeira fin de semana despois da volta á clase no que ía ir ver a meu avó. Eu estaba moi feliz pois xa levaba dúas semanas sen velo e tiña ganas de volver sentar no canto do pozo para escoitar a súa tranquilizadora voz contándome historias. Eu quedara con meu pai en que, cando saíra do instituto, collería un autobús para chegar ao piso, que comería rápido e que despois xa arrancariamos cara á aldea. Pero cando vin o coche de meu pai aparcado diante do instituto e me fixei na súa expresión, souben que algo ía mal.
E así era, a meu avó déralle un ataque ao corazón e atopábase no hospital. Cando cheguei a velo na pequena e aburrida habitación, notei que os seus ollos non tiñan esa cor tan característica que adoitaba ter, estaban apagados, sen vida. Meu avó en canto me veu, tentou debuxar un sorriso na cara, pero soamente lle saíu un aceno estraño.  Mandou que me achegara á cama e eu obedecino e collinlle a man, tíñaa moi fría. Eu non quería marchar do seu carón, e así o fixen; non deixei a súa man en horas. O avó loitou por seguir vivindo, pero era un home vello e xa case non lle quedaban forzas. Faleceu esa mesma noite, rodeado da súa familia e sen soltar a miña man. Nos seus últimos folgos, dirixiuse a min e dixo: “colle a caixa de música”.
Foron uns meses moi malos, tanto para meus pais como para min. Non volvín á casa da aldea ata pasados dous anos, cando nun soño recordei a frase que dixera o meu avó antes de morrer. Foi un impulso, pero collín a meu pai, metino no coche e puxémonos en dirección á aldea. Cando cheguei á casa, dirixinme á habitación de meu avó. Alí seguía a caixa, deille un par de voltas á manivela e a bailarina comezou a moverse cunha bonita canción de fondo. Collín a caixa e con ela soando deille unha volta a toda a casa, recordando aqueles meses de verán. Os anos pasaron e claro que houbo veráns bos, pero ningún coma aquel que quedou na miña memoria para sempre.
 Noa Villar Gallego
Lazos de sangue
Unha sombra móvese escondida nas tebras das apagadas rúas de Santiago mentres busca furtivamente o fogar do home que, neses precisos intres, escribe a nota que minutos despois a estraña sombra atopará. Os xogos de luces dos farois acaban por iluminar unha pálida face dun home que aínda que con calma se move rápido para chegar ao seu desexado destino. Cando chega, revisa toda a casa ata chegar a unha pequena habitación cun escritorio no que destacan unhas follas e, no chan desa habitación, un cadáver sen unha soa pinga de sangue; chegara tarde, pero precisaba ler as follas que, supoñía, estarían escritas por aquel pobre home que agora xacía morto, era a única maneira de saber como deter o mal ao que se enfrontaba. Colleunas, sentou nunha cadeira e empezou a ler con nerviosismo.
“Espero que esta nota vaia parar ás mans de alguén capaz de deter o horror que hoxe acabará por matarme. Se é así, tentarei dar todas as indicación posibles, valente amigo. Para comprender estes macabros sucesos, deberás saber primeiro quen son e o porqué desta situación. Chámome Eduardo Soto e son escritor de novelas de terror: parece que o destino é un gran cómico,  trasladeime a esta casa por falta de inspiración e agora, nos meus derradeiros minutos, sinto o irrefreable impulso de plasmar nestas liñas todo canto sei sobre o terror.
Todo empezou cando a miña noiva me deixou e eu quedei vivindo na casa que compartiamos; non podía escribir, todo na casa acababa por recordarma e iso facía imposible que me concentrase en escribir. Acabei por alugar a casa pero vinme na obriga de que para mudarme debería compartir piso. Permanecín nun hotel durante uns días, os suficientes para colgar un anuncio na Internet referente a que precisaba un compañeiro de piso.
O anuncio respondeuno Vladimir Kravets, un estudante de belas artes que tiña pouco máis de 20 anos e que viñera a Santiago a pasar unha tempada estudando a nosa famosa catedral, iso foi o que dixo para xustificar que eu só o vería polas noites, cando eu chegase do traballo para o que me contrataran nunha pequena libraría na Praza Roxa. As súas palabras exactas foron: “Como comprenderá, quero dedicar todas as horas posibles de luz a estudar a arquitectura e as obras da catedral, polo tanto só nos veremos pola noite”. Pareceume unha xustificación coma outra calquera, así que non lle dei máis voltas e empecei a convivencia con ganas.
Eu tiña un pequeno canario que un día apareceu morto, así, sen máis; esa noite Vladimir comentoume que o escoitara facer uns estraños ruídos, e que probablemente estaría agoniando; aínda que me pareceu algo extravagante a explicación, decidín dala por boa e esquecelo. O único raro foi a aparición de dous pequenos buratos no corpo do canario pero, podía ser que se os fixera cando agoniaba chocando nalgunha parte da gaiola .
Polas noites Vladimir e mais eu falabamos ata altas horas da madrugada, os dous compartiamos a paixón polo terror psicolóxico, eu contáballe como era o proceso de creación das novelas e el dábame información sobre seres de ultratumba propios da súa rexión, faloume dun que me chamou moito a atención, o strigoi, un vampiro morto que ocupa un alto posto na xerarquía vampírica e que é capaz de someter os vampiros inferiores a el.
A nosa convivencia era boa, xa eramos ata amigos, pero todo o bo ten un final. As miñas sospeitas empezaron cando un día me deron a tarde libre na libraría e decidín visitar a Vladimir na catedral. Cal foi a miña sorpresa ao descubrir grazas á encargada da seguridade da catedral que Vladimir non pisara a catedral nin en todo o día, nin nunca. Vladimir mentírame! Esa noite decidín preguntarlle por que non estivera na catedral aquel día, aínda que preferín gardarme para min que sabía que non fora nunca. Vladimir respondeume evasivamente: “É que hoxe non tiña moitas ganas de ir, ademais, coñecín unha rapaza coa que fun tomar algo e fíxoseme tarde”. Outra mentira máis para a colección. Os meus receos sobre Vladimir ían en aumento así que considerei oportuno buscar na Internet algunha información sobre el.
Encerreime na miña habitación e logo dunhas longas horas de busca na rede só atopei unha noticia sobre a morte de dous irmáns había cen anos, e cando xa estaba a piques de cerrar a pestana vin algo que me xeou o sangue, un dos irmáns que aparecía na foto da noticia era exactamente igual que Vladimir! Absorto como estaba en asimilar a nova información, tardei en darme conta dos ruídos que procedían do salón do piso.
Unhas voces apagadas, unha delas a de Vladimir, en voz baixa. Só puiden distinguir pequenas frases pero unha delas púxome sobre aviso: “Si, señor, seguireino, nin se dará conta de que o estou perseguindo”. Esa era unha voz descoñecida pero non me importaba, o importante era que probablemente Vladimir sabía que eu empezara a sospeitar del e que buscaba espiarme, a partir de entón debería andar con pés de chumbo se quería non levantar sospeitas.
Naquel momento nin sequera sabía por que sospeitaba de Vladimir, simplemente sabía que non era quen dicía ser. Ao día seguinte, coma se estivese sendo guiado por un ser superior, camiñei a présa cara a unha biblioteca e alí preguntei por un libro sobre vampiros nas diversas culturas europeas, revisei todos os tipos ata que atopei o que buscaba, o strigoi; descubrín que ademais do que me contara Vladimir, estes vampiros nacen logo de morrer como seres humanos nunha morte prematura e violenta. O mozo da noticia morrera nun accidente de tráfico, por tanto podería perfectamente ser Vladimir e sendo así, Vladimir podería ser un strigoi, pero sendo así, outra incógnita aparecía neste complexa historia: e o seu o irmán?
Ao saír da biblioteca fixeime en que nun recuncho sombrío da rúa, un home non paraba de mirarme. Sabía de sobra quen era, así que, apurei o paso e dei todos os rodeos que puiden para despistalo e evitar que me seguise ao meu próximo destino, un anticuario onde, grazas a que tiven que pasar por alí varias veces, sabía que vendían balas de prata; sabía que as balas de prata eran o único que podería acabar con Vladimir. Logo de percorrer medio Santiago tentando esquivar o “amigo” de Vladimir, comprei as balas e marchei para o piso coa firme convicción de rexistrar a habitación de Vladimir nada máis chegar.
Aínda que só puiden comprar dúas balas polo seu elevado prezo, sentíame seguro. Non teño moitas calidades, pero unha das poucas que teño é a puntería, segundo lera había que disparar ao strigoi entre os ollos para matalo, e aínda que fallase unha, tería outra oportunidade. Ademais, se estaba no correcto, Vladimir estaría durmindo, faltaba media hora para que o sol se puxera, tería tempo de sobra para matalo sen que se dese conta sequera.
Entrei no piso sen facer ruído e camiñei en silencio ata chegar á habitación de Vladimir, onde durmía cos brazos en cruz. Apresureime a chegar á cama e apuntei coa pistola á zona intermedia entre un ollo e o outro. Cando estaba a piques de disparar, Vladimir abriu os ollos, agarroume o pulso e lanzoume contra a parede do corredor cunha forza sobrehumana. Caín co brazo esquerdo soportando todo o peso do corpo e, en consecuencia, rompino. Afortunadamente, son destro e puiden seguir suxeitando a pistola e disparar con certo control. Xusto cando Vladimir abriu a boca para mostrarme uns afiados cairos que me aterraron, disparei e fallei, a dor non me permitira apuntar ben e deille no pescozo; presa do medo, disparei a outra bala e volvín fallar. Vladimir caeu ao chan berrando, momento que aproveitei para fuxir e encerrarme no cuarto onde me atopo agora.
Os berros de Vladimir acaban de cesar, sei que non tardará moito en vir por min, a porta non oporá moita resistencia, e pronto acabarei morto e sen unha pinga de sangue no meu corpo. Se ti es o irmán de Vladimir, mátao por favor, xa sei que é duro o que che pido pero mátao.”
Ao rematar a lectura das follas, o home achégaas ao seu peito e cando se dispón a erguerse, descobre que aínda quedan unhas liñas por ler, estas, escritas en sangue, teñen unha caligrafía distinta.
Querido irmán, sei que estás a ler estas follas, volvín ganarche, volves chegar tarde, seguirei matando e ti non podes facer nada por evitalo. Admito que este aínda opuxo algo de resistencia, descubrir o que eu son e que teño un irmán é unha tarefa de investigación moi grande! E aínda por riba tivo o valor necesario para tentar matarme! Teño que recalcar que eu non quería matalo, era o imbécil perfecto para telo de tapadeira pero non ía deixar que acabase comigo. En fin, irmán, unha pena non vernos pero hai que ser máis puntuais. Teño ganas de que me expliques por que ti repudias beber sangue e a nosa condición, sigo sen entenderte, pero sempre fuches moi idealista.
Unha aperta de sangue, Vladimir”
O home érguese e prepárase para marchar do piso no que se cometeu tan horrible asasinato. Mentres o home se volve resgardar nas sombras da noite, murmura en ton ameazante:
-Tranquilo Vladimir, volverasme ver e esa vez será a última que nos vexamos e non penso ser eu quen saia malparado do noso encontro.
 Roberto Agra Buján
O prado dos cabalos
O Sol comezaba a aparecer no horizonte, e a escuridade da noite tinguiuse de luz. O rapaz mirou pola ventá mentres cerraba o libro. Non se dera conta de que botara toda a noite en vela, pero preferíao así. O silencio e a tranquilidade da noite eran o seu momento do día favorito para ler. Finalmente, tras deixar o libro nunha mesa, levantouse e meteuse na cama.
Tan só un par de horas máis tarde espertou, e baixou as escaleiras, esperando ver o seu avó na cociña, pero non estaba, así que comezou a almorzar só. Cando foi deixar todo no seu sitio outra vez, veu unha nota, que dicía que o seu avó estaba fóra, no prado no que tiña os cabalos. Tiña moito tempo ata que volvese, xa que case sempre quedaba alí toda a mañá. Propúxose explorar aquela casa tan enigmática e descoñecida. Apenas levaba alí un mes e case non sabía nada dela. Só estivera alí unha vez, pero era moi pequeno, e xa non recordaba nada.
Desde que chegara, a mediados de xullo, sempre quixera ir ao faiado daquela casa antiga, chea de segredos. O seu avó prohibíralle ir alí, xa que dicía que era perigoso e que o chan estaba delicado, xa que a casa era duns antepasados da avoa, que durante séculos pasou de xeración en xeración ata os seus avós. Subiu ata o último andar, que daba ao faiado. A porta estaba pechada, pero cunha tarxeta foi capaz de abrila. Daba a sensación de que ninguén estivera alí en moitos anos. O po facíase visible cos raios do sol que se filtraban desde os buratos do teito. Arañeiras empoadas cubrían todo o que alí había: armarios, butacas, mesas... Apenas se podía camiñar, xa que había infinidade de cousas tiradas. De súpeto, un cadro nunha caixa con infinidade deles chamoulle  a atención. Os seus avós amosaban un sorriso conxelado. Era o mesmo cadro que a súa nai tiña na casa, e o que sempre observaba ensimesmada cando recordaba a súa nai. El nunca a coñecera. Tampouco súa nai. Pouco despois de nacer ela, desapareceu. O avó buscáraa, pero volvera sen atopala.
Sacou o cadro da caixa, que tiña moitos máis cadros dela. Colleuno. Tiña a pintura moi deteriorada. De súpeto, o marco rompeu nas súas mans, comido polos térmites. Un anaco de papel caeu do lenzo ao chan. Nel, estragado polo tempo, había unha serie de números e a palabra prado, e unha mancha vermella dunha pegada, como se alguén se cortara co papel e o sangue quedara alí. Emocionouse moito. Podían ser as coordenadas dun tesouro familiar oculto, ou unha mensaxe nunha linguaxe oculta. Gardou o papel nun peto, e deixou o cadro con coidado no seu sitio, aínda que o seu avó non fose entrar alí.
Durante o resto da mañá tratou de descifrar o significado desas palabras, pero non lles atopaba ningunha lóxica. Desde a ventá veu como seu avó chegaba, así que saíu a recibilo. Morría por contarlle aquel descubrimento, pero cando o veu entrar decatouse de que tería que dar explicacións cando lle preguntase onde o atopara, así que decidiu calar.
Estaba anoitecendo. O rapaz seguía pensando no papel. Prado. Números. De súpeto todo tivo sentido. O prado dos cabalos.
Á mañá seguinte, estivo na súa habitación, esperando á ocasión para poder escapar alí. Esa ocasión presentóuselle cando, despois de comer, o seu avó foi durmir a sesta. O rapaz colleu unha pa e marchou cara ao prado. Despois de saber o lugar onde estaba o tesouro, comezou a cavar. Estaba canso e apenas fixera progresos.
Xa estaba anoitecendo cando a pa deu con algo sólido. Cheo de emoción, empezou a quitar a terra coas mans, pero o que atopou non foi un tesouro. Foi  un cranio. 
Anxo Gil Figueiras

Ningún comentario: