02 marzo, 2024

Ao fío de... Unha guía de lectura, por Payo

Como parte do Proxecto Interdisciplinar "Lalín, a vila das 1.000 vacas", Madonna e outros contos de inverno serviulle a PAYO para exemplificar o proceso de elaboración dunha guía de lectura. O comentario do relato no que unha adolescente encara un traballo de redacción sobre o mal das "vacas tolas" foi dando forma a un modelo de Marela, unha guía de lectura que nese mesmo momento comezaron a pensar os nosos rapaces do Club de lectura Tarabelos I.

A temática é semellante, o agro galego, as lecturas diversas, e os críticos literarios dez alumnos de 3º da ESO que, para comezar, nos deixan as súas opinións sobre a actividade.


"O taller dirixido por Xosé Payo Cangado paraceume moi útil e interesante xa que me permitiu ter unha idea máis perfeccionada sobre como é unha guía de lectura e como debo realizala. Ata ese momento eu sempre as realizara doutro xeito completamente distinto e creo que agora son capaz de imitar o método adecuado, e así mellorar na elaboración deste texto tan necesario cando se fala dun club de lectura"
Pablo Pérez Gil

"A pequena charla que nos deu Xosé Payo Cangado o pasado martes gustoume moito,  porque aprendemos a maneira correcta de realizar un comentario sobre un libro de forma sinxela e falando de todo o necesario para que este sexa completo.
Penso que a charla foi moi útil, xa que a idea que eu tiña sobre como facer un comentario dun determinado texto distaba moito do que el nos espuxo, e estou convencido de que no futuro me vai axudar. Gustaríanme máis charlas coma esta"
David Fuentes Diéguez

"A charla do outro día, impartida por Xosé Payo Cangado, sobre como facer unha guía de lectura, pareceume excelente. Eu non sabía facer unha crítica da lectura, non tiña nin idea de como facela, e aprendín. Así, cando agora teña que poñerme co meu comentario xa saberei facelo sen complicacións"
David Vila López

"A min a charla gustoume, xa que aprendín a redactar un comentario de texto de maneira clara, ordenada e formal. Ademais aclaroume certas ideas e conceptos sobre o que era, en si, unha crítica literaria"
Martín Santiso García

"O obradoiro gustoume porque aprendín bastantes cousas, sobre todo a facer unha crítica formal sobre un libro, xa que Payo nos explicou moi ben como facela."
Íker Fiúza Gómez

"O que aprendín con esta charla foi que con traballo e esforzo danse feito cousas moi complexas, de feito, aprendín a facer o meu propio comentario de calquera obra, e a expresarme mellor sobre os libros que leo. En xeral aprendín a mellorar non só a forma de traballar con contos ou relatos, senón tamén a empregar esa información de modo ordenado e simple".
José Antonio López Mesa











Ningún comentario: